As voces que inspiran: os poetas que dan alma á arte en Arousa

Hoxe, 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, é unha ocasión para lembrar os versos de aqueles que converteron a literatura da nosa terra nunha exaltación da cultura e da lingua
As voces que inspiran: os poetas que dan alma á arte en Arousa
Poemarios galegos no Día da Poesía | Olalla Bouza

Dicía Plácido Castro que é a arte máis fermosa, pese a que a Gloria Fuertes lle botasen en cara que non daba de cenar. O caso é que hoxe está de día a poesía, que en Arousa ten tanta vida como latexan as ondas, dunha á outra banda.

 

Coa forza do río, pero cara adentro, naceu o 'poeta de Bemil', unha das primeiras mostras da poesía contemporánea nas comarcas arousáns. José Rey González, (Caldas, 1874-1957), foi tamén mestre e converteu á súa aldea natal en protagonista da súa obra. Unha poesía que cruzou o charco, nunha aventura americana tinguida de morriña. Co Rexurdimento de Curros e Rosalía como guía, perseguiu sempre a perfección en poemas como o adicado á Romaría de Bemil:

 

"E Xan di: Fora chaquetas;
¡beilar como manda Cristo!
O que non teña bos modos
poñerésmolle unha multa...
Y-eisí beilan, beilan todos
hastra que o sol se sepulta..."

 

Dous anos despois naceu unha das figuras máis coñecidas de Cambados. De Ramón Cabanillas (1876-1959) dixo a posteridade que foi o enlace entre o Rexurdemento e a modernidade. Antes de sabelo, colgou os hábitos, emigrou a Cuba a facerse agrarista, retornou a Cambados, formou parte do Grupo Nós e das Irmandades da Fala, e todas as viraxes quedaron plasmadas nunha poesía que pasou do intimismo ao activismo, pero sempre enraizada na terra.
 

 

"Terra nai, terra sagra, de onde foron abertos
sobre mares inotos a través dos desertos
os camiños do Alén 
que o loureiro te ciubre de eterna verde folla
e o amor ledizoso como novia te escolla
e te guíe con ben!"

 

Aínda que nado en Ponteareas (nunha época na que as nais eran os hospitais), Fermín Bouza Brey (1900-1973) é de Vilagarcía, onde viviu desde que apenas era máis que choros ata que comezou a época adulta. Foi no fogar vilagarcián onde deu renda solta ao seu amor pola búsqueda, que tanto enfocou na arqueoloxía como na poesía. O descubremento foi a lei dun home que naceu co século, que foi o iniciador do neotrovadorismo e que, na seitura, quería ser nao senlleira.

 

"Prangideiras, a carpir!
teño o corazón lizgairo 
e pódeseme dormir

Cantadoras, a arrolar!
teño o corazón lizgairo
e adoita á se despertar."

 

No caso de Arturo Regueiro (Caldas, 1961), gañador do Premio Esquío de poesía con 'Cartografía' e personaxe das novelas da catoirense Anxos Sumai, o corazón é outra cousa.

 

"O corazón é un obxecto inútil 
unha porta ao deserto, un luxo. 
A noite ferve, ti non esperas tenrura 
ti medraches na rúa Marín"

 

Nin sequera a poesía se libra das carreiras de obstáculos que teñen que emprender as mulleres. Xaquina Trillo (Vilagarcía, 1916-2004) tivo que esperar 64 anos para publicar o seu primeiro poemario, aínda que as verbas levaban brotando desde nova, tal e como relata Patricia Arias Chachero na súa biografía no Consello da Cultura Galega. 'Ceibes, versos galegos' é o seu primeiro libro, tras o cal virían catro máis.
 

"Canta fermosura
portaba a camelia
Que cousa máis fina
que cousa máis bela"

 

Na outra banda da Ría, na parroquia de Asados, en Rianxo, naceu o poeta que nunca firmou cos seus apelidos, o home que fixo internacional ao pailebote. Manuel Antonio (Pérez Sánchez), que veu ao mundo en 1900 e deixouno en 1930, cursou estudos de marino mercante e publicou os seus primeiros poemas na revista 'Suevia', con só 18 anos. Formou parte da xeración de autores que van levar o peso da renovación da poesía galega, coa incorporación dos -ismo da vangarda. Foi 'De catro a catro' o seu único poemario publicado en vida e converteuse nunha das obras máis destacadas da literatura galega.

 

"Encheron-nos o vaso
con toda a auga d'o Mar
pra comprar un cock-tail de horizonte"

 

O mesmo horizonte ao que mira Gonzalo Hermo, ao que Rianxo veu nacer en 1987. Estudou Filoloxía Galega e publicou o seu primeiro libro, 'Crac', en 2011. Entre outros premios, recibiu o de Poesía Joven Miguel Hernández ou o da Crítica Galega. Pero, sobre todo, é o futuro o que espera polas súas mans.

 

Os dedos que fan da poesía unha arte en viva marexada. Que pode ser unha pequena oportunidade de arder ou as formas de decir choiva nunha mesma Verónica Hermida (O Carril, 1976), ou que poden estar coa nai nun campo de amapoulas, como describe o tamén carrilexo Antón Blanco Casas (1996), premio Minerva e Victoriano Taibo. Para Andrea Fernández Maneiro, tamén nada en Carril, pero en 1964, e Premio Eduardo Pondal, é unha fonte que deixa correr o voto de silencio, mentras que David Souto (Vilagarcía, 1983) suxire un canto de curuxas. Unha música distinta á que lle pon coas súas bandas (agora imperfectas) Juan Carballo (1981, vilagarcián de Bilbao) que coas verbas resolve (ou crea) asuntos pendentes mentras que Afra Torrado (Bamio, 1997) advirte de que "as imaxes sucéndese dentro de quen quere esquecer".

 

Por iso seguirán nacendo poetas. Explica Xurxo Alonso (Bos Aires- Vilagarcía, 1956) que "as palabras cosían o roto". Porque xa o dixo Luis Pimentel: " A poesía é o gran milagre do mundo!".

 

As voces que inspiran: os poetas que dan alma á arte en Arousa

Te puede interesar