“Aparvar(se)”, “cantareira”, “dina”, “emerxencia climática”, “fala” e “meu”, finalistas na elección da Palabra do Ano 2024

“Aparvar(se)”, “cantareira”, “dina”, “emerxencia climática”, “fala” e “meu”, finalistas na elección da Palabra do Ano 2024

Tras a fase de recolla de suxestións, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe a fase da votación popular que decidirá cal é a Palabra do Ano 2024. Aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu son os vocábulos finalistas que apelan de distinta maneira a temas que marcaron a actualidade dos últimos meses, responden dende a lingua propia a expresións alleas ou mesmo miran con ilusión cara ao 2025, cando a RAG lles dedicará o Día das Letras Galegas á poesía popular oral e ás mulleres que a transmitiron ao longo dos séculos coas súas voces. A votación telemática permanecerá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras.

 

Neste 2024 medrou aínda máis a preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais, tanto pola perda de atención que provoca entre a xente máis nova, e na adulta, como polas consecuencias do espallamento de loiadas e contidos de baixa calidade e vacuos. As análises sobre esta tendencia global están a xerar neoloxismos, a miúdo préstamos do inglés, pero o vocabulario patrimonial ofrece solucións acaídas para designalo. É o caso do verbo, aparvar(se), “quedar parvo ou sen capacidade de discorrer”, na forma intransitiva, ou “pór coma parvo, deixar sen capacidade de discorrer a [alguén]”, na transitiva. Unha palabra de sempre, cargada dunha poderosa expresividade que pode contribuír á reflexión crítica colectiva sobre a cara negativa do uso que se lles está a dar a aplicacións que acumulan miles de millóns de usuarios. Conta ademais con varios sinónimos tamén ben expresivos como atrosmarse, emparvecer ou parvear.

 

Avanzando a que sen dúbida ha ser unha das grandes boas novas do ano a piques de comezar, a fase de recolla de suxestións deixou propostas variadas que soan xa ás Letras Galegas 2025. Entre elas destaca o substantivo que designa as protagonistas da celebración dedicada á poesía popular oral, as cantareiras, as mulleres que cantan e crean cantigas populares. Palabra polisémica, soa igualmente moi ben nas acepcións que ten como adxectivo: “que sabe cantar ou é afeccionado ao canto” e “que emite un son agradable e melodioso”.

 

Lembrando o que non se poderá esquecer, outra finalista é dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos. As siglas escríbense en principio con maiúsculas e sen punto, mais cando o seu uso se fai moi frecuente acaban converténdose en unidades lexicalizadas, como aconteceu con este termo por mor da devastadora dina que sufriu especialmente a Comunitat Valenciana o pasado novembro.

 

O incremento da frecuencia e virulencia de fenómenos atmosféricos como as dinas ou as ondas de calor, así como outros síntomas do quecemento global como a suba do nivel do mar, deixan tamén pegada na lingua en forma de novos vocábulos ou de sintagmas nominais como emerxencia climática. Estoutra candidata á Palabra do Ano 2024 alerta das graves consecuencias do cambio climático para todo o planeta e chama á acción colectiva para frealo.

 

A situación da lingua galega foi outra preocupación reiterada na fase de suxestións. Entre a diversidade de propostas, chega a esta final, pola súa sinxeleza e rotundidade, fala. A voz popular que designa a “lingua natural propia dunha comunidade humana” funciona en Galicia como sinónimo pleno do idioma propio do país. Fala define ademais a “facultade de falar” e resume un forte desexo para o vindeiro 2025: que o conxunto da sociedade galega sexa quen de abrir un novo tempo para o idioma, revertendo a perda de falantes e xerando consensos arredor do noso gran tesouro colectivo.

 

Á oralidade remite igualmente meu, ou miña, no significado no que aparece como finalista da Palabra do Ano 2024, como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo ten un uso tradicional oral, sen artigo, en exclamacións ou vocativos que buscan implicar o receptor na conversa, denotando familiaridade e proximidade afectiva. Xera así expresións como Que me dis, meu? ou Miña, imos á festa?, semellante ao emprego de ho! ou, cun uso cinguido a territorios máis concretos, ou ché.

 

Recursos na Rede para divulgar e xogar co léxico

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

 

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñible para dispositivos Android e iOS.

 

“Aparvar(se)”, “cantareira”, “dina”, “emerxencia climática”, “fala” e “meu”, finalistas na elección da Palabra do Ano 2024

Te puede interesar