O centro dramático galego reestrea ‘terceiro acto’ con 14 funcións no salón teatro e unha xira por outros oito escenarios

O centro dramático galego reestrea ‘terceiro acto’ con 14 funcións no salón teatro e unha xira por outros oito escenarios

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle este xoves 3 de outubro ás 20,00 horas a reestrea de Terceiro acto, produción propia do Centro Dramático Galego de 2021 que regresa aos escenarios como parte da recta final da actividade que a unidade teatral da Xunta de Galicia ten programada para conmemorar o seu 40º aniversario. O espectáculo, con novos nomes no elenco, permanecerá en cartel na capital de Galicia ata o día 20, para iniciar despois unha xira por outros oito concellos galegos.

 

A peza, con dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando  Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Os tres últimos tómanlle a testemuña a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco reunido hai tres anos. Consérvanse as realizacións artísticas orixinais: a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorpora como axudante de dirección.
 

Optimizar a distribución
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, visitou un dos ensaios da compañía no Salón Teatro e trasladoulle os parabéns a todo o equipo por poñer en pé de novo o proxecto e incrementar a súa difusión, xa que Terceiro acto visitará ata mediados de novembro os escenarios de Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 24 de outubro), Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro), Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro), Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro) e Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro). Materializarase así unha xira que en 2021 non foi posible realizar por mor da pandemia, co que se optimizará a distribución e a rendibilidade social do espectáculo.

 

Ademais, o Centro Dramático Galego daralle continuidade ao seu plan de mobilidade, que traerá durante este mes ao Salón Teatro público concertado procedente de 50 concellos galegos baixo a pregunta Sobes ao autobús do teatro?. Así, durante a primeira semana recibiranse xa autocares desde Outes, Negreira, Allariz, Amoeiro, Ribeira, Boiro, Mesía, Frades, Alfoz, Barreiros, Vilalba, Cervo, Xermade e Guitiriz.
 

O centro dramático galego reestrea ‘terceiro acto’ con 14 funcións no salón teatro e unha xira por outros oito escenarios

Te puede interesar