Dez anos de ilusión pola cultura popular galega

A asociación cultural Son d’aquí celebrou onte a súa primeira década de vida cunha celebración na que non faltaron a música, o baile e incluso a torta e as velas
Dez anos de ilusión pola cultura popular galega
A asociación soprou as velas polo seu décimo aniversario onte na praza dos Avós | Carlota Blanco

Hai dez anos, nun mes de agosto coma este, un grupo de 20 amigos, “orfos dunha asociación na que poder bailar xuntos”, decidiron crear a súa propia asociación. Unha década máis tarde, Son d’aquí conta entre 400 e 500 membros, entre socios e membros dos grupos e alumnos das diferentes escolas. O seu presidente, Anxo Miján, explica que en breves acadarán a persoa número 1.000 que se liga á asociación no transcurso destes 10 anos.
 

Onte foi día de festa en Monte Alto, porque Son d’aquí decidiu tomar, unha vez máis, a praza dos Avós para celebrar os seus primeiros dez anos de vida. Na cita non faltaron a música, o baile, as sorpresas e, sobre todo, a torta.


“Gustábanos bailar xuntos, coñeciamonos, decidímolo e até hoxe”, lembra Miján sobre a orixe de Son d’aquí, que medrou máis do que imaxinaban.

 

Un dos primeiros actos dos socios de Son d’aquí, no ano 2014 | AEC

 

Obxectivos

Miján recoñece que nunca terían imaxinado participar de festivais internacionais ou incluso recibir premios. “Todos eses recoñecementos viñeron a maiores”, subliña o presidente da entidade, que asegura que “houbo moita ilusión ao principio e iso axudou a que medrase”.
 

“Non o imaxinabamos, e moito menos que en dez anos estariamos onde estamos”, incide Miján sobre a proxección da asociación e as viaxes internacionais.
 

O que tamén ten claro é que os obxectivos que rixen Son d’aquí hoxe non distan dos iniciais. “Non son moi diferentes dos que xa tiñamos cando se creou a asociación. Basicamente, a difusión e conservación do patrimonio musical e cultural galego”, afirma.

 


 

E nesta última parte van da man da sociedade coruñesa. “Nos últimos anos, todo o referente ao que é a cultura popular galega e ao baile e música tradicionais está a ter un pulo extra e hai moita xente interesada”, explica Miján, que tamén ve necesario “máis apoio das institucións” para que a situación sexa aínda mellor.”


No referente exclusivamente a Son d’aquí, Miján lembra que ao igual que o número de membros, o de actividades tamén “foi medrando moitísimo”. Porque o que comezou como un “pequeno grupo de baile”, mira tamén á instrumentación e á formación, a través das súas escolas e escoliñas. Toma aire o presidente da entidade para enumerar os diferentes ámbitos das escolas, xa que as hai de baile tradicional, de pandeireta, de gaita, percusión tradicional, ventos, teatro, debuxo, música popular galega, pandeiro e versións para os máis pequenos, aos que se engaden os obradoiros e o anual Serán d’aquí. “Hai moito traballo, pero moitas ganas tamén”

Dez anos de ilusión pola cultura popular galega

Te puede interesar