Pontecesures continúa cos seus actos de recoñecemento ás padexeiras Nerea Novo e Candela Romero, logo da actuación que tiveron no Campionato de España da modalide de Maratón celebrado a fin de semana pasada en Dinamarca. Onte o salón de plenos do Concello quedou pequeno para acoller a todas as persoas que asistiron á homenaxe. Estiveron presentes familiares e amizades das dúas homenaxeadas, así como os seus compañeiros as e adestradores do Náutico de Pontecesures.
Nerea e Candela foron recibidas pola alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, quen estivo acompañada polo primeiro tenente de alcaldesa, Roque Araújo Rey; o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Alberto Rivas de Jesús; e o presidente do Náutico de Pontecesures, Ángel Barreiro. En nome da corporación do Concello de Pontecesures, a alcaldesa trasladoulles “os nosos parabéns a ambas e a enorme satisfacción por poñer o nome do noso concello nos máis altos estándares deportivos”, salientando que “sodes un exemplo deportivo do que nos sentimos todos moi orgullosos”.
“Estamos hoxe aquí para recoñecer o gran traballo froito do esforzo e o sacrificio de Nerea, campioa do mundo de C1 xuvenil, e de Candela, que acadou o quinto posto na mesma categoría”, asegurou María Teresa Tocino, quen apuntou que se trata de “dúas rapazas que son un exemplo para todos nós, especialmente para a mocidade que teñen nelas un exemplo de como con esforzo, dedicación e sacrificio pódense acadar todas as metas. Ademais, son un exemplo para o deporte feminino e para todas as rapazas que ven nelas un referente deportivo ao que seguir e admirar”. Así, fíxolles entrega de sendas placas conmemorativas coas imaxes dos seus éxitos no ICF Canoe Marathon World Champisonship 2023 disputado en Vejen (Dinamarca) no que Nerea Novo proclamouse campioa do mundo na categoría C1 Xuvenil, ademais de lograr o 7º posto en C1 short race na categoría absoluta, mentres que Candela Romero lograba un meritorio 5º posto no C1 xuvenil no que foi o seu debut na categoría. Así mesmo, recibiron un agasallo e un ramo de flores cada unha.