O Concello de Cambados acolleu onte a presentación da V Regata do Salnés incluída no Circuíto da Copa Mörling de dornas, co que se rende homenaxe ao antropólogo e etnólogo sueco Staffan Mörling, un dos máis importantes estudosos do patrimonio marítimo de Galicia.
É a primeira proba logo desta Copa Galicia de dornas logo da suspensión en Portonovo a causa do mal tempo da Regata do Sepelo, que se traslada ao mes de setembro.
A Regata dos Faros o 30 de xullo no Grove, a Regata Triángulo de Cantiño o 6 de agosto na Illa de Arousa e a Regata da Reiboa en Combarro o 27 de agosto completan o calendario da Copa Mörling 2022.
A saída da V Regata do Salnés será o sábado ás 16.30 horas dende a Torre de San Sadurniño. A Asociación de Embarcacións Tradicionais A Torre e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial organizan esta regata na que colabora o Concello de Cambados. Tino Cordal e Xurxo Charlín presentaron o evento acompañados polo representante da asociación cambadesea, Iago Otero, e por Daniel García, secretario de Culturmar.
Otero falou dun evento “único” en Cambados porque “non se celebra ningunha outra regata de dornas” na vila. E animou á xente a gozar da saída e da regata dende a zona de Santo Tomé porque “vai facer bo tempo”. Serán preto de trinta as embarcacións tradicionais que compitan, que chegarán dende A Illa, O Grove, Portonovo, Combarro, Ribeira e tamén dende Vigo.
O percorrido da regata será dende San Sadurniño cara o porto de Tragove, logo cara Carreirón e A Toxa en forma triangular. Os regatistas deberán completar un total de dúas voltas e A chegada será no porto de Santo Tomé. En función do vento espérase as primeiras dornas en meta logo dunha hora de regata.
A regata regresa logo de dous anos se facela debido a pandemia. García agradeceu a Asociación A Torre a organización da proba e tamén o apoio do Concello “dende sempre”, xa que a asociación ten a súa sede na vila do Albariño. “É un espectáculo doado de ver” dende terra. García quixo agradecer a implicación nesta copa de todos os concellos nos que se levarán a cabo as regatas (Sanxenxo, Cambados, Poio, O Grove e A Illa de Arousa), así como tamén á Deputación de Pontevedra e a Consellería do Mar.