Enrique Oubiña ten 45 anos, é veciño de Ribadumia e traballa no mantemento de ascensores. Concelleiro polo BNG en 2011, dende 2015 é o líder de Somos Ribadumia, formación coa que entraría a formar parte do goberno tripartito ata 2019.
Neste mandato fixo a oposición máis dura ao goberno do seu anterior socio independente, agora candidato do PP, David Castro...
Foi a oposición máis visible. Quizais a única. Pero eu non a definiría como dura. Cando tivemos que denunciar algo que estivo mal, fixémolo, pero apoiamos o 90 % das cousas que foron a Pleno.
Puxeron vostedes sobre a mesa varias peticións de dimisión e denunciaron supostas ameazas. É tensa a vida política en Ribadumia? De ser así, quen a tensa?
Tensiona quen ameaza, sempre. Na política pode haber discrepancias, pero as tensións veñen cando unha parte ataca a outra no personal ou no físico. Aí acabouse o camiño da democracia.
Sentiuse máis intimidado que outros edís da oposición?
Máis atacado, si. Pero porque tamén hai que ver que nós somos o partido que máis estivo traballando. Ao final, eramos o inimigo a derribar. Pero nós fixemos unha oposición construtiva, porque explicarlle a un alcalde que está facendo algo mal, non é ir contra el. Eles si que foron contra min, chegando ao persoal, varias veces.
Chama a atención o deterioro desta relación entre Somos e IR, xa que foron socios no anterior mandato. Cando comezou a deriva?
As diferencias ideolóxicas hóuboas sempre. Na relación, comezaron a marcarse diferenzas ao achegarse as eleccións do 2019. Xa neste segundo mandato, cada un tomou o papel que tivo que tomar. Quedaron patentes a formas duns e doutros.
Tensiona quen ameaza, sempre. Na política pode haber discrepancias, pero se se ataca o persoal, acábase o camiño da democracia
Arrepíntese do tripartito? De ter pactado con IR?
Non, para nada. Gobernamos durante catro anos, o mellor que puidemos. Coido que o fixemos ben. Nós entendiamos que tiñamos gran peso do traballo que se fixera eses anos. Ao final, iso si, o resultado electoral (en 2019) non foi o que nós queriamos.
Tivo acceso ao final á documentación que solicitaba como edil?
Si, ao rexistro, pero tras unha carreira moi longa, que requiriu varios escritos á Valedora do Pobo, ao Defensor del Pueblo e, finalmente, tiven que ir a un xulgado.
Outro xulgado, aínda que arquivou efectivamente a causa aberta contra vostede, sinalou que as súas acusacións dubidando da calidade da auga foran “zafias” e “burdas”.
Entendo que sinalaron que esas afirmacións non tiñan valor para sustentar unha denuncia. O que vale é se a denuncia (contra min) foi adiante ou non (arquivouse).
Manteñen que había un problema coa auga nese momento?
Nós reafirmámonos no que dixemos. Era unha situación que se estaba vivindo e que puxemos de manifesto. Se por nós defender os intereses da veciñanza o alcalde decide levarnos ao xulgado, temos a conciencia moi tranquila.
Que valoración fan do feito neste mandato no municipio?
En catro anos, o Concello non fixo nada e desatendeuse o que había. No momento de maior investimento doutras institucións nos concellos, Ribadumia está perdendo todas esas axudas. E, logo, o gran megaproxecto de David Castro, catro anos despois, xa non é ese, nin a segunda alternativa, senón unha terceira, para a que non hai cartos.
Falamos da reforma do entorno do colexio. Que propón alí Somos?
Desprazar o campo de fútbol, máis ás aforas, reubicando todo ese espazo para o que poida facer falta para o Concello. Non podemos estar co colexio máis antigo de España. Pero iso é competencia da Xunta. Nós pelexaremos para unha reforma integral ou un novo.
Pode resumirnos o resto de puntos centrais do seu programa?
Reafirmar a vida no rural: Levar a todas as parroquias as medidas de conciliación que se prestan no centro de Barrantes e modificar o PXOM puntualmente para favorecer vivendas. Modificar o centro de Barrantes urbanisticamente, porque non hai aparcamento nin locais sociais para dar cabida a entidades e asociacións. Son necesarias viviendas novas, é practicamente imposible mercar ou alugar, e iso tamén implica modificacións puntuais do PXOM, facilidades para construír e vivenda social.
Se se acaba a maioría absoluta, con quen falaría Somos para posibles pactos e cal sería agora esa dereita coa que non falaría?
Claro, cal é agora o PP? Nós imos presentarnos para gañar. Se non é así, nós demostramos a capacidade de diálogo e para chegar a acordos. Con quen si e con quen non? Iso terá que decidilo a asemblea (de Somos). Eu podo dar agora unha opinión moi persoal: Unha persoa que xustifica o uso da violencia contra calquera outra non pode ser alcalde. E unha persoa que perde esa cantidade de cartos en subvencións, por non facer as cousas ben, tampouco.
Considera que David Castro xustifica o uso da violencia?
A última vez, no último Pleno. Cando dis: ‘ti es o que estás buscando a violencia’, estás xustificando que outros a empreguen contra esa persoa. O uso da violencia, en democracia, non se debe permitir.
Arizmendiarrieta, un exemplo de cooperativismo |
O candidato elixe a José María Arizmendiarrieta, “o creador de todo o movemento cooperativista vasco”. “En pleno franquismo, foi capaz de construír unha alternativa social e integral”. Para Oubiña é “un exemplo de como se debe traballar para construír unha sociedade”. “Comezou co cooperativismo de pequenas empresas, pero foi creando toda unha estrutura: Chegou a ter unha caixa e universidades propias”, en resumo “unha sociedade dentro da sociedade, que funciona dende aquela, exemplarizada no Grupo Mondragón”. O valor de fondo que destaca é “a capacidade para asociarse e sacar o mellor rendemento de todos os aspectos da vida social”. “Creo moito no cooperativismo: Ben plantexado, é a mellor alternativa laboral de todas”. |
[... e mañá, entrevista a Javier Mougán, candidato do PSOE de Ribadumia]