O enxeñeiro químico e de familia adegueira, José Ramón Abal Varela, leva ás urnas por terceira vez ao partido independente Cambados Pode coa experiencia da xestión municipal durante os catro anos do cuatripartito (2015/19) –cando foi chave de goberno– e un mandato na oposición.
Nas anteriores eleccións creceron, pero non alcanzaron o segundo edil. Que perspectivas teñen?
Ampliamos a base da candidatura e fixemos unha oposición construtiva, pragmática, realista e moi dialogante, chegando a acordos con todas as forzas para resolver temas do día a día que o goberno non era capaz e temos un programa que é unha liña mestra con propostas baseadas nas mocións aprobadas –un 95 % das presentadas–, aínda que unha parte importante non foi executada e tivemos que acudir ao Valedor do Pobo. Así que estamos esperanzados e ilusionados.
Temen que Vox lles reste votos?
Como demócratas respectamos todas as opcións, pero somos unha plataforma veciñal centrada en Cambados por enriba de todo e de calquera sigla e ideoloxía, e por iso traballamos intensamente; presentamos case 40 mocións. Por unha carambola da Lei D’Hondt, os tres partidos da esquerda logran a maioría e no reparto da herdanza de José Ramón Abal amosaron unha ambición desmedida e pasan catro anos chantaxeándose. Foi a maior batalla fratricida dende que hai democracia en Cambados e os principais prexudicados foron os veciños: foi un mandato nefasto, con gravísimos erros de xestión e un goberno inestable.
Nunha posible escena de pactos, estarían dispostos? Coa esquerda ou coa dereita?
Os veciños mandan, non imos especular. Aspiramos a ser unha das listas máis votadas, a encabezar o goberno e se temos opción de que outros partidos nos apoien, fantástico. Non saímos a perder nin a buscar o escenario de 2015.
O PSOE ofreceulle entrar no goberno en 2019 e rexeitouno, por que?
Non houbo ningunha proposta formal e non teño porque mentir. Houbo unha reunión extraoficial con Mila Martínez –PSOE–, pero cando quedou claro que a esquerda podía gobernar, tiven unha reunión co Fátima –a exalcaldesa– e me despachou en cinco minutos. Querían librarse de Cambados Pode e o respecto, e entendo que estaba coaccionada porque, alomenos, un partido dese hipotético tripartito non quería que entrara.
De que partido fala?
Non quero personalizar e creo que os veciños votaron que seguira o cuatripartito porque tres forzas subimos e se non fora por eses problemas familiares –a escisión do seu irmán e outros en Ciudadanos–, seguramente teriamos o segundo.
Nos plenos adoptou unha postura demasiado belixerante. Arrepíntese?
Defendo as mocións intensamente e ás veces hai discrepancias e elevas o tono máis do debido, non é o ideal, pero ata pasa na vida real e houbo momentos en que non me deixaban defender os intereses dos veciños. En todo caso, nunca insultamos, pero eu no 2020 tiven que pedir que retiraran da acta que me chamaran ‘sinvergüenza’. O grave de todo é que as mocións aprobadas non se executaran.
Non aprobou os salarios, pero vostede cobraba no cuatripartito. Que diferenza hai?
É moi clara. O político ten que cobrar e Cambados precisa, mínimo, tres dedicacións exclusivas, pero no debate de Canal Rías Baixas de 2019 Somos dixo que non quería cargos nin salarios . Foi moi grave –houbo outras cousas– que entraran nese xogo porque sabían que podía ter rendemento en votos. Un programa electoral é algo serio, non podes prometer e non cumprir, e a oposición está para fiscalizar.
Que foi a máis grave?
Perder 700.000 euros do Reacpon, foi unha neglixencia moi grave. Só tiñan que presentar un proxecto que reunira os requisitos. Cun orzamento de 10 millóns, que cinco van en persoal e catro a gastos, tes que recurrir a subvencións, son capitais se queres facer investimentos de envergadura.
Fíxose algo ben?
Teño que pensalo moito. O parking de Rúa Nova.
Que se fixo co legado que deixou en materia de enoturismo?
Non foi unha prioridade. Perderon esa promoción e posicionamento nacional e internacional.
Falando da súa herdanza, que pasou coa obra das pistas do Pombal? Acabou no xulgado e non hai procedemento,
Foi unha obra consensuada co BNG, que tiña Deportes, e tiña proxecto e unha tramitación. Alégrome da pregunta porque neste mandato houbo 2,5 millóns contratados de forma irregular. Son verdadeiros expertos en contratar sen procedemento.
Se lograra a Alcaldía, que sería o máis urxente a afrontar?
A reactivación urbanística; é un caos. Retrasos innumerables, fuga de veciños a outros concellos, a Rúa Pacheca sen abrir... Hai que tomar decisións valentes que non tomaron. Fai falta afrontar un PXOM e desenvolver solo urbanizable.
Pode resumir o seu programa?
Vale 10 millóns e imos empregar a diplomacia con todas as administracións e intentar captar fondos europeos para atraer investimentos importantes. O resume o noso lema: “Comprometidos contigo”. É realista, baseado no mantemento e mellora das infraestruturas, en atender as necesidades do día a día dos veciños, en reactivar a economía local, imos rebaixar o IBI do 0,46 a 0,40... E a política social é prioritaria. Son propostas que podemos cumprir e as imos cumprir todas.
Nelson Mandela, o bo que ten a política |
O candidato elixe ao político surafricano e activista contra o apartheid, Nelson Mandela. Recoñece e lamenta que a política estea vilipendiada e por iso queda con esta figura e a toma como referente: “Conseguiu unir a un país dividido –é mítico ese Mundial de rugby– e todo ese espírito de sacrificio, o que tivo que sufrir e con tantos anos no cárcere, pero cando saíu... Outra persoa quizais tería ánimo de desquite ou de vinganza e el non, todo o contrario. Tiña uns valores e uns principios infalibles, invencibles que o converteron nun referente internacional, nunha figura histórica irrepetible e isto son as cousas boas que ten a política”, explica. |
[... e mañá en O Salnés, entrevista a Liso González Roma, candidato do BNG de Cambados]