Luis Arosa | “Turismo e vivenda son incompatibles en A Illa de Arousa. Hai moita segunda residencia”

Luis Arosa | “Turismo e vivenda son incompatibles en A Illa de Arousa. Hai moita segunda residencia”
Luis Arosa elixe a seus pais como referentes para esta entrevista | Gonzalo Salgado

Luis Arosa ten 32 anos, é veciño de Pedraserrada e graduado en Ciencias Políticas e da Administración. Leva dende 2015 no Concello, de concelleiro con responsabilidades de goberno nos sucesivos executivos de Carlos Iglesias. Tras o paso atrás deste, encabeza o novo proxecto do PSOE en A Illa, un pobo que tradicionalmente vota socialismo.

 

Desde dentro, chocoulles ese paso atrás de Carlos Iglesias, de non volver aspirar a ser alcalde?

Non. Carlos dixo xa no seu momento que eran oito anos de alcalde. Nós xa sabiamos o que ía haber.

 

Como xurdiu o seu nome?

A executiva levaba tempo buscando a ver onde poder dar cunha persoa idóne.a E nada, falouse de min e aquí estamos. Foi unha cousa moi natural.

 

Persoalmente tiña inquedanza para ser o candidato ou prodúcelle vertixe?

Non sei, queiras que non, ao levar xa oito anos no Concello vas vendo como vai funcionando a administración. E máis ou menos, cos meus estudos, ao final xa te moves. Non me asustou para nada.

 

Como parte deste goberno, que valoración fai do mandato que remata?

O logro principal foi a Praza do Regueiro. Custou moito traballo arranxala e grazas á xestión coa Deputación, co ReacPon, e os fondos europeos conseguidos para unha parte da obra, fomos quen de realizar unha actuación de 1,5 millóns. Que non é unha broma para este Concello. É verdade que tivemos que solicitar un crédito...

 

 

Esperamos de Portos a mesma implicación que para Portonovo-Sanxenxo. Deses quince millóns, a nós, coa metade, sóbranos

 

 

...que foi unha das cousas que reprochou a oposición.

Si, pero tampouco é algo... Para mercar unha casa, non todo o mundo pode permitirse o luxo de pagala ao momento. Hai que pedir unha hipoteca. Neste caso é un crédito, que se pode liquidar en calquera momento, que tampouco son uns xuros aberrantes, lévanse moi ben.

 

Tamén se reformou a Avenida Castelao, pero hai críticas. O BNG propón incluso un cambio de sentido.

O BNG non sabe o sentido nin do que quere el. Cada día falan dun sentido distinto. Nós témolo moi claro. É unha obra feita pola Deputación, con fondos europeos, que os veciños están agradecendo, cada día máis. O Concello vai seguir apostando por rúas humanizadas e por tráfico calmado.

 

Na parte alta da súa lista só repite, á parte de vostede, Rosi Viana. Considerou necesaria unha renovación do goberno ou o resto de edís quixeron dar un paso atrás?

Houbo xente que quixo dar un paso atrás e eu tamén quería renovar, sangue fresca, por dicilo dalgún xeito. O equipo que teño e as súas ganas de traballar son unha pasada.

 

Que ideas principais levan no seu programa?

Queremos o pavillón de deportes, que é o noso talón de Aquiles. Estamos falando cos propietarios dalgúns terreos e, probablemente, teñamos noticias moi pronto. Tamén queremos tentar facer o centro de día. Logo, rehabilitar a franxa litoral norte, O Naval-Cantiño. Esperamos que Portos, así como se implica con quince millóns de euros en Sanxenxo-Portonovo... (colabore). A nós, coa metade, sóbranos. Aínda estamos a esperar que (a presidenta) reciba ao alcalde ou a algún membro do Concello. Nin está, nin se lle espera.

Foi moi crítico vostede coa presidenta de Portos na visita de xaneiro ao Cantiño.

É que ao que non pode vir é a rirse dos veciños de A Illa. O mínimo que ten que facer é darlle unha man de pintura e cunha máquina de presión ás paredes. Adecentar aquilo un pouco. E o único que se digna a dicir é que ‘o paseo non está tan mal’, e que ‘se lle dou aquí con presión, vou levantar as lousas’. Pois por algo será.

 

Algunha idea para reducir os atascos durante o verán?

O Concello fixo un proxecto piloto, o Plan Move A Illa, financiado con 830.000 euros do Goberno de España e polo que estamos a ver se conseguimos un premio, a moito que lles pese a outros. Fíxose o parking disuasorio do Bao e, na seguinte fase, autobuses lanzadeira, cunha ruta circular por A Illa, para ir deixando aos visitantes nas diferentes praias. Ademais, imos facer un plan de tráfico para todo o municipio. Hai rúas como A Torre ou O Lagartiño que están moi conxestionadas.

 

O turismo e a vivenda. Son un problema en A Illa?

Turismo e vivenda son incompatibles en A Illa. Porque moitas das vivendas son segundas residencias. Unha das medidas no noso programa son as vivendas sociais. O Concello ten varios terreos nas áreas de reparto que están para usar. Algunas son grandes, de 800 metros cadrados, nas que podemos facer un bloque de edificios nos que poidan crearse vivendas deste tipo. Pero claro, isto non é de hoxe para mañá. Así que hai algunhas outras medidas que se poden ir tomando antes, como crear unha oficina no Concello para informar aos veciños sobre o que poden facer, como as axudas que existen ao alugueiro. Outra medida sería que vemos moita vivenda, no casco urbano, abandonada ou en desuso. Hai subvencións de Europa para rehabilitacións e tamén se pode incentivar desde o Concello para que a xente rehabilite e esas casas queden para veciños da Arousa. 

 

Os referentes polo “traballo e esforzo”, seus pais
Albanel el, mariscadora ela, ambos hoxe xa xubilados. José Luis e Dolores, seus pais, son as persoas que o candidato elixe como referentes para esta entrevista. “Levan toda a vida traballando a diario, con esforzo, para levantar unha familia”. “Traballiño lle custou”, porque “tampouco é que foran empregos salarialmente moi avultados”. Criado nun barrio traballador, o socialismo a Luis Arosa venlle de familia que, se ben “non o era de carné”, si tiña inquedanzas claras. “Meu avó, xa desde eu moi pequeno, foime levando polo bo camiño”, di entre risos. Lembra tamén a súa nai a finais dos oitenta e comezos dos noventa, “á cabeza das marchas sindicais” no conflito da conserveira Odosa. 

 

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Manuel Suárez, candidato do BNG en A Illa]

Luis Arosa | “Turismo e vivenda son incompatibles en A Illa de Arousa. Hai moita segunda residencia”

Te puede interesar