María Asunción Álvarez ten 34 anos, naceu en Besomaño e é veciña de Barrantes. É auxiliar administrativa, monitora de ocio e tempo libre e traballa de encargada no sector da alimentación. Foi como suplente na lista do PP de 2019 e agora é a candidata da nova forza política na localidade. De Xuntos por Ribadumia comezou a falarse en marzo, despois de coñecerse a integración de Independentes por Ribadumia (IR) no Partido Popular. Dúas forzas que se escindiran a comezos de século e que agora tentouse volver unir, sen conseguilo: A maioría dos independentes entraron no PP, pero a cambio saiu a xente que estaba no equipo popular. Moitas destas persoas embarcáronse agora neste novo proxectos de Xuntos. Por aí comezamos.
Na lista de Xuntos hai varios nomes que estiveron no PP. É unha candidatura que nace cos descontentos con esa famosa integración de IR no PP?
Non empregaría a palabra descontentos. As nosas ideas, principios e empeño seguímolos tendo. O que pasa é que certas circunstancias marcaron unha diferenza, un punto no que moita xente, cando falabas, plantexaba: ‘Se houbese outra saída’... Aí foi onde comezou isto. Somos uns cantos dos que antes estabamos no PP, pero realmente tamén temos xente nova, que non participara en ningunha lista ou partido.
Se ese movemento de IR cara o PP tivese sido unha integración plena, incorporando xente que xa estaba no equipo popular, non se tería producido ese malestar? Tería nacido Xuntos por Ribadumia?
Eles fixeron a súa candidatura, na que nós non iamos entrar. Levaban as súas ideas e principios e nós temos os nosos. Aí xa marcamos diferenzas.
Falouse de integración. Pero non sei se como tal a consideran un fracaso, ao terse producido máis ben un transvasamento dunhas siglas a outras.
Si. Houbo un momento no que xurdiu a posibilidade de que, cando menos algunha persoa... Como dicilo? Eles escolleron o que querían. E no que eles querían, nós non entrabamos. Era un asunto de compatibilidade.
Como decide dar o paso e poñerse á fronte?
Xa nestes catro anos, aínda que eu fun de suplente (nas listas do PP de 2019) sempre estivemos aí, traballando, tentando que as nosas propostas saísen adiante. Xurdiu esta posibilidade, a de crear Xuntos por Ribadumia, e a min, a verdade, déronme un voto de confianza os meus compañeiros e impulsáronme a tomar a decisión. Estamos todos unidos, eu non me represento a min soa, tamén os represento a eles. Sempre están aí.
O mandato foi quizais máis tenso que o anterior: Por unha banda, a relación cada vez máis distante de IR e Somos e, agora, a separación de PP e Xuntos. Como definirían o clima político en Ribadumia?
Loxicamente, segundo se entra en campaña, o clima vai ser máis tenso. Eu sempre fun (partidaria) de non nomear, non dicir, non falar mal dos demais... Non paga a pena.
Cre que se chegou a mesturar o político co persoal en Ribadumia?
Moitas cousas non deberan de pasar, pero pasan. A nivel xeral.
Que valoración fan do feito estes catro anos no municipio?
Este mandato vémolo moi parado. Hai obras que se comezaron pero non se remataron, promesas que ofreceron e non cumpriron... Moitas con asociacións e colectivos, que están un pouco desamparados.
Pode facernos un resumo dos principais puntos do seu programa?
Principalmente, o que máis valoramos e pretendemos levar a cabo é ofrecerlle ao cidadán o que pide: Saneamento, que hai puntos aos que non chega; asociacións que necesitan mellorar as condicións dos locais onde están... Como ambición e proxecto máis grande temos pensado que se pode reagrupar, que estes colectivos teñan un sitio onde poder facer as súas reunións, onde poidan gardar as súas cousas... Iso como mínimo.
Estase a falar de que facer co colexio, moi antigo, e o seu entorno ou como reordenar o centro de Barrantes. Que propón Xuntos?
Hai bastante incremento de uso no comedor e no plan madruga, (polo que) si necesitaría un cambio ben grande. Tamén a zona para aparcar os autobuses, que se ven en condicións un pouco limitadas. Outra cousa que precisa Barrantes é un sitio para aparcar, porque non o hai.
Se despois do 28 de maio non hai unha maioría clara, con quen podería pactar Xuntos e con quen nin sequera falaría?
A situación que (ocorreu) en Ribadumia xa marca un porqué, porque está en boca de todo o mundo. Pero non só hai PP, hai máis partidos e son cousas que hai que valorar, quizais, chegado un certo momento.
Falarían vostedes co PP?
Aí o deixo.
A “perfeccionista” Isabel II: “Primeiro, o pobo” |
A candidata elixe a raíña do Reino Unido Isabel II, da que tanto se ten falado nestes meses. “Non a elixín a nivel monárquico, senón pola parte política”. Ve nela unha “persoa que sempre estivo moi presente cara o pobo”, “unha persoa que si sabía dicir, ‘ben, se hai un acto familiar, déixoo de lado, pero, primeiro o pobo’. Tamén a elixe porque “era moi perfeccionista, non sei se iso é un defecto ou unha virtude, pero véxome moi reflectida aí”. Non entra no debate monarquía ou república, pero marca distancia coa outra cara da personaxe: “A nivel monárquico, xa é outra cousa”. |
[... e mañá, entrevista a Vanessa Fariña, candidata do BNG de Ribadumia]