Marta Lucio non é nova en política, malia que esta é a súa primeira andaina como candidata á Alcaldía. Concelleira do PP, foi tamén senadora popular na lexislatura de 2015. É veciña de Paradela, ten 48 anos, é licenciada en Xeografía e Historia, directora do Museo do Mar de Galicia en Vigo e tamén traballou en Cultura na Deputación e no Museo de Pontevedra. Por esa dualidade na súa vida, cultura e política, arrancamos.
Apaixónaa máis a política ou a cultura?
Gústanme as dúas. Ambas permiten o trato coa xente, persoal e próximo. Ademais, nunha pódese facer a outra, non son mundos contrapostos. Teriamos que facer moitas máis políticas que fixeran referencia á cultura.
Con que queda do seu periodo como senadora?
O Senado foi unha experiencia tanto política coma vital, porque coñeces moitas persoas de diferentes ideoloxías. Quedei con grandes amigos que non teñen que ver nada co PP. Foi unha experiencia moi intensa porque en catro anos vivín dúas eleccións, vivín o 155 (aplicación constitucional da intervención estatal dunha autonomía, nese caso, a de Cataluña). Creo que nunca deberiamos ter chegado a ese punto. Pero a situación, por parte dos nacionalistas cataláns, foi levada ao extremo. E, logo, vivimos situacións tan complexas como estar defendendo os presupostos de Mariano Rajoy en comisión, o mesmo día que sabiamos que iamos perder o Goberno pola moción de censura. Iso si, volvería vivilo: Calquera experiencia na vida fórmache como persoa.
O PP tivese preferido a parcela da Rochela para o centro de saúde?
Mira, díxeno desde o primeiro momento. Ao PP dáballe igual onde estivera o centro de saúde. O que queriamos era que se fixese.
Cre que houbo un uso político?
Totalmente, desde o primeiro momento. A Corporación ocultoulle ao conselleiro de Sanidade un Pleno onde a maioría, neste caso PP e BNG, decidiran propoñer unha finca para facer ese centro de saúde. O conselleiro, cando soubo que ela (a alcaldesa) lle ocultara iso, tiroulle o protocolo abaixo. E foi cando ela tivo que levar a Pleno a finca.
Que máis cre que fixo mal en Meis o goberno actual?
O problema non é que o fixeran mal, é que non fixeron. As grandes infraestruturas están feitas por gobernos do PP. O centro de saúde, por moita parcela que teñamos, vaino facer a Xunta.
Unha das últimas críticas do PP ao actual goberno foi pola sentenza contra a adhesión de Meis ao contrato comarcal do lixo. Que cren que pode supoñer para o Concello se se fai firme?
A sentenza é demoledora. Non só di que está mal feito pola Mancomunidade, senón que pon en dúbida que non se volvera convocar o concurso neste Concello. Cómpre dicir tamén que o Concello pagou a unha empresa externa para facer os pregos dun concurso ao que non se presentou ninguén. E que se pagou a esa mesma empresa para que fixera un informe favorable para mancomunar o servizo do lixo.
E que cree que puido facer mal o anterior goberno, do PP? Se vostede fora alcaldesa, faría algo diferente?
Eu non son quen para xulgar ou opinar sobre os anteriores gobernos. O que teño claro é que, tanto na época de don Jorge (Casal) como na de José Luis (Pérez), as maiorías absolutas arrasaban. Iso quere dicir que a xente estaba contenta co seu traballo.
Pódenos resumir as principais liñas do seu programa?
Presentámolo no seu momento. O fundamental é que os veciños e veciñas saiban que imos tentar facer todo o posible por mellorar as condicións do noso concello, pero sempre coa verdade por diante. Nunca vou prometer algo que non vaia facer.
Ve solución para o asunto do parque acuático?
Hai que ter claro que isto é unha iniciativa privada. Calquera empresa, proxecto ou actividade que xere emprego e economía para este concello, por min, adiante. Como está agora a situación? Mellor o saberá a alcaldesa, que é quen, teoricamente, debera estar falando coa empresa. Tamén saíra a bombo e prato unha visita a este concello de David Regades, delegado de Zona Franca, para ver as posibilidades dun parque empresarial ou de botar unha man co parque acuático. E iso quedou en nada.
Preséntase aquí por primeira vez Vox. Preocúpalle iso ao PP?
Eu entendo que os veciños e veciñas de Meis saben perfectamente que un voto a Vox vai ser un voto ao PSOE. Polas sumas e as restas. É o mesmo que pasou no anterior mandato cos independentes. Que non sacaron nin un concelleiro, restáronlle a maioría absoluta ao PP e fixo que subira un concelleiro máis o PSOE.
E se non hai unha maioría e o goberno do PP dependese de Vox, pactarían con eles?
Eu non me plantexo esa cuestión, só traballar arreo para que o PP volva ter unha maoría absoluta.
E se non fose así?
É que non mo plantexo.
A emigración galega, no rostro de Castelao |
A popular elixe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con el ilustra un tema “que tanto admiro”, como é a “emigración galega”. Destaca especialmente a feita cara “países sudamericanos”, “que nunca se esqueceu de Galicia”. “Cando estudas e despois tes a sorte de poder visitar algún deses países, daste de conta de como as comunidades galegas se senten altamente identificadas con Galicia e fomentan non só o uso do galego, senón a propia cultura galega”, algo “de poñerse os pelos de punta”. Por suposto, Castelao “é moito máis que a súa faceta de emigrante e exiliado”, nun tempo no que “aquí non se lle permitía ter as ideas que el consideraba oportunas”. “Non comparto o nacionalismo, pero si creo firmemente no galeguismo”. |
[... e mañá en O Salnés, entrevista a Diego Rosal, candidato do BNG de Meaño]