O bipartito de A Illa pecha o deseño do novo goberno local. A delegación de áreas e competencias foi publicado onte xa no boletín oficial da provincia e deixa as atribucións de cada membro do goberno como se sinala no cadro que acompaña estas liñas.
O BNG asume dúas tenencias de Alcaldía, a primeira, para o líder nacionalista, Manuel Suárez, e a terceira, para Laura Castro. A segunda tenente de alcalde será a socialista Rosi Viana.
En canto aos salarios públicos dos cargos políticos, segundo fixo público onte o Bloque, o novo executivo municipal terá dúas adicacións exclusivas e outras dúas parciais. PSOE e BNG reparten tamén esta materia de xeito equitativo, en virtude do acordo xurdido da paridade de representantes (tres edís por grupo).
Así, o alcalde socialista, Luis Arosa, e o primeiro tenente de alcalde, Manuel Suárez, percibirán un salario bruto anual de 39.500 euros, distribuidos en 14 pagas de 2.821,43 euros. Tanto as tenentes de alcalde Rosi Viana como Laura Castro percibirán unha retribución bruta anual de 15.000,02 euros, distribuídos en 14 pagas de 1.071,43 euros, en concepto de sendas adicacións parciais, de seis horas diarias de luns a venres. O BNG tamén adianta que o Pleno de organización no que se levarán todos estes asuntos será o xoves 27, ás 12 do mediodía.
Segundo a orde do día, na composición dos grupos políticos na Corporación queda explicitado que Matías Cañón quedará como concelleiro non adscrito a ningún grupo, sen poder incorporarse ao popular.