O socialista Samuel Lago examina a súa xestión de edil e ano e medio como alcalde este domingo. Suma dúas décadas de experiencia na política municipal –a maior parte na súa Muxía natal–, os mesmos que leva en Cambados, onde desenvolve o seu proxecto vital e profesional como enxeñeiro técnico agrícola en Unións Agrarias, agora en excedencia. O mandato non foi doado, cunha pandemia e un goberno en minoría, pero espera validar nas urnas o relevo que lle deu a súa antecesora por renuncia.
A oposición recórdalle de vez en cando que é muxián. Cre que isto pódelle restar votos?
Non, e non creo que se teña que ver o meu pedigree. Podo dicir con total franqueza que levo 20 anos vivindo en Cambados porque o escollín para traballar, comprar a miña casa, formar unha familia... E coñézoo mellor que calquera outro candidato. Non hai aldea nin camiño que non coñeza.
A exalcaldesa non tiña pensado presentarse de novo, pero si rematar o mandato. Tivo algo que ver no relevo que se volvera xudicializar o asunto da casa do seu familiar, precipitouno?
Non. Quería esgotar o mandato, pero arrastraba un problema de saúde, sobreviñeron esas circunstancias e deu o paso. Foi unha decisión meditada.
Rematan con débeda cero. Que outros logros destacaría?
Estou moi satisfeito. Fixemos un proxecto de municipio nun mandato convulso e moi difícil: covid, incremento de prezos e gobernar en minoría. Pero aínda así, centramos unhas liñas mestras de actuación baseadas en saneamento, mellora de accesibilidade e reforma de beirarrúas e prazas. No rural centrámonos nos servizos básicos, tratando de levar saneamento, auga e un acceso digno a todas as casas. E no social colaboramos coas ANPA en conciliación e agora hai comedores en todos os centros, ademais fomos moito máis aló do mantemento que nos compete. Investimos unha media de 50.000 euros.
Sobre o rural, a oposición coincide en que hai un abandono total. Estratexia común, minten?
Falo con outros alcaldes e a oposición de todos di que hai abandono en desbroces. Estamos facéndoos agora porque sempre son na primavera, non polas eleccións.
Como é posible que a casa de cultura de Vilariño chegara ao extremo de choverlle dentro?
Hai case dous anos detectamos as primeiras deficiencias e redactamos un proxecto. Demorouse máis nada que polos trámites burocráticos para conseguir financiamento.
Non parecía unha prioridade.
Fixéronse reparacións puntuais e agora é un arranxo definitivo. Os fondos son os que son e hai moitas prioridades.
Para cando un novo céspede para o campo do Pombal?.
É unha obra custosa, pero prioritaria e vai no programa.Queremos facela co Plan Concellos na primeira metade do mandato.
E o campo de Castrelo? De verdade ten solución ou intentan gañar tempo porque é un tema sensible na parroquia?
Está nunha situación irregular e non podemos facer investimentos. Os clubes o saben, estiveron na reunión con Costas, pero aínda así, temos o seu compromiso de que se pode seguir empregando e non demolelo, a non ser que llo pida o Concello para facer aí unha recuperación ambiental. Pero xa temos un par de terreos viables para comprar e facer un novo, que tamén axudaría a liberar espazo en Burgáns e O Pombal.
De verdade que as industrias de Tragove, e o propio Concello, poden estar tranquilos respecto ás intencións de Costas?
Penso que está solventado. Confío na súa palabra e que lle fixemos entender que non é lóxico alonxar estas industrias da costa.
Por que non se plasmou por escrito? É algo verbal fronte a un informe.
É agora, cando revise o Plan Especial de Portos modificado, cando iso non debería aparecer no novo informe. En calquera caso, sempre apoiaremos ao cen por cen aos veciños, goberne quen goberne, o meu partido ou outro.
Cometeron algún erro?
Seguro e, de feito, os rectifiquei publicamente.
O Reacpon está entre eles? Parece difícil comprender que non concorreran a 700.000 euros por ter que poñer 80.000.
Cada ano presentámonos a multitude de axudas e todas teñen cofinanciamento, e os recursos propios son limitados, temos que escoller prioridades e pedir un préstamo non era viable. Agora temos folgura financeira, librámonos dos 400.000 euros de débeda herdada, e, entre outros, presentámonos ao Pon2023.
Que propostas teñen para que Cambados prospere?
Mellorar a calidade de vida dos veciños é unha prioridade e queremos seguir nesa liña, de facer obras que non son moi vistosas, pero tremendamente necesarias e que redundan niso. Un exemplo: Rematamos cos problemas de suministro no depósito de Refoxos e cos malos cheiros en Sevilla, Ourense...
E en vivenda?
A parte da cuestión da oferta e da demanda, son partidario de fragmentar as bolsas urzanizables.
O PSOE crece. Que perspectivas teñen?
As sensacións son boas. Aspiramos a ter unha maioría suficiente para gobernar con máis estabilidade e ter máis peso no goberno.
De repetirse a falta de liberacións, resistirían?
Está sendo moi difícil, pero confío en que esta situación non se repita. O BNG non entrou no goberno porque non quixo e os seus motivos tería para non apoiar ao goberno, pero non pode dicir que foi porque non entrou. E se volve pasar, resistiremos, claro.
Algunha queixa do seu socio?
Non imos ser hipócritas, diferenzas houbo, pero as solventamos sen ningún conflito de fondo. A pesar da minoría, foi un goberno moito máis estable e cohesionado que o anterior.
Entón están abertos a seguir coas coalicións?
Somos realistas, é difícil que haxa unha maioría. Estamos nun momento de pactos e estamos abertos a entendernos con todo o mundo.
Tamén co PP, Pode e Vox?
Con Vox non pactaría e penso que co PP tampouco. E logo depende como quede configurado o Pleno e das necesidades para acadar un goberno de maioría. Tralas eleccións falarei co BNG, Somos e Pode e a ver cales son os acordos aos que podemos chegar.
Algunha liña vermella?
Non me gusta poñelas, pero non estaría disposto a ceder a Alcaldá a un grupo minoritario, ten que ser para a lista máis votada do pacto.
Un referente dende a infancia |
A admiración de Lago polo seu avó vai máis aló do afecto familiar: “Sempre quixen parecerme a el”, confesa, porque “era tranquilo, educado, paciente, moi intelixente, a pesar de que sabía pouco máis que ler e escribir, e daba moi bos consellos”. Entón a pregunta é ¿conseguiuno? “Creo que en moitas cousas si e a xente mo di. Ademais era moi divertido”, engade. Nunca hai que perder o sentido do humor, non? “Estou totalmente dacordo”. |
[... e mañá en O Salnés, Sabela Fole, candidata do PP en Cambados]