O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este sábado un proxecto socialista “orgulloso” e apelou ao partido a “rearmarse” fronte a un PP que quere facer unha Galicia “máis pequena en transparencia, en pluralismo e en dereito a información”.
Deste xeito inaugurou onte en Santiago o XV Congreso do PSdeG co obxectivo posto en “reafirmar” o seu compromiso social para “representar con firmeza” ao Partido Socialista “que será capaz do cambio en Galicia”.
Así o destacou no Congreso dos socialistas galegos, evento no que tamén interveu o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e secretario de Xustiza do PSOE, Félix Bolaños.
O partido ten o obxectivo posto en “reafirmar” o seu compromiso social para acadar “o cambio” na rexión
“Bienvenido Félix a Galicia, una gran tierra que el PP quiere hacer más pequeña en transparencia, más pequeña en pluralismo, más pequeña en derecho a información y, por tanto, deficitaria en una democracia plena. No así en negacionismo, un negacionismo histórico, y el pueblo que se olvida su historia está condenado a repetila”, saludou Besteiro en castelán a Bolaños.
“Hoxe o Partido Socialista de Galicia preséntase orgulloso, con fortaleza, con ilusión e sobre todo coa vontade decidida de gañar a confianza da cidadanía. Fronte ao PP de Feijóo, de Rueda, ese PP que aposta claramente pola resignación, lanzaremos unha mensaxe de que Galicia connosco non se resigna”, aseverou Besteiro durante a súa intervención.
O líder dos socialistas galegos anunciou que con este Congreso empezarán “foros de participación permanente” nos que “canalicen” a voz dos veciños e dos territorios” para “fortalecer” un partido “imparable”. Deste xeito, reivindicou equipos “preparados para os novos tempos”, e anunciou un “impulso” á formación dos cadros do partido que permita “avanzar” cara a un cambio que “empeza aquí”.
Así mesmo, aseverou que a historia deste partido é a de “superar” metas que, nalgún momento, “dixeron que eran imposibles”. Deste xeito, recoñeceu o labor da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, pero tamén do presidente provincial da Coruña, Valentín González Formoso, ou das rexedoras socialistas da Costa da Morte, entre outros.
Tras a exposición do informe de xestión, a parte do congreso aberta a todo o público comezou cos asistentes –ao redor de 700 persoas– postos en pé para gardar un minuto de silencio, que concluíu cun sonoro aplauso, en recordo da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, falecida hai unha semana tras sufrir un infarto.
Previamente accederon á sala, entre aplausos o expresidente da Xunta, Fernando González Laxe; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; así como Gómez Besteiro e o ministro Félix Bolaños, entre outros. Unha vez proclamado Besteiro , “de forma definitiva”, como secretario xeral do PSdeG, a maior parte do auditorio púxose en pé para ovacionar ao líder socialista, salvo algunha excepción de sectores críticos.
Desde Xuventudes Socialistas trasladáronse mensaxes de defensa da lingua galega, incluída algunha pulla ao BNG –“para que outros non pensen que é só súa”, díxose desde o estrado–; de reivindicación da sanidade pública; de resistencia contra “as mentiras de Altri” e de condena do xenocidio en Gaza e a guerra en Ucraína.