A Lei de recuperación da terra agraria mobilizou 10.000 hectáreas en Galicia

O polígono agroforestal de Curtis é o máis grande da comunidade, con casi 3.400 hectáreas
A Lei de recuperación da terra agraria mobilizou 10.000 hectáreas en Galicia
A aldea modelo de Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames

A mobilidade e a recuperación de terras son un dos piares da Consellería do Medio Rural para garantir un rural activo e produtivo. Para fomentalas, o Goberno autonómico puxo en marcha no ano 2021 a Lei de recuperación da terra agraria, que xa permitiu mobilizar máis de 10.000 hectáreas en toda Galicia.


Esta norma inclúe instrumentos como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións forestais de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario.


Polígonos e aldeas 

Os polígonos agroforestais son unha ferramenta para a recuperación e posta en produción de terras con boa capacidade produtiva que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, co fin de poder construír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade. Actualmente hai 34 polígonos agroforestais en toda Galicia (dous deles na provincia da Coruña) en diferentes fases de desenvolvemento, que están a poñer de relevo algo máis de 9.500 hectáreas divididas en 31.598 parcelas de 9.220 titulares catastrais. O máis grande de toda a comunidade é o de Curtis, cunha superficie total de 3.386 hectáreas.


Os polígonos agroforestais poden ser de iniciativa pública ou privada e deberá contarse co acordo dos propietarios de máis do 70% superficie do polígono. Para poder impulsalo, ten que existir un estado de abandono ou infrautilización mínimo da metade da superficie do polígono. 


As aldeas modelo teñen unha finalidade semellante aos polígonos agroforestais, aínda que o seu obxectivo está estreitamente vencellado coa promoción, de xeito sostible, das terras abandonadas de alta capacidade produtiva que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo á creación de emprego no rural e á redución do risco de incendios. 


Galicia conta con 21 aldeas modelo aprobadas, unha delas é a de Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames, que están a conseguir mobilizar algo máis de 570 hectáreas divididas en 9.346 parcelas e 2.359 propietarios. 


As terras perimetrais da aldea deben estar na súa maioría en estado de abandono e deben ter boa capacidade produtiva. Igual que acontece cos polígonos agroforestais, é necesario o acordo das persoas propietarias dun mínimo do 70% da superficie. Ademais, os donos dos terreos comprométense a incorporalos ao Banco de Terras por un período mínimo de 10 anos. Trátase dun instrumento totalmente voluntario, polo que se un propietario non quere participar, as súas terras quedan excluídas. 


Permutas 

Por outra banda, as permutas son froito do acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio, sendo unha ferramenta idónea para mobilizar terra onde non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario nin necesidade de máis infraestruturas viarias, así como zonas marcadas por unha fortísima actividade gandeira.


A posta en marcha das permutas non só tivo como consecuencia unha mellora das estruturas das propiedades agrarias, senón que tamén serviu para estudar a idoneidade da súa implantación no territorio. Está previsto actuar con este tipo de ferramentas en Friol, onde xa se mobilizaron preto de 400 hectáreas; Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes.

 

Agrupacións forestais

As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento moi útil para afondar na implementación de medidas de conservación e sustentabilidade forestais, como a prevención de incendios, a restauración de hábitats naturais e a mellora da biodiversidade. Estas agrupacións permiten, tamén, mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso a recursos e subvencións e promover prácticas forestais máis sostibles e responsables. 


Ademais, ao formar parte dunha agrupación os propietarios poden contar con asesoramento técnico que mellora as prácticas de xestión e aproveitamento forestal, favorecendo unha mellor planificación a longo prazo.

 

Vantaxes

Outra das vantaxes é na comercialización de madeira ou outros produtos forestais de maneira conxunta, a agrupación pode negociar mellores prezos e condicións no mercado debido ao maior volume de produto dispoñible.


De cara ao 2025, tal e como se contempla na Lei de acompañamento dos orzamentos, poderán constituírse agrupacións forestais de xestión conxunta sen necesidade de ceder base territorial, de cara a seguir promovendo este instrumento de posta en valor da terra, que tan boa aceptación está tendo entre propietarios e sector.

 

Forte aposta polas concentracións parcerlarias

A Xunta, tamén o ano próximo, afondará no seu compromiso co territorio. Seguirá apostándose pola concentración e reestruturación parcelaria, fundamental para paliar o minifundismo existente na nosa comunidade e acadar un rural máis produtivo. Dende 2020 a Xunta rematou 33 parcelarias e o obxectivo é ter rematadas administrativamente as 79 que están actualmente abertas. De xeito conxunto, a Consellería do Medio Rural conta cun orzamento de 20 millóns de euros no 2025 para seguir implementando as concentracións parcelarias e os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria. 

A Lei de recuperación da terra agraria mobilizou 10.000 hectáreas en Galicia

Te puede interesar