A Real Academia Galega louba a Fernández del Riego, un galeguista que foi "luz nas tebras"

A Real Academia Galega louba a Fernández del Riego, un galeguista que foi "luz nas tebras"

A Real Academia Galega (RAG) loubou este mércores, data na que se cumpren 60 anos do Día das Letras Galegas, ao intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego, ao que se lle adica, e que na sesión plenaria extraordinaria quedou definido coma intelectual galeguista que "foi luz nas tebras".


No acto, que comezou ás doce e media e rematou ás dúas e vintetrés minutos da tarde coa interpretación do himno galego, o presidente da RAG deu ás grazas á familia de 'Don Paco' que estivo presente e dirixiuse á súa irmá, Ana María, que reside en Granada e da que dixo que seguramente estaba a seguir a cerimonia por vía telemática, por ter o mesmo arroxo que tiña o impulsor desta festa da lingua que se conmemora cada maio.


As institucións políticas e culturais rinden homenaxe este 17M ao escritor e político Del Riego (1913-2010), nun espazo chave na súa traxectoria, no seu berce, Vilanova de Lourenzá, onde sendo neno empezou a ensaiar os seus discursos cos seus irmáns facendo as veces de público.


Figura central da cultura galega do século XX, don Paco foi luz nas tebras do franquismo, alegría de vivir e pensamento útil, persoa na que coincidiron ideario e acción e incomparable obreiro da cultura galega. Con verbas coma estas, Margarita Ledo Andión, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xesús Alonso Montero foron trazando nas tres alocucións académicas o retrato de quen foi tamén membro dunha xeración que “gañou o futuro para todos nós”, concluíu Freixanes, xunto a un "por todos eles, por todos nós".


A Real Academia Galega rendeulle homenaxe en 2022 ao exilio galeguista en México a través do poeta e activista valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Desta volta, as Letras Galegas recoñecen na persoa de Del Riego “a resistencia non menos heroica dos que aquí quedaron, os heroes calados, en palabras de Luís Seoane”, afirmou o presidente da RAG.


“Non é certo que perdesen, malia a traxedia que tiveron que padecer. Co seu exemplo e co seu traballo gañaron un futuro para todos nós. É algo que nunca esqueceremos e que nunca llelo agradeceremos abondo”, rematou.


A sesión contou co discurso de Margarita Ledo Andión. 'Del Riego: joie de vivre e pensamento útil', no que afondou na consideración que o homenaxeado soubo darlles aos medios de comunicación como esfera pública precisa para “facer que as palabras se tornen acontecemento“.


“O deber da presenza na prensa para que con cada texto medre a aposta por un país en andamento foi tarefa que norteu de ben cedo a paixón de Del Riego e a dunha xeración metida a xornalista que trouxo a subxectividade, a implicación persoal, para o modo de pensar a comunitas', analizou a académica.


"DON PACO ERA UN VERME DE LUZ"

Ideario e acción coinciden na figura de quen, como os Lucciole, os vagalumes da fosa oitava do oitavo inferno da Divina Comedia, foi quen de “refulxir e fender as tebras” da ditadura, comparou: “Paco del Riego é ese Lucciole, ese verme de luz que persiste en facer chegar a sinal na escuridade total, que actúa para perder o medo abisal que anula o recordo, que sabe sobordar a dor que encobre o sufrimento, que nunca se vai sentir vencido e que quere partillar esa posibilidade sandadora”.


Del Riego escribiu máis de 4.000 entregas de opinión, crónicas, conversas e comentarios dende os primeiros anos 30, cando era só un estudante de Dereito, ata o seu pasamento. Nos milleiros de páxinas que deixou na prensa destacan certos trazos como o deber da memoria, o afán de describir para facer existir, a elaboración de retratos aos que se lles apón a función de encarnar modelos que imitar, a exhibición das fontes ou a erudición, debullou a académica.


O EMOTIVO REENCONTRO CON SEOANE

Tras a guerra, o intelectual volveu escribir artigos en galego nas páxinas de La Noche e iniciou un novo tempo de múltiples colaboracións. Entre 1947 e 1956 foi o coordinador local do Galician Programme, no que foi tamén o autor de guións máis prolífico, e foi colaborador de numerosas cabeceiras tanto da Galicia como da diáspora, dende Vieiros (México) ata a Galicia emigrante (Bos Aires), esta última dirixida por Luís Seoane, antigo compañeiro dos anos universitarios en Santiago de Compostela.


A amizade entre ambos, un membro destacado do exilio interior e outro do exterior, foi evocada por Xesús Alonso Montero nunha emotiva intervención na que rememorou o seu breve “encontro semiclandestino”, trece anos despois de seren separados pola sublevación militar e tres despois de retomaren o contacto por carta. Aconteceu cando o barco no que viaxaba o artista instalado na Arxentina fixo escala en Vigo. Seoane viña de pasar un tempo en Francia e Inglaterra, onde exhibira con certo éxito os seus cadros.


O pintor e a súa dona, Maruxa Fernández López, viaxaban a bordo do HighLand Princess en terceira, o que non lles permitía baixar do barco. Pero todo fai supoñer que o avogado vigués Valentín Paz-Andrade, ben relacionado co universo empresarial marítimo e director da revista Industrias Pesqueras -para a que Del Riego traballaba-, puido mediar para que pisasen chan galego “durante tres horas, quizais unha miguiña escasas”.


A parella foi recibida no peirao por Darío e Emilio Álvarez Blázquez, Celso Collazo Lema, Laxeiro, Carlos Maside, Valentín Paz-Andrade e o propio don Paco. Todos xuntos foron xantar á taberna do Eligio, non sen antes facer dúas paradas no estudio de Carlos Maside e nunha rúa próxima, onde Laxeiro lles amosou os seus últimos cadros.


“Luís Seoane e Del Riego ían diante, capitáns que non paraban de preguntárense polos amigos mortos, polos compañeiros fusilados ou paseados e por un enfermo ilustre e venerado, por Castelao, daquela xa á beira do pasamento”, recreou Alonso Montero.


No momento da despedida, Del Riego, “o máis emocionado sen dúbida”, foi autorizado a subir ao barco. “Sabemos, por crónica oral totalmente fiable, que cando desatracaba o barco tivo que baixar por unha escada de corda, montar nunha lancha e chegar nela ao peirao, onde os seus amigos o agardaban desacougados”, narrou o académico.


"ME HIZO BIEN Y MUCHO DAÑO HABER PASADO POR VIGO)

De regreso na Arxentina, Seoane confesaríalle ao vello amigo o moito que significara para el e Maruxa aquel reencontro: "Me hizo bien y mucho daño haber pasado por Vigo".


"Canto doe aínda hoxe¡", espetou Montero.
Tres anos despois, en 1952, Seoane publicaba en Bos Aires o seu primeiro libro de poemas, 'Fardel de eisilado', que contén un poema titulado 'Dende o Higland Princess'. “Nel, referíndose aos amigos, estampou este verso: "Sumidos en espesas, mouras tebras", como rememorou Montero.


AS INTERACCIÓNS ENTRE O SER HUMANO E A CONTORNA

Francisco Díaz-Fierros Viqueira falou do devir da paisaxe en Del Riego, cara á que o autor demostrou, ao seu xuízo, unha “singular sensibilidade”, con notables referencias a dous espazos vitais fundamentais na súa vida: Lourenzá, a vila natal á que lle dedicou en 2004 o libro homónimo; e a cidade que o acolleu en outono de 1939, retratada en Vigo Sentimental (2001).


A mirada de Fernández del Riego á paisaxe emerxe dende o seu primeiro libro, 'Cos ollos no esprito' (1949), obra editada en Bos Aires composta por varios ensaios. Este traballo auroral seu sobre o tema, considerou o académico, pode ter como mínimo dúas lecturas: unha referente á recuperación do xénero descritivo como forma fundamental e máis acaída para falar da paisaxe, e unha segunda que nos mergulla “de cheo na eterna polémica das interaccións entre o ser humano e o seu contorno natural”.


“Fernández del Riego, diante das posibilidades que ofrecen as terras do país, opta por unha solución antrópica, segundo as súas expresivas verbas: "Toda Galicia, tan varia, tan suxestiva, podería transformar as súas belezas naturais en riqueza, en potencialidade, en benestar dos seus".


Este pensamento, debullou Fierros, é compartido na época por compañeiros galeguistas, como o Valentín Paz-Andrade de 'Galicia como tarea' (1959) ou o Xaime Isla das páxinas da 'Revista de Economía de Galicia' (1958-1964), da que era o seu director”, contextualiza.


Entre outras contribucións neste eido, Díaz-Fierros referiuse tamén á plasmada no libro colectivo 'Paisaxe e Cultura' (1955), “no que se tentaba presentar o tema da paisaxe como un dos elementos fundamentais que influían e conformaban a nosa cultura particular”; ou en 'O feito diferencial galego' (2000), outra obra coral na que se aprecia unha evolución do seu concepto de paisaxe que o académico interpreta como influenciada pola lectura de 'Abrente e solpor da paisaxe' (1958), de Celestino Fernández de la Vega.


“A paisaxe non sería agora algo autónomo, exterior ao ser humano, senón máis ben un produto da mirada na que, á súa vez, estarían reflectidos todos os intereses e valores que caracterizaban o seu sentir máis íntimo. Deste xeito, para un anaco de natureza determinado, poderían existir diferentes paisaxes segundo o diversas que fosen as miradas”, explicou.


A bo seguro que sen sospeitalo, Del Riego expresaba así ideas semellantes ás que se aprobarían ese mesmo ano en Florencia no marco do Convenio Europeo da Paisaxe, zanxou Díaz-Fierros. 

A Real Academia Galega louba a Fernández del Riego, un galeguista que foi "luz nas tebras"

Te puede interesar