Os Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, levan preto de 50 anos formando profesionais no sector agrario galego, o que permite ofrecer unha formación de calidade, eminentemente práctica e participativa. A oferta para este curso é de 364 para formar aos futuros profesionais agrarios, un aumento do 11% respecto das 328 prazas do curso anterior.
Trátase dun incremento progresivo e continuado no tempo, xa que no curso 2023-2024 xa se aumentou a oferta formativa nun 9,7% con respecto ao curso 2022-2023 (299 prazas) e ata un 10,3% de incremento dese con respecto ao curso anterior 2021-2022 (271 prazas). Deste xeito, a oferta formativa para o actual curso acolle ciclos tanto de grao medio como de superior en centros de Pontevedra, Becerreá, Boqueixón, Bergondo e Ribadeo, coas seguintes modalidades para ambas opcións: réxime dual presencial, réxime modular de persoas adultas semipresencial e réxime dual intensiva presencial. Os ciclos que se ofertan van desde Xardinaría e Floraría a Produción Agropecuaria, Xestión Forestal e do Medio Natural ou Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. Ademais, este ano hai dous ciclos novos: Paisaxismo e Medio Rural e Produción Agroecolóxica.
A Consellería do Medio Rural fai unha aposta decidida pola formación profesional dual intensiva ao ofertarse tres ciclos de grao medio (Produción agroecolóxica e Aproveitamento e conservación do medio natural no CFEA Pedro Murias, e Xardinería e floraría no CFEA Guísamo) e outros dous de grao superior (Gandaría e asistencia en sanidade animal no CFEA Sergude e Paisaxismo, e Paisaxismo e Medio Rural no CFEA de Guísamo) o que, unido ao xa existente en anteriores cursos académicos de Aproveitamento e conservación do medio natural no CFEA Pedro Murias, permite acadar ata 110 prazas para novos alumnos nos primeiros cursos desta modalidade formativa.
É salientable os numerosos proxectos colaborativos con empresas, universidades e administracións públicas que permiten impartir unha formación integral do noso alumnado. Ademais, as viaxes colectivas e os programas Erasmus+ enriquecen esta preparación a través do intercambio cultural e de experiencias. Todo isto se traduce nunhas exitosas cifras de inserción laboral, con elevados índices de autoemprego.
A formación impartida nos CFEA ten unha compoñente altamente práctica, o que contribúe a que o persoal formado acade un grado de destreza e confianza nos seus coñecementos que o fan especialmente apto para a entrada no mundo laboral.
Así mesmo, os ciclos impartidos na modalidade dual intensiva requiren do establecemento de convenios con empresas do sector, onde o alumnado completa a súa formación. Os datos iniciais, vinculados ao curso actual 2024-2025 son os seguintes, pero aínda se poden establecer convenios con novas empresas. De feito, se algunha empresa está interesada en iniciar esta colaboración debe poñerse en contacto co centro de referencia para que lle poidan explicar o procedemento. Porén, ata o momento case 70 empresas do sector participan nos cursos das localidades mencionadas.
Das 364 prazas ofertadas nos diferentes CFEA en primeiro curso, o 70% están cubertas, sendo máis demandados o ciclo medio de Aproveitamento e conservación do medio natural en Lourizán (100% cuberto); o ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural en Lourizán (100% cuberto); o ciclo superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal en Sergude (100% cuberto); o ciclo superior Dual intensiva de Gandaría e asistencia en sanidade animal en Sergude (100% cuberto; o ciclo superior de Paisaxismo e medio rural (semipresencial) en Guísamo (96% cuberto) e o ciclo medio de Produción Agropecuaria en Sergude (86% cuberto).
Estes datos confirman unha tendencia á alta na matriculación do alumnado neste tipo de formación, cun crecemento xeral do 2,5% desde o curso 2021-2022. Se nese curso, contando primeiras e segundas matrículas, había 505 alumnos entre todos os centros, no curso actual 2024-2025 hai 518 alumnos (datos a 20 de setembro). Aínda que o crecemento non é exponencial, si é relevante tendo en conta a baixada xeneralizada de alumnado en Galicia, derivada da situación demográfica da comunidade.
A maiores, se se analiza a distribución por sexo, o número de mulleres matriculadas incrementouse nestes anos: de 191 no curso 2021-2022 a 219 no actual. Por último, outra gran ventaxa dos centros de formación da rama agraria da Consellería do Medio Rural é a oferta de prazas de residencia e comedor nos diferentes centros da comunidade: en torno a 200 prazas distribuídas entre ambos servizos.