Ana Boullón referiu a deturpación do topónimo de A Pobra no seu discurso de ingreso na Academia

Ana Boullón referiu a deturpación do topónimo de A Pobra no seu discurso de ingreso na Academia
O acto de ingreso de Ana Boullón como membro da RAG foi no Teatro Elma | Chechu Río

A filóloga pobrense Ana Boullón Agrelo ingresou onte como membro de número na Real Academia Galega (RAG), ocupando a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande, ao que ela se referiu como poeta e como o lexicógrafo que escribiu o dicionario galego-castelán saído do prelo por primeira vez en 1968. O seu discurso deu resposta a que hai no nome dunha persoa, apelido ou lugar, ou que din de nós como persoas e como sociedade e que legado nos transmiten estas palabras, entre outras cuestións arredor da onomástica. Esta profesora da USC e investigadora de referencia nese campo de estudo, afondou na vertente lingüística e dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto no Teatro Elma da súa vila natal.


A nova académica dixo que cada un de nós é quen de crear a súa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios, festivos e zoónimos, para representar o pasado compartido, as persoas e as paisaxes vividas. Sintetizou o que representa a onomástica galega e fíxoo tomando o título do seu discurso da novela de José Saramago “Todos os nomes”, porque a historia do Nobel portugués “reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país”.


Boullón disertou sobre os procesos de deturpación toponímica, como o caso de A Pobra do Caramiñal, onde a restitución da forma galega atopou certa contestación veciñal, e que o argumento popular non era a defensa da castelanización da toponimia, senón simplemente “dise Puebla de toda a vida”. Logo salientou que toda a riqueza toponímica está protexida pola lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de 2015 tras recoller a reivindicación da Real Academia Galega.


Tamén detívose na castelanización dos apelidos e as trabas administrativas para restaurar as formas deturpadas, e abordou o caso dos topónimos, protexidos pola lexislación, pero non exentos de ataques, “agora tamén na cartografía en Internet”, dixo. Indicou que a lexislación española permite acomodar os nomes e apelidos ás linguas cooficiais cunha simple declaración de vontade e existe un dicionario de nomes propios co aval académico e un manual coas formas estándares dos 1.500 apelidos máis frecuentes que ela mesma coordinou, para facilitar o trámite do funcionariado do rexistro.


Pero, Boullón indicou que persisten trabas burocráticas e son rexeitados e enviados para a súa resolución á Dirección General de Seguridad Jurídica y Fe Pública do Ministerio de Justicia”, que denega a restauración á lingua orixinaria dos apelidos castelanizados con equivalente en español, argumentando que a esta última pertence ao acervo nacional e non é susceptible de adecuación ortográfica a outras linguas do Estado.


Dos nomes propios, salientou que a práctica desaparición das formas galegas veuse alimentada pola restrición da liberdade de nomear establecida no século XVI, tras o Concilio de Trento. Pero engadiu que desde finais do século XX non paran de crecer as novidades onomásticas: nomes persoais sacados da toponimia (Avia, Adai, Dubra, Irimia, Ézaro, Eume, Antela, Cíes, Navia, Aloia, Sarela ou Deva), da haxiotoponimia (Comba, Cidre, Baia, Icía/Sía ou Xes/Xenxo), literarios (Loaira ou Leilía), medievais (Aldara, Aragonta, Airas ou Roi), do léxico común (Lúa, Ledicia, Arume, Alborada ou Arela), inspirados na historia de Galicia (Suevia ou Celtia), hipocorísticos (Fuco, Nela, Xonxa, Catuxa, Xela ou Xandre) e abreviaturas de nomes recentes como Breo (de Breogán). “Hoxe os nomes galegos representan o 15%, por riba das formas españolas -precisou Boullón-, se ben os maioritarios seguen a ser os comúns”, pero en lixeiro descenso.


Ramón Lorenzo foi o encargado de darlle resposta ao discurso de Boullón: “Alégrame que entre na Academia unha nova voz feminina, porque isto demostra o moito que as mulleres están aportando á cultura galega en xeral e, no caso de Ana, á filoloxía e á lingüística galegas. É unha honra para a RAG avanzar no proceso de igualdade no número de membros que a integran», expresou. E salientou a «gran capacidade de traballo» e a «firmeza na defensa das ideas» da investigadora; e repasou parte dos seus méritos no campo da lexicografía.

Ana Boullón referiu a deturpación do topónimo de A Pobra no seu discurso de ingreso na Academia

Te puede interesar