Despois de que fai pouco máis dun mes que a xunta de goberno local de Rianxo otorgou á Axencia Galega de Industria Forestal da Consellería de Medio Rural a licencia para as obras contidas no proxecto básico e de execución da Base Integrada de Unidades Operativas (BUO) nunha parcela de equipamentos de 6.000 metros cadrados no polígono industrial de Té, que foi cedida polo Concello, xa comezaron as obras para a súa construción. Segundo cofirmou o alcalde, Adolfo Muiños, as máquinas comezaron a actuar no parque empresarial coa fase inicial de explanación do recinto que albergará este equipamento especializado na loita antiincendios forestais.
O proxecto conta cun orzamento de 441.392 euros e un prazo de execución de seis meses. Entre os obxectivos deste equipamento inclúese o de converterse nun espazo adicado á defensa do monte, pero tamén nunha contorna referencial, medioambiental e construtivamente falando, no polígono industrial rianxeiro. Este contedor de servizos de protección forestal será un lugar de descanso e traballo dos brigadistas e desde aí accederán aos operativos que xurdan e que terán a vantaxe pola cercanía á autovía e outras estradas na bisbarra. Desde esta base poderán incorporarse loita contra os incendios con grande rapidez.
Muiños lembrou que na construción se apostou por reducir ao mínimo o impacto da edificación, o uso de madeiras como o castiñeiro e piñeiro ou a cuberta axardinada. "Unha construción quilómetro cero no que se procurou a eficiencia enerxética en todas as instalacións, con sistema de climatización por aerotermia e sistemas de control e regulación para as luminarias led", precisou o primeiro edil. O mandatario rianxeiro tamén recordou a boa disposición municipal para ceder esta parcela consciente de que "é un equipamento que traerá un beneficio directo como é achegar a Rianxo aos operativos que por desgraza son imprescindibles polos incendios do propio concello e da bisbarra. Tamén por crear infraestruturas de referencia supramunicipais no municipio", concluiu.