Unha muller de 73 años, cuxa identidade responde ás iniciais A.C.R., veciña de Santiago, foi rescatada da auga na praia boirense de Barraña e, posteriormente, foi evacuada no helicóptero medicalizado H3 de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, con base na capital de Galicia, ata á área de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Os feitos tiveron lugar en torno as catro e media desta tarde cando un particular daba a voz de alarma de que estaba a ver a unha persoa aboiando na auga do referido areal e que podería estar afogando, concretamente á altura duns chalés e o chiringuito.
Por ese motivo, deuse aviso aos servizos sanitarios, que movilizaron ata o lugar unha ambulancia de Soporte Vital Básico (SVB) con base en Rianxo, que únicamente presta servizo doce horas ao día, e outra similar con sede en Boiro de servizo ás 24 horas, ademais da referida aeronave, que tomou terra no propio areal, así como o equipo médico do Punto de Atención Continuada (PAC) do Saltiño, persoal do servizo municipal de Protección Civil e unha patrulla da Garda Civil do cuartel boirense.
Tamén contactouse co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde onde indicaron que se cre que a persoa que tivo que ser atendida ía paseando pola beira do mar e puido sufrir unha indisposición e caeu na auga. Tralo rescate e reanimación da vítima por parte de persoas que nese intre foton no seu auxilio na referida praia, conseguiuse a estabilización da vítima dentro da ambulancia por parte do persoal técnico e facultativo e, a continuación, foi subida ao helicóptero, no que se procedeu ao seu traslado ao Clínico compostelano. Desde o servizo de coordinación das emerxencias tamén se informou do suceso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, pero non foi necesario que os seus medios foran movilizados finalmente ata o lugar dos feitos.