A asociación cultural Alecrín acaba de dar a coñecer que desde mañá e ata o próximo martes, día 30 de xullo desenvolverase unha actividade denominada “Swing. A nova era do baile social”, que consiste nun obradoiro de baile gratuíto para persoas adultas que ven de poñer en marcha a Concellería de Cultura de Rianxo no marco das Noites de Jazz. Este programa realizarase no salón de actos do Cuartel Vello entre as oito e media da tarde e as dez e media da noite e será impartido por Francisco Muñiz, coreógrafo, bailarín e mestre de baile responsable técnico e pedagóxico dende fai máis de tres décadas do Taller Alecrín.
Neste Obradoiro de Swing, os participantes poderán facer un percorrido de xeito activo polas diferentes modalidades, tales coma o Swing & Lindy Hop, West Coast Swing, Balbo, entre outras, explorando as capacidades rítmicas e de movemento que ofrece esta singular disciplina de baile. O curso ten un número mínimo de 10 prazas para que se poida celebrar, e un máximo de 20, e poderanse reservar, tanto en parella como de xeito individual, chamando ao teléfono de contacto 698 150 432 en horario de dez da mañá ata as dúas da tarde, de luns a venres.l