Unha cidadanía asentada no activismo polo medio ambiente das persoas con discapacidade intelectual

Unha cidadanía asentada no activismo polo medio ambiente das persoas con discapacidade intelectual

Con vintecinco anos de percorrido, a asociación Amicos continúa a demostrar unha filosofía asentada no apoio ás persoas con discapacidade intelectual, o fomento da cidadanía activa, o coidado medioambiental e a innovación. 


Así, dende o ano 2010 esta entidade, especializada no apoio integral das persoas con discapacidade intelectual, potenciou o coidado medioambiental como un dos principais valores que moven a xestión do grupo boirense. 


Xoán España, director xeral da entidade, sinala que esta decisión se produciu tras “ver como as actividades medioambientais e de conservación fomentaban o apoderamento das persoas con discapacidade, como fomentaban que as persoas ás que apoiamos día a día se sentiran ligadas á comunidade e incrementasen o seu interese por ver como a súa labor repercutía no entorno. A raíz de aí, Amicos decidiu incrementar o seu compromiso ambiental e favorecer que as persoas con discapacidade se convertesen en activistas medioambientais e cidadáns proactivos”.


Dende entón son moitos os proxectos deste tipo que impulsa a asociación, tanto de protección e restauración de montes como de ecosistemas mariños. A través destes non só se mellora o entorno con accións directas na natureza, senón tamén con actividades de sensibilización conducidas polos axentes medioambientais da entidade.

 

Amicos impulsa o proxecto Climability grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico


Neste senso, Adriana Miguéns, activista medioambiental de Amicos, destaca que “desfruto moito das actividades que realizamos nos colexios, imos e ensinámoslles aos nenos como coidar a natureza a través de xogos. Tamén facemos outras accións como limpezas de praias e ríos, con escolares e con adultos, nas que ensinamos como separar os residuos mariños. E nós tamén aprendemos moitas cousas deles”.


Unha labor que require dunha preparación moi específica, como indica a axente, para o que “facemos cursos nos que nos ensinan distintas cousas, dependendo dos proxectos nos que vaiamos a participar. Tanto pode ser sobre cadeas tróficas, ecosistemas mariños, especies protexidas e especies invasoras, cambio climático...”.


Sobre este tema xira o proxecto Climability: Solucións inclusivas e sostibles para a adaptación do cambio climático, que celebrará o seu acto de clausura este mércores, 29 de xaneiro, no Teatro cine Elma da Pobra do Caramiñal. Unha iniciativa que afonda no cambio climático e en como este afectará ás comarcas do Barbanza e de Verín. 


Así, Climability non só é un proxecto de activismo sobre o cambio climático, é tamén unha iniciativa de integración social conducida por persoas con discapacidade intelectual. Para iso, un grupo de dez axentes e activistas medioambientais de Amicos participaron en distintas formacións para especializarse e converterse en promotores das accións de sensibilización e información que se levaron a cabo nos últimos meses. 


Lola Gómez, técnica do proxecto, destaca que Climability “xorde do afán de Amicos por seguir innovando a nivel social e polo noso forte compromiso coa protección e conservación do medio ambiente, a través da promoción de espazos nos que as persoas con discapacidade intelectual aporten tódolos seus coñecementos e capacidades”.


Esta iniciativa consiste na investigación coñecemento e busca da aliados para aplicar a maneira na que se comporta a  natureza para adaptarse e mitigar o cambio climático, a través do que se coñece como Solucións Baseadas na Natureza (SBL).


Este é un proxecto impulsado pola Asociación Amicos, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021 – 2030.


Durante os meses de traballo, o equipo de Climability acadou dous obxectivos principais, segundo nos conta a técnica da entidade. “Por un lado un obxectivo social, ao visibilizar e fomentar a participación activa e o liderado das persoas con discapacidade intelectual en iniciativas que contribúen a facer fronte aos retos que temos por diante como sociedade. Por outro, un ambiental coa xeración de redes inclusivas comarcais de traballo e apoio, o que permite unha mellor adaptación ao cambio climático”. 


En definitiva, Climability “sentou as bases para seguir traballando e intercambiando coñecementos e experiencias que contribúan a adaptarse a este cambio. De feito, o estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega no marco deste proxecto é unha publicación de gran interese e aplicabilidade, que pensamos pode facilitar o deseño de solucións ambientais e accións de integración que sigan este enfoque”. Un obxectivo que levou á entidade a presentar as conclusións do estudo ante os alcaldes de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira nunha reunión da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, así como a distintos axentes do territorio de actuación do GDR Monteval.


Xoán España resalta que “o interese das institucións locais e dos profesionais do sector por este proxecto foi vital. Climability está moi enfocado en estudar medidas que poden aplicarse para facer fronte ao cambio climático, que xa é unha realidade á que nos temos que adaptar. Esta adaptación debemos realizala todos e todas, como cidadáns individuais dende os nosos fogares, pero tamén dende as institucións e as empresas, con grandes medidas para que o impacto sexa real”.


Unha atención que se demostrou nos distintos obradoiros formativos celebrados tanto no Barbanza como en Verín. Nesta última comarca, os equipos de goberno dos concellos da contorna participaron de forma activa, o que axudou a que o proxecto puidera coñecer de primeira man as problemáticas e as solucións que se poden aplicar na zona. 


Con respecto a estas accións de sensibilización, Miguéns declara que “vexo que o que facemos é importante cando os e as participantes se interesan polo que lles estamos ensinando. Fannos preguntas, fálannos das súas experiencias e dinnos que o que facemos é bo. É algo que noto en tódolos proxectos nos que participamos, tanto con profesionais como mariscadoras, equipos de empresas aliadas... como a rapazada dos coles”.


Un sentimento que comparten os dez axentes ambientais especializados que participaron en Climability, cos que a activista medioambiental de Amicos comparte a “ilusión de cando nos atopamos con persoas que participaron nalgunha da nosas accións de sensibilización e, pasado o tempo, se acordan de nós. Iso significa que lles ensinamos algo importante. Síntome moi ben, moi contenta coa labor que facemos, e fai que queira aprender e facer máis cousas”. 


Dende Amicos sinalan que aínda queda moito por facer, dándolle prioridade a “cuestións que xa son un problema grave hoxe, e que requiren poñerse a traballar xa. É vital reducir a contaminación da auga fluvial e mariña, restaurar bosques mariños e terrestres, aplicar medidas de conservación e protección da biodiversidade, potenciar a aposta por unha economía circular e inclusiva... sempre incidindo na sensibilización da poboación, en especial dos máis novos e novas”.

 

Para máis información:
T.  981 865 716
M. 658 753 047
hola@amicos.org

 

Unha cidadanía asentada no activismo polo medio ambiente das persoas con discapacidade intelectual

Te puede interesar