Alfonso Magariños | “Hai xente que chora vendo a Semana Santa de Paradela. Tes que ir e vivilo”

Declarada de Interese Turístico Autonómico, nesta edición conta cunha nova directiva á fronte, que colle o relevo con ansias de relanzala

Alfonso Magariños leva moitos anos vencellado á Confraría da Semana Santa de Paradela, pero non foi ata este ano cando se vinculou á súa nova directiva, como tesoureiro. “Nova en funcionamento, porque de idade somos máis maiores ca novos”, subliña entre risos. Hoxe fala con nós desta nova edición da celebración.

 

Cando cae este ano a Semana Santa e como van os preparativos?
Cae o 18, 19 e 20 de abril. Este ano vén un pouquiño máis alta. De momento os preparativos van un pouco lentos. Pero xa empezamos o día 25 de xaneiro os ensaios, que é unha primeira toma de contacto para falar cos posibles actores, os que quedan, os que entran novos... E de aí sairán os ensaios seguintes ata a última semana, na que xa é todos os días e non hai descanso.

 

Entón os actores aínda hai que convencelos?
Non, practicamente xa os temos. Pero unha das cousas que queriamos facer este ano é ter uns segundos actores para cada un dos papeis principais. Porque nunca pasou nada, pero agora a Semana Santa de  Paradela non é a de hai 30 anos, que eramos todos veciños da parroquia. Agora colleu  un carácter máis profesional, vén xente de moitas partes, é de Interese Turístico... E non podes xogarte a que ese día lle pase calquera cousa a un actor e non ter outro de relevo.

 

Outra novidade deste ano vai ser nos horarios, non si?
Si. Os horarios son os mesmos ca os do ano anterior, simplemente que este ano vai ir todo media hora máis tarde. Porque como a Semana Santa cadra a mediados de abril, os días van algo máis longos.  E nós o que procuramos é facer de noite as escenas que son de noite, porque lle acoplamos efectos de luces e hai que esperar para poder lucilo un pouco.

 

"Temos que darlle un pouco máis de vida ós guións, porque a Semana Santa para a xente nova faise un pouco aburrida"

 

Unha vez que collan o ritmo dos preparativos, canto se ensaia?
Unha vez á semana. Hai que poñer o día porque depende da xente que traballa e tamén porque compartimos o local co coro parroquial. Barallamos o sábado, pero para a xuventude é un día complicado. Pero somos moi flexibles, porque se vén un actor que ten que traballar, pois ese papel ensáiase outro día. Non temos por que ensaiar todos xuntos. Xa nas últimas semanas, si, porque incluso ensaiamos nos escenarios.

 

O ano pasado cambiou o actor que fai de Xesús, tamén o director... Como valoran estes cambios?
Os cambios intentamos que sexan para mellor. Cada ano temos que superarnos, pero non podemos deixar a tradición relixiosa. Ós guións temos que darlles un pouco máis de vida, porque temos o problema de que a Semana Santa para a xente nova faise un pouco aburrida. Incluso os cativos non o entenden moi ben. Entón, temos que tratar de que entendan o que están vendo.

 

Pero precisamente a Semana Santa de Paradela, aburrida non é...
Claro. A maioría das Semanas Santas son procesións con imaxes. Entón, a un cativo, como lle explicas o que está vendo? En cambio na nosa ve realmente o que pasou e élle máis fácil de asimilar.

 

E vostede como o vive, sendo veciño de alí?
Para min  é un acto moi importante e, como para min, para outros. Incluso hai xente que collía as vacacións para vir traballar na Semana Santa. Con iso xa che digo como se vive.

 

Para quen non a vira nunca, como lle describiría a Semana Santa de Paradela?
Á xente que vén de fóra, encántalle e repite.  O venres santo, que non ten moita vistosidade, porque soamente é baixar ó Cristo da cruz, é o día que máis xente hai. E iso que é de noite. E moitas veces con molladuras, como o ano pasado, que a banda ata tocou a chover.

 

E para vostede, que momento é o máis bonito?
O venres santo pola mañá. Porque é cando se fai o xuízo, azotan a Xesús, vai coa cruz, crucifícano...

 

Pode entrar calquera a ter algún papel na Semana Santa?
Si, si. Nós estamos abertos a calquera. De feito temos xente de Vilagarcía facendo papeis, como o que fai de Herodes.

Semana Santa Paradela
Parte do colectivo, durante unha xuntanza para dar comezo aos ensaios | Mónica Ferreirós

 

Pero para facer de Xesús será un proceso máis delicado de selección, non?
O que hai que ter é vontade. O actor faise alí, porque son papeis sinxelos. Requiren moito ensaio porque hai quen nunca fixo nada de teatro e cóstalles, pero non é complicado. 


Vostede fai algún papel? Cal lle gustou máis?
Eu, menos de Cristo, fixen case de todo. Agora estou facendo o que lle chamamos “o dos vellos”, no sanedrín. Fixen de Pilatos, que me gustou moito... Fixen de Herodes... E tamén de Caifás, que tamén me gustou.

 

Saben canta xente se achega ata Paradela neses días?
Temos unha aproximación, que vai entre as 2.500 e 3.000 persoas. Sabémolo porque temos tres aparcamentos e collen uns 40 coches en cada un. Entón, multiplicando iso por tres persoas e tres días... Este ano queriamos ter unha cousa máis exacta cun dron.

 

Como animaría a que a xente fora á Semana Santa de Paradela?
Van encontrar algo diferente. Unha Semana Santa vivinte, onde van ver ó Cristo en persoa, ós personaxes todos... O que é a Paixón de Xesucristo pero en vivo.  Van ver como hai moita xente que chora... Tes que vir alí e vivilo. 

Alfonso Magariños | “Hai xente que chora vendo a Semana Santa de Paradela. Tes que ir e vivilo”

Te puede interesar