Xaquín Rodríguez Pomares foi fundador e presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES). Hoxe fala con nós da mellora social que percibe no tocante ó medio ambiente, pero tamén das empresas que siguen tendo “carta branca”.
Como xurdiu o CES?
Creouse a partir dun colectivo previo, que era a Asociación Ecoloxista do Grove, que fundara Luís Rey, xa falecido, e un grupo de compañeiros. E a partir de aí, no 91 fundouse o Colectivo Ecoloxista do Salnés.
Que evolución nota socialmente cara o ecoloxismo? Nota unha mellora?
Si, noto unha mellora moi grande. Houbo alún punto de inflexión desgraciado como o Prestige. A partir de aí comezou a haber un maior coidado. A xente falabadoutro xeito da natureza. Pasouse dunha mentalidade baseada no uso e desfrute da natureza a unha máis respectuosa. Tamén pasaron 30 anos e hai un ciclo xeracional que é moito máis sensible. Hoxe as agresións ó medio non as fan as persoas concretas, pero hai empresas grandes e institucións que teñen carta branca. Iso é o máis preocupante.
Pode ser isto último o que inflúa en que moita xente non se comprometa co ecoloxismo?
Pode ser. De todas formas pódoche poñer un exemplo moi sorprendente. Hai algunha empresa que antes era especialmente lesiva para o medio ambiente e que agora deu un cambio brutal. Eu cando era presidente dinlle moita caña a Cerámica Campo, porque queimaba aceite usado, botábao enriba do mar... Facía auténticas barbaridades. E agora é case un modelo de sostibilidade. É dicir: Pódese cambiar. Pero por desgracia sigue habendo empresas grandes que se están metendo en proxectos que non son sostibles. Estou pensando en Altri e nas mineiras que están empezando a planear pola xeografía galega.
Supoño que tamén participaron nas manifestacións contra Altri...
Si, porque nos parece romper cun modelo de sustentabilidade que, ademais, é atractivo para o turismo. Altri está nunha zona que, como toda a Galicia interior, está perdendo poboación, pero hai iniciativas de sustentabilidade que a están a relanzar. Hai granxas de produción ecolóxica, casas rurais... E penso que Altri vai destruir máis empregos, incluso na Ría de Arousa, dos que vai crear. Como estratexia política a medio prazo creo que vai ser un fracaso.
Antes mencionou o Prestige. Cre que só nos damos de conta da importancia de coidar o medio cando pasa algunha catástrofe, como agora coa DINA tamén?
É certo. É a nosa forma de funcionar. Hai un conto que di que hai dúas rás. Unha delas ponse nun cacharro con auga que poñemos a quentar no lume. A rá adáptase á temperatura da auga ata tal punto que non a sinte e acaba morrendo. Se collemos outra rá e poñémola no mesmo cacharro, salta e salva a vida. Moitas veces pasa iso. Se os cambios son moi lentos non somos capaces de percibilos. Nun colectivo ecoloxista temos o privilexio de ser visionarios do que vai pasar.
De que zonas de O Salnés habería que preocuparse especialmente?
O gran problema de O Salnés é o cultivo do albariño. Vou dicir unha cousa que todo o mundo sabe pero que ninguén di. O cultivo do albariño non é sostible. Hai que meter unha man de sulfato cada 7 ou 10 días. Son produtos agresivos co medio, coa vida, coa terra, coas augas, co aire.. Non imos dicir que hai que deixar de producir albariño porque é un motor e un símbolo da zona, pero hai que parar de plantar e hai que poñer barreiras vexetais para impedir que toda esa polución chegue ás zonas habitadas. Eu vivo rodeado de viñas e ás veces asústome, porque é irrespirable.
E que zonas naturais destacan pola súa importancia na comarca?
Nós vivimos no paraíso. Temos ríos...a costa é variadísima, con acantilados, tómbolos, istmos, dunas, illotes, cons, petóns... Unha viaxe polas rías é unha preciosidade. Temos o mar, que gracias ós mariñeiros e mariscadores que o respetan segue sendo unha marabilla, e temos un espazo protexido que agora mesmo é o Serengeti de Galicia. Poñemos alí un telescopio e é un bulicio de aves migratorias que é unha auténtica preciosidade.
Cónteme das actividades que fan. Unha delas é observación de aves.
Si. Sempre estivemos pendentes de dar a coñecer o medio á xente, porque a única forma de que valore o que ten é coñecéndoo. A actividade de observación de aves é aberta e dispoñemos de telescopios, guías e libros de aves. Os que van son xente sa, á que lle gusta a natureza. Ás veces van tamén con rapaces. É unha actividade moi recomendable. Pode haber ata 40 especies distintas aquí: Aguias pescadoras, bilu ricos, mazaricos, píllaras, ánsar, patos, cercetas... Tamén, case todos os meses faise a actividade do Proxecto Ríos. O colectivo ten apadriñado un tramo de río, que é unha mostra para controlar a calidade das augas, como están as beiras, se hai especies de fóra... Os ríos galegos son un bulicio de vida.
Que consello daría para alguén que queira empezar a comprometerse co ecoloxismo?
Nós temos unha reunión mensual no local do colectivo na rúa Hospital en Cambados. Poden contactar a través da web e ir, que serán moi ben acollidos. Tamén se poden apuntar cando haxa algunha actividade. Á xente cando empeza hai que acompañala. l