Alfonso Pombo (Asociación Vendima): “O pequeno viticultor vai tender a desaparecer se non estamos unidos”

Alfonso Pombo é o presidente da asociación Vendima, de viticultores de O Salnés. Hoxe fala con nós sobre este labor, as súas partes máis duras e menos coñecidas, o futuro da viticultura e o valor engadido que ten para el.

Como foi a vendima deste ano?
Depende de varias cousas. Uns tiveron unha vendima extraordinaria e outros tiveron unha mala vendima, pero ante todo foi unha vendima moi tranquila. O tempo axudou moitísimo, tivemos unha vendima con 15 días sen choivas nin mal tempo. Cunha graduación moi alta, ademais. Ante todo estamos moi satisfeitos co que se recolleu e coa calidade da uva, que é importante tamén.

 

Comentábame que están tamén agora mesmo nun proceso de eleccións na asociación.
Si, imos empezar coas eleccións da asociación, por se alguén se quere presentar e, se non hai candidaturas, nós teremos que seguir coas rendas do que xa se formou nun principio en 2010, e continuaremos mentres teñamos viñedos.

Pero entendo que, de continuar, faino con gana, non só porque non se presente ningunha outra candidatura, non?
Si, por suposto. Foi unha cousa que se creou, que funcionou moi ben no seu principio e segue funcionando perfectamente e estamos encantados co resultado, entón temos ganas de continuar.

 

A asociación naceu no ano 2010, por que decidiron fundala nese momento?
Quen a formou non fun eu, foi outro socio, e creouse para axudar ó pequeno viticultor a poder afrontar os gastos que conleva facer unha campaña. Non só os sulfatos senón plantacións, arames, estruturas... Porque non é o mesmo que unha persoa vaia comprar un rolo de arame ca unha asociación, que pode comprar un palé. Os prezos non son os mesmos. Tampouco é o mesmo vender 100 quilos de uva que 50.000. Entón esa foi e sigue sendo a idea principal da asociación, axudar a abaratar os costes de produción do pequeno viticultor. O que ten unha produción moi alta, arréglase solo.

 

"Traballar no campo dáme tranquilidade. Teño o meu
agobio da oficina, pero despois monto no tractor e desconecto"

 

Canto pode custar, sen a axuda da asociación, levar a cabo unha campaña?
Só en fitosanitarios ándase sobre 2.000 euros por hectárea. Nós temos descontos e podemos abaratar entre un 20 e un 30 % a campaña.

 

Ou sexa que compensa estar dentro da asociación...
Si, compensa. Fomos os primeiros en facer un seguro medioambiental, por culpa do traslado dos productos fitosanitarios dentro da cuba, por se tes un accidente ou un derrame... Temos unhas ventaxas que para o pequeno explotador non son factibles.

 

E como vai a cifra de viticultores na comarca? Sobe ou baixa?
A cifra de viticultores varía. Hai moita xente maior que o está deixando, hai outra que, gracias ás grandes bodegas, que lles fan as aplicacións e os traballos manuais, siguen como propietarios, arrendando os viñedos ás bodegas, porque eles xa non son capaces de continuar... Aí é onde se está perdendo. Onde se está gañando? Os que son grandes, cada vez son máis grandes. Estase plantando máis e estase vendo que é un negocio que axuda ó viticultor maior. O pequeno, ó final, vai tender a desaparecer se non estamos unidos.

 

Pero na asociación si que son máis cada vez, non?
Si. Máis ou menos estamos nos mesmos socios, que son sobre 70. Teremos sobre 70-80 hectáreas en viñedo. Hai xente nova que non quere continuar porque non está aquí... Se tes outro traballo é moi escravo ter que dedicarlle sábados e domingos...

 

Claro, é que pensamos só no momento da vendima, pero é un traballo de todo o ano.
Si, pensamos na vendima e no momento no que se van cobrar as uvas (ri) Pero claro, iso conleva moitas fins de semana... se tes outro traballo, é un sacrificio.

 

Cal é o momento máis complexo de todo o proceso?
A aplicación dos produtos fitosanitarios. Agora hai moita normativa, moitos problemas co medio ambiente, con masas de auga, con casas...

 

Na asociación tamén fan cursos para aprenderlles ós viticultores a aplicar estes produtos...
O último que fixemos foi no 2020 e foi referido ás enfermidades da cepa e os tratamentos que se poden dar. Non hai ningún en previsión porque é bastante complicado atopar xente cualificada que che dea un curso para dez ou quince persoas.

Vendima
Alfonso Pombo, primeiro pola esquerda, xunto a outros integrantes da directiva da Asociación Vendima | Cedida

Cal é a uva máis produtiva?


A gran maioría adicámonos ó albariño, que é 

o que realmente se vende e ten unha saída controlada e estable todos os anos. Despois hai xente con moita clase distinta de viños, pero para uso doméstico.

 

Que consello lle daría a alguén que se iniciase agora neste mundo?
Que busque alguén, unha asociación... con quen asesorarse, e que é unha cousa moi bonita e moi agradecida.

 

Por iso lle ía preguntar. Que lle aporta a vostede ser viticultor?
A min o que me dá é tranquilidade. Eu teño o meu agobio da oficina e despois montas no tractor e vas dar o sulfato, pasar os ganchos, abonar... E o que che axuda moito é a desconectar da vida cotidiana, do estrés... É moi tranquilizante, moi satisfactorio poder traballar no campo.

Alfonso Pombo (Asociación Vendima): “O pequeno viticultor vai tender a desaparecer se non estamos unidos”

Te puede interesar