O BNG da Illa presentou hoxe a súa candidatura completa para as eleccións municipais do 28 de maio nun concorrido acto con presenza de veciños de todas as idades –algúns aínda en carriño– e respaldado polo alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, a deputada autonómica Montse Prado e outros responsables e membros da formación no Salnés. Manuel Suárez encabeza unha lista de 14 nomes que pecha o seu antecesor, David Mochales, e que inclúe cinco caras novas en comparación coa de 2019, maioritariamente nos postos de saída.
A que foi concelleira e voceira do grupo municipal, Laura Castro Rial, repite como número dous. Desta técnica superior en Animación Sociocultural de 30 anos, estudante de Educación Social e traballadora neste ámbito, o alcaldable destacou o seu compromiso e experiencia municipal. Pola súa parte, a bateeira de 32 anos e graduada en Óptica, Elena Otero Otero, dá o salto á política activa como terceira na candidatura. Suárez suliñou o seu activismo na defensa da sanidade pública e na reposición do servizo de Pediatría: “Unha honra terche no equipo”, declarou.
O paso tamén o dá Manuel Otero Outeiral como número catro. Graduado en Lingua e Literatura Galegas, actualmente estuda o mestrado de profesorado e ten 23 anos. Suárez confía na súa “valía e intelixencia” para “cambiar un concello onde o actual modelo turístico lle arrebata o fogar á mocidade”.
Así mesmo súmanse ao proxecto mulleres “valentes” e “defensoras da clase traballadora”, como apuntou o candidato sobre Lidia Barreiro Felpeto, de 48 anos, filóloga e profesora no IES A Basella (quinto posto); Araceli Guillán Dopico, licenciada en Historia da Arte de 46 anos e que vai no sete, e Maruxa do Carme Núñez Outeda, técnica superior en produción acuícola e máis TS en actividade física, que traballa nun laboratorio e ocupa o número 10.
A formación tamén volve contar nesta cita electoral con Marta Núñez (9), José Chantada (8), Antonio Millán (6) e con Carlos Chaves (exvoceiro e candidato no 2015), Rosario Charlín e Xoán Carlos Piñeiro como suplentes.
Na súa intervención, o candidato á Alcaldía recoñeceu parte do traballo feito polos sucesivos gobernos socialistas dende que A Illa se independizou, pero só no que compete á creación de infraestruturas, pois considera que executa obras electoralistas e esquece os principais problemas da vila e as necesidades dos veciños: “A ilusión de hai 25 anos está aletargada” e hai unha “falta de ideas”, engadiu. A “perda” de poboación e emprego é unha cuestión que lles preocupa e botan en falta un pavillón, unha mariña tradicional e un centro de día, pero tamén unha “política deportiva e cultural estable e de calidade” e espazos abertos para os mozos e nenos, que “foron os gran desatendidos”, porque “a infancia é moito máisca reformar o Regueiro”. De feito, propón un plan de uso das instalación municipais para unha xestión “eficiente e rigorosa” dos recursos públicos.
Suárez tamén considera “urxente” fomentar o emprego e a súa diversificación e a súa proposta pasa por “apoiar as iniciativas de emprego particulares, con liñas específicas e áxiles” e crear un coworking de emprendemento, sen esquecer a “defensa” dos principais sectores produtivos. Así mesmo propón crear servizos municipais para atender aos maiores como a atención domiciliaria e espazos terapeúticos.
En resumidas contas, o candidato ve necesario un cambio e comprométese a lideralo coa implantación do “modelo BNG” e con “persoas comprometidas co seu pobo” que teñen “moitas ganas e ilusión”.