As concellerías de Cultura e Normalización Lingüística estenden a conmemoración do Día das Letras Galegas a todo o mes de maio cunha programación de actividades de diferentes ámbitos, pero “sempre fomentando o emprega da lingua galega” porque “é unha grandeza ter unha lingua propia”, indicou o concelleiro Liso González. Teatro, exposicións, presentacións de libros, algún concerto e actividades para os cativos conforman a proposta.
A mostra “Atlánticas”, do fotógrafo cambadés Adrián Baúlde, deu onte inicio a este “Mes das nosas letras” no que non faltará o acto central e institucional. Será o día propio, o 17, na Calzada, coa tradicional ofrenda floral dedicada á polifacética artista Luísa Villalta, á que este ano se lle dedican as Letras. E, como sempre, tamén se recordará ao ilustre Ramón Cabanillas e contarase coa presenza dos centros educativos, a exposición de murais –a cargo de Bea Campos– e haberá “Contos nas orellas”.
Ese día tamén haberá un concerto da Banda de Castrelo e terá lugar o Festival Con de Xido. A música non faltará neste mes especial e destaca a iniciativa “Música e versos” que desenrolará a Banda Xuvenil do Conservatorio e Escola de Música de Cambados xunto con escritores e artistas da vila e que, como o seu nome indicará, mestura melodías con poesía. Ademais, nestes días contarase con concertos do CMUS de Lalín, co que o cambadés participou esta semana nun intercambio, e de alumnado de cámara do de Valga.
Durante este mes, a artista Isabel Risco ofrecerá o seu espectáculo “Bravas” con sesións nos colexios e unha aberta ao público no auditorio, o día 16. No apartado de presentacións de libros, haberá actos con “Serei os teus ollos en Idomeni”, de Exidio Cuiñas, “Indehiscencia”, de Ramón Caride, e “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”, de Xosé Iglesias.
En canto ao teatro, Abázcaro interpretará “Dantescos” y Teatro ó cubo e o seu furgón utópico estará con de Vilatriste e Vilalegre. Respecto a outras iniciativas, non faltará o Festival dos Maios e se inaugurarán as exposición “Aladas”, de Lara Rey, “Orgullo da nosa Lingua”, e a “Artsorey”.