O IES Francisco Asorey de Cambados foi novamente protagonista no acto de entrega dos Premios Extraordinarios de ESO e Bacharelato que a Consellería de Educación celebrou a semana pasada. A el asistieron a súa alumna Alaitz Otero Gómez e o ex alumno Ibai Otero Gómez que no curso 2020-21 tiveron expedientes académicos merecedores destes recoñecementos, pero a entrega retrasouse por mor da pandemia.
Ademais, neste curso académico tamén foi premiada outra ex estudante do centro, Alba Sánchez Barco, que recibiu un Premio de Fin de Grao en Odontoloxía, outorgado pola Universidade de Santiago de Compostela, "o cal constitúe un novo motivo de orgullo para toda a nosa comunidade educativa", sinalaron dende o instituto de Cambados.
Dende a dirección do centro, en nome de todo o Claustro do IES Francisco Asorey, quixeron darlle os "nosos máis sentidos parabéns tanto a Alaitz, Ibai e Alba, coma ás súas respectivas familias por teren contribuído a acadar tan prestixiosos logros, e por seren para as novas xeracións que a día de hoxe cursan estudos no noso centro, exemplos de traballo, esforzo e superación persoal en busca da excelencia".