Daniel Castro | “Os lategazos lévoos ben: De ladrón xa os levas, así que estou afeito”

Daniel Castro | “Os lategazos lévoos ben: De ladrón xa os levas, así que estou afeito”
Castro, no centro, xunto parte do elenco que ensaia estes días para esta Semana Santa de Interese Turístico | mónica ferreirós

A Semana Santa de Paradela, de Interese Turístico Autonómico, introduce este ano varios cambios de alcance. Muda a dirección dramática, suprímese a escena das Vodas de Caná e renóvanse algúns rostros no elenco. O máis destacado, por ser o principal, o de Xesucristo. Tras a saída de Marcos Roma, toma o relevo o mozo de Paradela Daniel Castro.

 

Estréase no papel de Xesús, pero ten experiencia previa nestas  escenificacións?

Si, xa dende pequeno. Xa fixen de anxo, de persoa do pobo, de soldado... Logo, de ladrón, e agora, este ano, de Cristo.

 

Cantos anos leva, entón, vinculado a esta Semana Santa?

Pois desde os seis anos, teño agora vinte.

 

Como é que decide dar o paso de asumir o papel principal?

Porque non había xente, non había ningún voluntario. Din o paso para que non se perdera a tradición.

 

Era algo no que pensara anteriormente? Imaxinábase hai anos facendo de Xesús?

Que va. De feito, tomar agora a decisión, custoume.

 

Si? Por que? Que é o máis difícil de desenrolar para este papel?

Falar en público. É un salto importante, porque nos papeis que fixen antes, eu de texto só falara unha frase, de soldado, un ano.

 

Pensei que me ía dicir que o máis complicado era aguantar os lategazos.

Iso lévoo ben. De ladrón xa os levas igual, así que estou acostumado.

 

Como vai indo, logo, a cuestión do texto?

Si, agora vai indo ben. Os compañeiros incluso me din que cambiou moito a cousa, de cando comecei, a agora como estamos.

 

Como están sendo os ensaios? Canto traballo  e tempo supoñen?

Comenzamos en xaneiro e ensaiamos tres días á semana. Tento compatibilizalo todo: Estudo pola mañá e pola tarde imos ao ensaio e, se non, na casa.

 

Cal é a escena máis complicada?

A do xoves, coa Última Cea. Aí tes que saber en todo momento con quen debes falar, onde entrar, as maneiras de dicir as cousas... Noutras escenas non tes tanto texto.

 

E o seu momento favorito?

O venres: o Vía Crucis, a Crucifixión...

 

É vostede moi relixioso?

Relixioso, o normal. Pero esta é unha tradición de sempre.

 

Vese moitos anos facendo de Xesús en Paradela?

Imos ver como sae este ano e, depois, outro galo cantará. 

Daniel Castro | “Os lategazos lévoos ben: De ladrón xa os levas, así que estou afeito”

Te puede interesar