Fátima Abal Roma (1978) pasará á historia por ser a primeira alcaldesa e socialista da historia de Cambados. Durante seis anos e medio mostrou un gran compromiso con causas sociais como a igualdade e a diversidade, pero tamén cos problemas dos veciños, por menores que foran. A renuncia que non conseguiu un cúmulo de denuncias das que quedou exonerada e unha oposición que considera non foi de todo leal ao xogo democrático, chegou da man do impacto que sobre a súa saúde tivo un goberno en minoría, sen concelleiros liberados e falto de apoios. Recoñece incluso que hoxe, vistas as consecuencias “negativas”, a negociación de 2019 para un pacto sería diferente. Aínda así, e sen ocultar o seu desencanto con algúns exsocios, cre nas posibilidades das coalicións e no poder do diálogo. Agora volverá a traballar no negocio familiar de arranxo de electrodomésticos mentres completa a súa licenciatura en Dereito cun Máster en Intervención Interdisciplinar en Violencia de Xénero e unha diplomatura en Igualdade. A súa marcha política é definitiva, así que ve o seu futuro laboral neste eido, aínda que empezou sen máis pretensión que formarse, pois parécelle fundamental na loita contra lacras como o machismo, a prostitución...
En que momento pensou en renunciar? Había rumores de que xa non iría ás últimas eleccións.
Certo, pensei en non repetir, pero unha vez que me presentei e fun outra vez alcaldesa ía rematar o mandato, pero teño que baixar o nivel de ansiedade e estrés para recuperarme dunha cirurxía. Aínda así, o meu compromiso con este pobo segue a ser de catro anos, agora dun xeito máis lixeiro, seguindo coas obrigas de Igualdade, Mar e Educación.
A primeira vez que se presentou a Alcaldía dicía que Cambados precisaba dun cambio nas formas de facer política. Marcha satisfeita?
Moitísimo. Destes dous mandatos é palpable unha maneira de gobernar para as persoas, máis que pensando nas obras e en ir a sacar a foto. A miña foi unha política de día a día, de escoitar problemas e tentar solucionalos, de que as portas da Casa do Concello estivesen abertas a todo o mundo, antes non se facía dese xeito. Ter un sitio onde desafogar sen que sexa presentar un mero escrito, tamén é moi importante. Quen pense que iso non é traballar polo teu pobo, equívocase.
Os veciños teñen destacado esa cercanía e empatía. E vostede, que se leva desta experiencia?
Estou encantada. Son extrovertida e social e gústame o trato coa xente, coas persoas maiores, cos nenos, polos que sinto debilidade, e descubrín que me encanta oficiar vodas. É incomparable con calquera outra cousa que a xente che faga partícipe dese momento tan íntimo e feliz.
Seis anos e medio de rexedora, pero son 11 de concelleira. Cando entrou en política tiña aspiracións de ser alcaldesa?
Non. O PSOE era a terceira forza, acababa de retirarse Domingo Tabuyo e quedaba Rafael Blanco ao fronte, que por desgracia nos deixou demasiado pronto, e logo o outro compañeiro marchou a Holanda. Así foi correndo a lista e quedamos eu, Mila e Regina de concelleiras. Eramos as máis novatas, pero estivemos á altura e viuse nas seguintes eleccións porque teño o gran orgullo de que me presentei dúas veces á Alcaldía e saín elexida, hai quen leva anos e non o logra. Teño esa gratitude co pobo de Cambados, confiou en min para darme a satisfacción e o orgullo máis grande que se pode ter: ser a alcaldesa do teu pobo e sobre todo a primeira alcaldesa muller e socialista.
Tamén melloraron os resultados electorais, pero aínda así, mellor sería ter maioría absoluta, non?
Evidentemente, non se goberna igual que en coalición, e á vista está. Hai que consensuar e ás veces nin se chega a acordos. Para min que o BNG me dera a súa confianza na investidura e ao ano e pico ma retirara por estar vinculada aos orzamentos... Levei un gran pau, feriume persoalmente. É duro ver que a cidadanía che apoia nas urnas e chegas aquí e os concelleiros non.
Fala de algo persoal e precisamente o PP tense queixado de que toma as súas críticas por aí, que non sabe encaixar o xogo político da necesaria crítica da oposición.
A oposición que fixo o PP non foi política, non se metía coa miña xestión ou ca do goberno, se non con persoas e vivendas concretas da miña familia. Claro que era algo persoal sacar a foto da casa dos meus pais! Non falaba de que se estiveran dando licencias incorrectamente. Ademais non estiven en ningún tipo de acto administrativo nin técnico relacionado con iso. E houbo outros temas persoais con titulares en xornais mencionando ao meu marido e a casa dos meus sogros e pedíame explicacións porque levo vivindo alí uns anos. A min nunca se me ocorreu entrar nese xogo de cuestionar á familia dalgún concelleiro a raíz de rumoroloxías.
Esas graves denuncias pola casa e pola xestión do mando da Policía quedaron arquivadas, pero eran unha restra e se converteron en cinco longos anos de procesos xudiciais. Pensou en dimitir?
Eu podo xestionar as miñas emocións, pero afectaba aos meus familiares, aos meus pais. Miña nai estivo dous anos de baixa psicolóxica, como non mo ía cuestionar? Pero tanto a miña familia como os meus compañeiros de aquí, e do partido a nivel provincial, animáronme a seguir. Foi unha decisión dura, pero boa porque cando todo quedou arquivado, cando hai un xuíz e un fiscal cuns informes aplastantes dicindo que non existe ningún ilícito penal nin sequera unha infracción urbanística ou administrativa, cando non só o digo eu… Foi un alivio moi grande. Todo era unha farsa para desacreditarme e desgastarme, unha campaña de acoso e derribo, porque unha cousa é que che denuncien por algo, pero por sete delitos... Tamén sentín unha gran satisfacción e me deu un gran impulso que volvín a saír elexida, e con máis votos. Os veciños sabían que non era certo, souberon diferenciar.
Tamén ten vivido episodios case surrealistas: unha noticia falsa sobre que estaba detida, unha denuncia presentada con usurpación de identidade… Hai algunha máis para un libro?
Raras si, pero é demostrable que non son froito da miña imaxinación porque alguén pode pensar que estou tola. Quizais pasáronme cousas así porque me involucrei en moitos asuntos e ao mellor non lle gusta a todo o mundo e ataca por onde pode. Incluso estiven axudando a unha familia desafiuzada a baleirar a súa casa. É unha persoa bastante coñecida no pobo e que durante moito tempo falou moi mal de min e ao final, ata os seus pais mo agradeceron e me pediron perdón por dicir cousas que non eran certas e que lle contaba un voceiro político do Concello.
Pódese saber quen é ese voceiro?
O que se dea por aludido, que se dea por aludido.
Destacou por impulsar ás áreas relacionadas coa loita contra a violencia de xénero, a igualdade e a diversidade creando por exemplo o Simposio LGTBI e agora a Escola de Empoderamento. Como estaban antes?
Non había partida orzamentaria para actividades de Igualdade, só se facía a Gala da Muller do 8M e son temas que nos parecen lonxanos, que saen na televisión, pero aquí tamén pasan. Falta moita formación nos colexios e nas casas porque non hai un control parental efectivo sobre o uso que fan os nosos fillos das redes, e falo incluso do meu caso. E a violencia de xénero existe dende a prehistoria. En canto á diversidade, parecía que no existía, que non tiña cabida neste Concello porque non había un día de visibilización, non se celebraban vodas homosexuais... Hai que abrir ás portas e ir cos tempos e incluso adiantarse porque é algo natural. Non é moda, como din algúns.
Este é o legado que deixa?
Este é moi importante e pode dar marcha atrás porque temos partidos como Vox que negan a violencia de xénero. Por iso é importante seguir con gobernos progresistas, para que estes asuntos cheguen a estar tan normalizados que non faga falta un simposio. E outro tipo de legado creo que é a transparencia, o acceso da cidadanía aos trámites, xestións… A emisión dos plenos. En recollida de residuos e medio ambiente avanzamos moito: o punto móbil é superimportante para a separativa do lixo e deixamos de usar herbicidas. Ás veces hai queixas porque a herba medra rápido, pero preferimos volver a cortala a que haxa químicos na rúa. Temos que pensar que acaban no mar e nas persoas. Moitas desenrolan enfermidades de sensibilidade química, xa temos dúas veciñas. E a compostaxe, mira que non é algo novidoso, xa o facía miña avoa, pero recordo un pleno no que o PP votara en contra porque traía cheiros e eu pensaba, pero se na Illa levan anos, temo un olfato diferente? E aí está, a demanda de composteiros individuais medrou considerablemente. Agora empezaremos novas campañas de concienciación en temas como a recollida dos excrementos dos cans.
Foi alcaldesa en dúas etapas. Do cuatripartito ten comentado a presión continua de Pode de dinamitar o pacto. Pensou nalgún momento en romper con todo?
Si porque estaba continuamente nesa especie de chantaxe: se as cousas non se facían como el quería ía presentar a moción de censura, ata que tivemos unha discusión e lle dixen que se ao día seguinte non estaba presentada por rexistro, o cesaba como concelleiro. Logo o aclaramos todo e dixo que ía acabar o mandato, e así foi. Pero a pesar das rencillas, nas últimas eleccións, o PSOE lle propuxemos entrar no goberno como concelleiro de enoturismo, porque eran temas que levaba ben, pero o rexeitou e eu, igual que fixen co BNG, cando lle tendo a man a alguén non é de mala fe se non para gobernar. Logo o xiro que tomou nos plenos, penso que é por chamar a atención, como presentarse á Alcaldía no de investidura cando sabía que non tiña posibilidades. Eu sempre chegaba coa intención de non entrarlle ao trapo, pero era ofensivo non parar as súas faltas de respecto, griteríos.... O único que consegue é destrozar o pleno, que non sexa ese órgano institucional de representación da cidadanía porque non creo que ningún veciño se sinta representado con esa forma de actuar.
Moléstalle especialmente a falta de cumprimento de mocións súas que foron aprobadas.
As mocións que se aproban no pleno non son vinculantes. Podes ter a maioría para aprobalas, pero presenta cousas imposibles de facer e ás veces son auténticas barbaridades. Penso que é por ignorancia porque son cousas que se extralimitan das competencias dun concelleiro e dun Pleno. En pandemia e sen permiso, como íamos colocar o cartel da Cidade do Viño na rotonda? Sobre a comisión de seguimento da recuperación económica, o secretario fixo un informe dicindo que non se pode. Nós xa seguiamos as directrices da Fegamp e do Estado e el quería unha comisión inventada para que, para rebentala e saír logo queixándose? En catro anos, cantas comisión pediu de cousas que non están reguladas? Tamén quería que pediramos máis patrullas de Garda Civil polos roubos na Pedreira –foron episodios aislados e os autores identificados– e un Concello non toma esa decisión, é a Subdelegación e en base a unhas estatísticas, e somos un dos pobos máis seguros da provincia e de Galicia.
Fálase moito de Pode, pero non houbo incomodidades con Somos e BNG?
Eramos catro forzas, non opinabamos igual e eu non estiven de acordo con todas as súas decisións, e seguramente tampocou eles coas nosas, pero cada un levaba as súas áreas e había liberdade para traballar. Non podes ter uns compañeiros de goberno sempre baixo unhas estritas directrices. Houbo problemas co BNG? Si, pero intentabamos solucionalos no despacho, non chamando á prensa para facelo público. O mesmo con Somos, que tamén é certo que ás veces si saíron máis rencillas que co BNG. Todos tiñamos formas diferentes de gobernar, as nosas ideas, queriamos ter a nosa cuota de participación e de visibilidade e segue pasando a día de hoxe. Xa se viu coa investidura que existían discrepancias, pero se solventaron porque as persoas enténdense falando e dialogando. A resolución pacífica dos conflitos é moi importante, tendo que perder incluso un pouco de razón as partes porque se non, o consenso é imposible.
O rexeitamento do BNG aos salarios e outras cuestións son a cola dun malestar patente dende a negociación de 2019 que resultou no bipartito, empezando por que o PSOE firmou primeiro un pacto con Somos e deixounos como unha especie de segundo prato. Volvería a facelo igual?
Se por min fora, non, dadas as consecuencias que tivo para este goberno e para a cidadanía, que non poder ter concelleiros que estean no Concello para atendela, resvolverlle dúbidas ou acompañala a ver un problema. Isto repercute moi negativamente nos veciños e a min dende logo na saúde, é o motivo polo que non podo acabar o mandato como alcaldesa. Moita xente dime agora que me ve feliz e claro que si, agora podo curar sen deixar a miña responsabilidade abandonada ou en mans de calquera. Ter a Samuel Lago e unha satisfacción e unha tranquilidade.
Por que vai ser un bo alcalde?
Ten moitas cualidades positivas e importantes. É honesto, traballador, organizado, cando fala coa xente míralle aos ollos. Non engana aos veciños, se ten que dicir non, o di, pero tamén é moi resolutivo e sempre lle da voltas as cousas para tratar de atopar unha solución. E gústame que siga un goberno no que se poida confiar e sobre todo feminista, porque o feminismo é algo transversal.
O seu día máis feliz no cargo?
Ser Cidade do Viño, cousas do día a día... Pero creo que o máis significativo foi o día da primeira investidura, cando botei as mans á cabeza (ri).
De verdade que non sabía que Pode ía votar por vostede?
Si, e non quería ir ao pleno porque, non sendo culpa miña, para min foi un fracaso absoluto non ter chegado a un consenso e choraba de seguido, non quería ir así. Os meus compañeiros viñeron a buscarme á casa e entre eles e os meus pais convencéronme. Dende onde estaba non vía a José Ramón Abal e cando vin á xente saltando e celebrándoo, pensei: Pero se non teño discurso. Recordo os flashes e a Rosi, a muller de Rafa, no público e pensar: Este era o seu sitio, estou non seu sitio… Non sei, foi un día de tantas emocións, unha mezcla de sentimentos.
E o peor?
O naufraxio do Sin Querer. Creo que foi do peor da miña vida.