A Festa do Labrego de Vilariño contará con La Ola ADN e as súas tradicións, como o desfile de carros

A cita terá lugar os días 25 e 26 e a organización repartirá 960 euros en premios no seu emblemático desfile
A Festa do Labrego de Vilariño contará con La Ola ADN e as súas tradicións, como o desfile de carros
Participantes nunha edición anterior do desfile da Festa do Labrego | GONZALO SALGADO

Vilariño volve a celebrar os días 25 e 26 unha das festas populares de maior tradición na comarca do Salnés: a Festa do Labrego, que cumpre 41 anos coas súas tradicionais actividades. Así, non faltará o desfile de carros do país, tractores e carricaos, nin a música tradicional e de verbena con orquestras como La Ola ADN e Assia, así como outras actividades pensadas para enxalzar a actividade agrícola tan propia da zona. 
O programa arrancará o sábado pola tarde con xogos populares, inchables e unha xornada de tiro á chave. Á noite terá lugar a cea cun menú a base de polbo, churrasco, pan e viño a un prezo de 30 euros por persoa. É necesario reservar antes do 22 de maio e pode facerse nos números 670 589 989 e 616 643 455. A verbena nocturna correrá a cargo de La Ola ADN e Assia. 


Ao día seguinte terá lugar o groso do programa. A xornada comezará coas habituais alboradas a cargo de Os Carballeiras de Vilariño, Volandeira de Cambados, Demos da Petaca e Fanfarria Furruxa. Posteriormente, sobre as 10 horas, empezará o seu emblemático desfile. Os participantes reuniranse na contorna do aparcamento do Mercadona (Avenida de Vilariño).  

 

Categorías

A cita tamén ten premio e a organización repartiá un total de 960 euros nas diferentes categorías. Haberá tres premios de 200, 150 e 100 euros na de tractores; outros tantos de 150, 100 e 50 en carricaos e un de 200 para o mellor carro do país. O xurado valorará cuestións como a decoración e a animación e os participantes deberán permanecer no novo recinto da festa, na Barca (Covas de Lobos), ata as 18 horas para poder optar ás gratificacións. 


Alí desembocará o desfile ao que sempre se suman xinetes a cabalo e persoas a pé. Neste espazo haberá actividades durante todo o día e actuarán algunhas das agrupacións de música tradicional participantes nos pasarrúas de mañá e o desfile. Non faltará o reparto de chourizos, pan de millo e viño tinto, nin a exposición de produtos agrícolas e a súa correspondente poxa entre os asistentes. Tamén haberá unha exposición e desfile de tractores antigos e a comida campestre, na que o grupo máis numeroso levará unha cesta de produtos típicos. Ademais, os asistentes poderán adquirir outros pratos, como polbo, porque haberá unha carpa de comidas no recinto. Xa pola tarde volverán os xogos tradicionais como o tiro á corda, as carreiras de sacos e zancos, o xogo do pau... 


E a XLI Festa do Labrego de Vilariño chegará ao seu fin pola noite, coa verbena a cargo de A Xaiba e Miramar, a partir das 21:30 horas. Na cita colabora o Concello de Cambados e patrocina a Deputación. 

 

 

A Festa do Labrego de Vilariño contará con La Ola ADN e as súas tradicións, como o desfile de carros

Te puede interesar