Jacobo Otero (Enxebre) | “Ver que estás espertando un riso no público, unha emoción... é alucinante”

Enxebre xurdiu en 1993 como compañía de teatro pero foi evolucinando ata converterse nunha asociación cultural. O seu presidente, Jacobo Otero, charla hoxe con nós sobre teatro, retos e sobre unha deriva á que puxeron freo e que os levou a unha “refundación”.

 

Enxebre xurdiu porque decidiu facer unha obra de teatro nun instituto e enganchouse, non si?
Si. Gustoume e considerei que o sitio onde tería que crear a compañía de teatro sería no Grove, na miña vila natal.

 

Pero que foi o que o atrapou tanto deste arte?
O que máis me gusta é a parte de atrás dos decorados. Estar aí e ver como se produce esa maxia na parte traseira. Iso é espectacular.

 

Custoulle atopar xente para formar a compañía? Porque subirse a un escenario é algo que impón...
No Grove gústanos moito a festa e desfrutar do lecer. Na discoteca Scorpio fixéranse uns ‘play backs’ para recaudar para unha excursión e fixemos un listado: “este se non ten vergoña para ir así... marabilloso para teatro”. E despois tamén xente das comparsas, que non deixa de ser unha posta en escena. Entón non nos custou moito.

 

Seleccionamos obras que para nós supoñan un reto. E se nos din que non é para nós... entón xa si  que a facemos 

 

Máis alá de que o teatro é cultura, que aporta a nivel persoal facelo?
Eu nunca actuei diante dun público, sempre fago traballo que é por detrás. A min apórtame un montón, porque a vida non pode ser só traballar e familia. Tes que ter os teus recunchos do que che gusta facer. Nós non buscamos aquilo que sabemos que lle vai gustar ó público. Facemos as cousas porque nos gustan a nós. Que a gran maioría cadra na liña do que o público busca e quere? Marabilloso.

 

Calquera pode entrar en Enxenbre? Vai alí a anotarse e xa está?
Si, calquera pode. O que non temos é un local ó que poidas ir. Tivémolo durante bastantes anos, que foi o ‘punch’ que necesitabamos para facer un montón de actividades culturais sen depender dos espazos do Concello. Coa pandemia e coa construción do auditorio non tiña sentido manter o noso local. Agora o que necesitamos son locais sociais, que se poden compartir, para gardar atrezzo, equipos, etc. Ademais, a medida que as redes sociais aumentan a súa ferocidade, os colectivos culturais van en detrimento.

 

Como se organizan para os ensaios das obras?
Nós agora empezamos a ensaiar por videoconferencia, porque non todo o das redes sociais vai ser malo. É marabilloso. E unha ou dúas veces ó mes facemos os ensaios presenciais.

Enxebre O Grove
Jacobo Otero, sentado, no centro, con membros da asociación durante a gala polos seus 30 anos de vida | Cedida / Enxebre

Cando entra alguén novo no grupo, como é o proceso para chegar a actuar?
Partimos da premisa de que Enxebre non é un grupo de teatro, é unha asociación cultural. Facemos moitas actividades. Despois da pademia fixemos unha criba para quedarnos realmente coas que queremos facer e as obras de teatro son unha delas. Entón, por exemplo, para facer do Apalpador na Illa da Toxa, tampouco é necesario que interpretes moito. Vas facendo pequenas cousas, ou nunha obra papeis pequenos... e vaise probando.

 

E como seleccionan as obras?
Seleccionamos as que para nós supoñan un reto. Pode ser un reto da montaxe ou do texto... Que che pique. E se che din: “isto non é para vós”, entón xa si que a facemos. Nesta última a montaxe non era moi complicada pero a temática si, porque era comedia negra. Telo que facer moi ben porque, se non, non se entende.

 

Cal foi a máis complicada?
Moitas. A primeira xa foi moi complicada porque era a primeira vez e xuntabamos dúas obras, houbo que empastalas, había bailes, un xigante... Despois outra como “Canción de Nadal”, tiña dous escenarios a dous niveis, cunhas columnas enormes con bidóns de aceite que houbo que soldar a unha altura de cinco metros...

 

Podería elixir unha favorita?
Non. É como cos fillos. Pero no seu momento “La Casa de Bernarda Alba” supuxo un cambio de ciclo.

 

En cal están traballando agora?

Na de “Os Gatos”. É unha obra de reencontros das vellas glorias, xente que levaba anos sen actuar e volveu con todas as ganas do mundo.

 

Nestes 30 anos, cales foron os mellores e peores momentos?
Os mellores foron os primeiros dez anos. Es novo, ignorante, indisciplinado, inconsciente...Foi a máis divertida. A peor foi a pandemia, porque tivemos que deixar de facer o que nos gustaba, pero iamos nunha deriva de facer moitas actividades e puidemos poñer freo. Foi a desculpa. Agora estamos como refundándonos e sabendo que queremos ser e que queremos facer.

 

Como animaría a unha persoa moi tímida a facer teatro?
Diríalle que xa está motivada por ela mesma de saltar esa timidez. Se queres soltarte un pouquiño, non vas ir a pilates. Houbo unha nena que a nai a anotara de pequena a clases de teatro con nós para que saltara esa timidez e cando acabou o curso a nai veu dicirme que nos pasáramos de rosca, que non paraba de falar. O teatro é bo para a xestión emocional e para poder falar en público. Ver que estás espertando un riso, unha emoción... iso é alucinante. 

Jacobo Otero (Enxebre) | “Ver que estás espertando un riso no público, unha emoción... é alucinante”

Te puede interesar