Juan Blanco leva once anos á fronte da Asociación de Veciños San Andrés de Barrantes e nótase no seu falar o cariño que lle profesa. Pero tamén a preocupación por que poida desaparecer cando falten os que a viron nacer.
Leva once anos á fronte da asociación, pero creo que a súa idea non era presidila, non?
Eu viña da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e xa tiña moi boa relación coa presidenta da asociación, Remedios Álvarez, que foi a mellor presidenta que tivo e a que máis anos botou, 17. Cando ela finou propuxéronme que a collera e en principio dixen que non. Pero dixéronme tes a banda de música e a escola de música aquí, é mellor que sexas ti. E aceptei. Presenteime ás eleccións e non houbo outra candidatura. Collín todos os directivos que tiña ela e engadín ó fillo e ó cuñado, que considerei un recordo para ela. E intentei seguir o seu camiño e recuperar un pouco a asociación, porque coa enfermidade dela estaba un pouquiño apagada.
E hai relevo agora?
Non. É unha asociación con xente de moita idade. A media pode ser de 70 anos. A xente nova que veu para Barrantes non sinte o pobo como o sentían estas persoas. Non saben a historia da parroquia nin nada. Esta xente que leva toda a vida, aínda que non veña ás actividades, paga relixiosamente a súa cuota e sigue de socia.
Neste 2025 cumpren 40 anos. Farán algo especial?
O 10 de xullo de 1985 foi a acta de fundación. Imos tentar xuntar a todos os directivos que formaron parte ó longo dos anos, procurando que non nos queden ninguén atrás. Ós que finaron, comunicarlle ós seus familiares e, se é posible, entregarlles un diploma de socio de honra a cada un. E facer unha xuntanza de todos os socios que queiran asistir. Haberá unha actuación dun orfeón e tomaremos un viño todos xuntos.
Nestes 40 anos a asociación pasou momentos malos. De feito, estivo a piques de desaparecer...
No ano 1987 os socios xuntaran cartos para comprar un terreo adxacente a onde está o local social. Aí houbo uns erros na compra do terreo e moitos socios se sentiron decepcionados. Máis da metade marcharon da asociación. E mais houbo uns anos que no libro de actas non hai actas. Coincidiu con que faleceu o presidente que sustituíra a Dolores Abuín, Honorio Noya, e foron anos complicados.
Cantos socios son agora na asociación de veciños?
Cando sustituímos a Remedios tiña 88 socios. Neste momento estamos en 140 con cuotas ó día. Recuperouse gracias ó labor duns compañeiros que foron falando coa xente para que volvera.
"Síntome moi orgulloso desta asociación e de como
axudou á xente cando aínda non había servizos sociais"
E que actividades fan?
Acabamos de rematar co Enterro da Galiña e este ano faremos o 19º Festival de Habaneras e a 20º Festa da Vendima. Tamén temos talleres de memoria, clases de baile...
E as festas patronais...
Si. Dende hai seis anos fixémonos cargo de novo. Agora facemos San Andrés, Santa Lucía... Como nos doaron un Nazareno honramos a todos os defuntos da parroquia co Nazareno... E tivemos que coller a Inmaculada, que antes a collía cada ano un matrimonio, pero iso agora desapareceu. E claro, isto é o máis ingrato porque tes que ir polas casas pedindo.
E que tal se porta a xente?
Dentro do que cabe, bastante ben. E outras festas que facemos son San Isidro e San Cristovo. Que San Isidro nos recorda que a capela foi pagada polos veciños e doado o terreo pola condesa de Barrantes, Julia Becerra Malvar.
Agora están nun contencioso coa Igrexa, non?
Tivemos que recuperar o solar e o edificio do local social porque nos demos de conta, tras chamarnos o Rexistro da Propiedade, de que o inscribira no catastro o Bispado. E como tiñamos as escrituras de doazón, recuperámolos. Pero agora resultou que o Bispado nos reclama a capela. Tivemos que xuntar documentación, facturas... para demostrar que é dos veciños. E sigue no contencioso. Pero recuperar o edificio supuxo 700 euros de urbana e a capela vai supoñer 300 euros máis. Pero é un sentimento de propiedade e de respetar o que era dos veciños. A nome do Bispado non paga IBI.
Que necesidades hai agora na parroquia?
O aparcamento. Haino, pero a xente non está por respectar. A xente que veu para alí a vivir a pisos, sen faltar o respecto a ninguén, cre que ten dereito a aparcar onde quere, que os cans poden campar ás súas anchas... e non é así. Perdeuse a educación para a cidadanía. Nas zonas onde vive a xente de sempre os contenedores están ordenados e quen ten un can, recolle.
Que lle diría á xente nova para que se achegue á asociación?
Ti ves que fas o pasarrúas...o baile... E ninguén se achega. Unha vez que acaben estas xeracións, as asociacións irán case desaparecendo. Nós mantémonos porque temos unha propiedade pero, con todo, notas que vas a menos. Síntome moi orgulloso da asociación e do traballo que fixo, porque cando os concellos aínda non tiñan servizos sociais, a asociación buscaba puntos de luz para quen non tiña luz, axudaba a arranxar as pensións á xente que non sabía, coidou do cemiterio... Fixo unha labor fenomenal. Nestes últimos anos fixéronse socios un grupo de mozos, que teño pensamento que entren na próxima directiva. Na miña teño catro rapazas que espero que me sustitúan, porque quero que a próxima presidenta sexa unha muller.