Mª José Caneda (Féminas en Acción): “Dubidei en aceptar homes pero tamén teñen un papel fundamental nesta loita”

María José Caneda é a presidenta de Féminas en Acción, un colectivo en crecemento, di Caneda, gracias ó “boca a boca”. Hoxe fala con nós da asociación, de feminismo, de como foi este pasado 25-N e tamén de proxectos de futuro.

 

Como foi a concentración deste ano do 25-N en Vilanova? 
Tiñamos pensado facela na praza do parque como todos os anos,  pero ás 6 da tarde caeu un chaparrón tremendo e non era axeitado facelo na rúa. Entón falamos cos rapaces que teñen a Taberna Cultural por se podiamos ir para alí e sen ningún problema, ó contrario, encantados. Ó chover a xente xa non se anima moito a saír, a parte de que costa que a xente acuda a concentracións en Vilanova. Na Cultural lemos o manifesto, fixo Dula Piñeiro un recital de poesía e actuou a Rondalla de Baión. Ó final encheuse o bar, non sei se a causa nosa (ri), porque alí tamén teñen bastante ambiente.

 

Di que costa mobilizar á xente. Por que cre que sigue sendo importante manifestarse? 
Porque non estamos en igualdade de condicións mulleres e homes, fai falla seguir loitando moito. Seguen matándonos. O manifesto preparámolo sempre con días de antelación e tivemos que corrixilo dúas veces, porque eran 40 as mulleres asasinadas e o día 25 xa eran 42. E a última unha nena de 15 anos. Unha barbaridade. A xente pensa que en Vilanova non hai asasinatos, pero hai 27 casos rexistrados de violencia de xénero e a xente non o sabe.

 

Que fan dende Féminas en Acción por estas mulleres vítimas de violencia de xénero?
Nós non temos persoal formado pero o que si podemos é darlles información. Xa teñen chamado nalgúns casos e podemos dirixilas a alguén con quen poidan falar. Temos un CIM  (Centro de Información á Muller) da Mancomunidade do Salnés, detrás do colexio vello de Vilanova, e moita xente tampouco o sabe. Alí hai unha avogada, unha asistente social e unha psicóloga. Tamén orientan para emprender, porque moita xente pensa: se me ven entrando alí van pensar que son maltratada. Non! A nós tamén nos axudaron para formar a asociación.

 

Como foi ese proceso de fundación da asociación?
Foi no 2021,  creámola tres compañeiras que nos gustaba participar moito en actividades con mulleres do mar de Arousa, porque as tres somos mariscadoras. Ás veces tamén acudiamos ás manifestacións do Soño de Lilith e como en Vilanova non había ningunha asociación que se adicase á igualdade e ó feminismo, falámolo entre ás tres, fomos ó CIM e animounos. En xaneiro fixemos a reunión fundacional e en febreiro xa estabamos funcionando.

 

E as socias chegaron rápido? Cantas son agora?
Non, custou. As socias viñeron pouquiño a pouquiño. Agora somos 102. Sabes que funciona moito? O boca a boca. Veñen polas actividades que facemos.

 

Que actividades fan, logo?
Excursións... Fomos á Illa de Sálvora, Ons, Portugal... E ioga e pilates, que é o que atrae.

Que cren que está fallando para que haxa tamén xente nova perpetuando esta violencia de xénero?
Falta de todo. Recursos, principalmente, por parte das administracións, que son quen teñen o poder. Tería que haber xente especializada adicada a isto porque está pasando algo grave. Parece que estamos retrocedendo. E tamén, a educación ten que empezar na casa. Nos colexios ensínase cultura. Non podemos botarlle a culpa á ensinanza soamente. 


Tamén fan na asociación actividades polo 8-M, non sei se xa están pensando no próximo...
Si, xa estamos pensando actividades para ese día, porque este ano tamén nos choveu. Pero tanto 8-M como 25-N son todos os días do ano. Oxalá chegase un día no que non houbese que reivindicar nada e quedasen no recordo, pero de momento temos que seguir,  porque nos están matando, as mulleres seguimos tendo os traballos máis precarios, gañando menos... avanzouse moito pero queda moito por facer.

 

Algo que nos poida adiantar do próximo 8-M?
O que xa se está a converter nun clásico é regalar unha caixa sorpesa con donacións de comerciantes e socias... Pero iremos vendo.

 

Na web de Féminas en Acción teñen unha entrada de “diccionario feminista”. Que termos cre que xa deberiamos ter claros?
Clarísimo tería que estar machismo e feminismo e diferenciar. Machismo é discriminación e prepotencia dos homes sobre as mulleres. O feminismo busca igualdade de dereitos entre mulleres e homes. Pero moita xente sigue confundíndoo, incluso entre nós mesmas. Non somos iguais, claro que non, pero temos os mesmos dereitos. Nós non nacemos coa sartén na man.

 

A maioría das socias son de Vilanova, supoño...
Si, pero hainas tamén de Cambados e incluso de Sanxenxo. E temos homes tamén. Eu non estaba moi dacordo ó principio, pero hai un papel fundamental dos homes tamén. Temos tres e un é un artista de Ferrol.

 

E que obxectivos teñen a curto prazo?
Un local sería primordial. Xa falamos varias veces co Concello e hai varias asociacións... Pero polo menos para reunirnos, porque temos que facelo nunha cafetería. E despois seguir medrando. Tamén temos pendiente facer a andaina literaria. 

WhatsApp Image 2024 12 04 at 19.57.11
Integrantes da actual e anterior xunta directiva nunha actividade

Mª José Caneda (Féminas en Acción): “Dubidei en aceptar homes pero tamén teñen un papel fundamental nesta loita”

Te puede interesar