A cambadesa Paula Chaves, recoñecida polo nome artístico de Pauliña no mundo musical, deu un paso máis na súa traxectoria debutando no mundo do cine, co súa primeira longametraxe “O home e o can”, dirixido por Ángel de la Cruz e coprotagonizado por Manuel Manquiña.
A interpretación da artista, actualmente afincada en Santiago de Compostela, valeulle xa un importante recoñecemento no Festival de Cine de Madrid, onde se alzou co premio á mellor intérprete feminina.
O filme, de 109 minutos de duración e cun reparto no que aparecen Gonzalo Uriarte, Estíbaliz Veiga e Vicente Montoto, estreouse no Festival de Cine Internacional de Ourense en setembro e espera poder ver a luz no cinema cara o próximo mes de xaneiro, logo de tentar sorte en diferentes festivais nacionais e internacionais.
Un novo capítulo para a cambadesa que non por elo abandona a súa faceta como cantante á que lle agardan novos proxectos aínda por vir.
Como foi o teu debut no cine e que se sente ao recibir un galardón no teu primer traballo?
Esta primeira longametraxe pareceume unha tarefa moi complicada, pero ao mesmo tempo rodeeime dun equipo marabilloso, como foi con Manquiña ou Estíbaliz, entre moitos outros. Asimesmo, sentinme moi cómoda dentro da miña personaxe, porque non só estaba interpretando a Paula, senón que a película ademais é en galego, que é unha das esencias máis importantes para que os persoaxes de este filme teñan toda esa identidade que consiguen transmitir. Deste xeito, Manquiña é o contrapunto de Paula e viceversa, un periplo pola cidade de Ourense, na que van sucedendo unha serie de cousiñas polas que Paula vai axudando a Manquiña.
No discurso no Festival de Cine de Madrid falaches sobre a importancia das linguas minorizadas no cine, crees que é necesario máis investimento por parte das institución públicas neste eido?
Eu creo que non só o investimento que se precisa en prol das linguas minorizadas, senón que o tema sería normalizalas e que nas televisións públicas exista contido para todos os gustos e idades, dende cativos ata maiores e pasando polos mozos, que necesitamos programas culturais e contidos que introduzan a música, as escritoras, as poetas e todo o que se fai na Galiza, porque fanse cousas marabillosas e hai moito talento.
Tras dar este salto ao mundo da interpretación, como se compaxina coa faceta de cantante? Son excluintes ou son dúas modalidades de Pauliña que van da man?
No momento que me plantexei todo isto, ou mo puxeron na mesa, sempre da que pensar como compaxinalo, por iso na película eu tamén fago parte da banda sonora orixinal e gustoume poder separar ambas facetas: Como actriz que me coñezan como Paula Chaves e como cantante como Pauliña, porque é o nome artístico que temos ca banda. Ao final, a verdade, xa me confundo con tantas Paulas, porque o personaxe do filme tamén é unha “Paula”.
E como Pauliña, estás pensando xa en novos proxectos musicais?
Non tiña pensado parar, porque a película xurdeu así de imprevisto. De feito, collino con moitísimas ganas, por iso parei un pouquiño o proceso creativo, pero agora mesmo atópome compoñendo algunhas pezas e participando nalgunhas colaboracións con compañeiros. Por elo teño pensado seguir, pero é necesario tamén compaxinalo coa miña carreira. Unha carreira —filoloxía galega— que creo que me aporta moitísimo á hora de escribir cancións, da interpretación e para o meu desenvolvemento vital e diario.
Retomando o premio en Madrid, dedicáchelo aos traballadores do metal en Ourense, cres que a arte debe estar ligada coas reivindicacións sociais?
Eu coido que a miña música é sempre reivindicativa e en prol da loita dos traballadores e de todas as inxustizas. Por iso creo que a miña música vai moi vencellada a iso. Eu saio do sector da hostelería e o mesmo que acontece no metal, pasa noutros campos como eu me vin no meu.