Bodegas Martín Códax acolleu onte a festa de finalistas dos undécimos Premios Martín Códax da Música; un total de 45 bandas e artistas, que tras ser seleccionados por un xurado profesional e ata o 12 de maio, someteránse á votación dos socios de Músicas ao Vivo e este ano, como gran novidade, ao público en xeral. Tamén os nove seleccionados para os galardóns Organistrum e na categoría máis noviña desta festa da música, a de Artista Emerxente. Todos, os 57 proxectos recibieron un agasallo da firma cambadesa en recoñecemento a súa chegada a esta fase final.
Desde Músicas ao Vivo salientouse o carácter non competitivo destes premios, cuxo obxectivo é achegar á cidadanía o gran potencial do sector e estreitar os vínculos entre artistas e bandas, e agradeceuse efusivamente a participación de máis de catrocentos proxectos nesta edición 2024. En canto aos finalistas, na categoría de Blues, Funk e Soul son Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático e Martins Aneiros Band; na de Folk, Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane e De Ninghures, mentres que en Músicas do Mundo e Mestizaxe as propostas son Catuxa Salom, Raposa e Woyza & The Galician Messengers. Tres das voces femininas máis recoñecidas no sector resultaron seleccionadas en Canción de Autor/a: Guadi Galego, A Pedreira (proxecto de Ugia Pedreira) e Antía Muíño, que en 2022 acadaba o Premio á Artista Emerxente na edición na que se instaurou este recoñecemento.
No caso das Músicas Urbanas son Ash Diz, hydn e C Miranzo os proxectos finalistas desta décimo primeira edición; na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, foron seleccionados América de Vigo, Burgas Big Band e Orquesta Charleston. A categoría Metal e Heavy estará representada na gala de entrega por Youcanthide, Her Anxiety e Rymer; a de Bandas de Música Popular ten como finalistas a Agrupación Musical de Goián, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Música Unión de Guláns, e en Música Tradicional son Malvela, Mediarea e Os Melidaos os candidatos tras a votación do xurado profesional.
A Música Infantil tamén goza de categoría nos Martín Códax e este ano son finalistas A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, e Pakolas; en Música Clásica e Contemporánea os seleccionados son Fabio Álvarez, Carme López e Juan Eiras; en Electrónica –categoría en crecemento nos últimos anos con vinte e sete proxectos inscritos en 2024–, Mondra, Lontreira e Grande Amore, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, e Diego Alonso. As últimas categorías musicais desveladas onte foron Rock e Punk, con Moloch, Terbutalina e Mad Martin Trío, e Pop e Indie con The Rapants, Lucía Aldao e Måi.
En canto aos Premios Organistrum, os finalistas na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión son Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez e a Revista Rebelico; en Festivais, Galegote, EmigraSON (o festival promovido pola comunidade galega en Bruxelas) e As Nosas Músicas de Couso, e en Salas, as tres seleccionadas son Mardi Gras (A Coruña), A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e A Arca da Noe (Vilar de Santos).
Leria, Mondra e Gloria Pavia son os tres proxectos artísticos seleccionados en Artista Emerxente. Para poder participar nesta categoría non deben levar en activo máis de 3 anos, non ter editado máis de un disco e non ter sido premiado nin finalista en edicións anteriores.
O xurado 2024 estivo formado por Pilar G. Rego, xornalista e comunicadora na Televisión de Galicia desde 1989, especializada en contidos culturais e presentadora do programa Zigzag; Elena Vázquez, violinista, improvisadora e mestra desde hai mais de vinte anos anos e parte de grupos como Suelen Estar Quartet, Cuarteto Dumka, Leira Papaia e Trilitrate; Alberto Busto, guitarrista e voz en Arrhythmia , guitarrista en Rebeliom do Inframundo e tamén streamer de música en galego en Twitch; Maritxinha, baixista que comezou na interpretación musical en Bruxelas e que forma parte de diversos proxectos musicais galegos como Udra, premiado o pasado ano na categoría Blues, Funk e Soul; e Cao de Mos, responsable da Sala Rebullón no concello de Mos, que tamén foi galardoada en 2023 na categoría de Salas dos Organistrum.
A festa de onte contou coa intervención do presidente da cooperativa, Xoán Allegue López, que reseñou o apoio á cultura “como parte da identidade das bodegas” e desexou “que a música siga sendo a voz da nosa cultura”. Tamén da presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, que subliñou a estupenda participación e convidou ao público a participar nas votacións en premiosmartincodaxdamusica.gal.
A gala dos ganadores celebrarase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto, que prometeu “unha gran festa”.
Ademais da adega cambadesa, o certame conta co apoio do Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Estiveron os seus representantes, como o conselleiro de Cultura, José López.