Un total de 45 bandas e artistas pasan á final dos Premios Martín Códax, que celebran a súa festa en Cambados

Un total de 45 bandas e artistas pasan á final dos Premios Martín Códax, que celebran a súa festa en Cambados
Finalistas dalgunha das 15 categorías do certamen de Músicas ao Vivo patrocinado por Adegas Martín Códax | G. salgado

O Salón Peña de Cambados acolleu onte a festa dos finalistas dos Premios Martín Códax da Música; un total de 45 bandas e artistas que pasan á recta final desta novena edición. Todos recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax e os gañadores daranse a coñecer na gala do 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, incluíndo as novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano, cuxa votación está aberta ao público en xeral. En canto ao Honorífico, desvelarase nos próximos días. O certame está organizado por Músicas ao Vivo, co patrocinio e apoio da cooperativa cambdesa, o Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta e a Deputación.

Fontes da organización explicaron que a relación de finalistas Códax ofrece unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. Na categoría de Pop e Indie os seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático. As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto.

Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro recibiron o seu agasallo como finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima.

No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño. Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final, Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia.

En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo, mentres que Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil. En Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.


Organistrum


Os Premios Organistrum, que recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia, tamén tiveron en Cambados o anuncio de finalistas. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.




Preto de 400 candidaturas



A festa celebrouse en Cambados, como é tradición, pero debido as previsións de choiva trasladouse a Peña, no lugar da terraza de Martín Códax. Alí estivo o seu presidente, Xoán Antonio Allegue, e a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. Tamén asistiron o alcalde cambadés, Samuel Lago, a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces. Allegue reseñou na súa intervención o apoio á cultura “como parte da identidade das bodegas, especialmente no caso da música e destes premios polo seu carácter colaborativo” e manifestou o orgullo de ir da man do conxunto de músicos de Galicia.

O pasado 3 de setembro finalizaba a votación do xurado, de onde saíu esta selección e a elección do premio Artista Emerxente. A presidenta de Músicas ao Vivo explicou que se presentaron preto de 400 candidaturas e tivo un efusivo agradecemento para os seus membros, Bodegas Martín Códax e os patrocinadores institucionais. Estivo fromado ¡ por Adriana Tarela, produtora e xerente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (Agpxc); Rubén Fernández, músico e docente; Pedro Iglesias, produtor e técnico de son; Lois Atanes, xornalista musical, e Silvia Penide, cantautora.


A votación para elexir aos gañadores estará aberta aos socios de Músicas ao Vivo ata o 2 de outubro e este ano o público pode votar ao Artista do Ano a través da páxina web dos Premios Martín Códax. l

Un total de 45 bandas e artistas pasan á final dos Premios Martín Códax, que celebran a súa festa en Cambados

Te puede interesar