A Fundación Plácido Castro solicitará a anulación, en todos os seus extremos, da condena franquista da que foi vítima en 1940 e que “lle truncou a vida”. Sempre estivo no seu ánimo conseguir a reparación persoal do dano sufrido polo célebre tradutor e escritor, que tal vinculación tivo con Cambados que é Fillo Adoptivo e alí descansan os seus restos. Non obstante, o seu director, o ensaísta Xulio Ríos, sinala que a recente aprobación da Lei de Memoria Democrática deulles o empurrón definitivo. Ademais non queren que sexa por silencio administrativo, como podería suceder en previsión da morea de peticións a xurdir, “queremos expresamente o recoñecemento da reparación, que se recoñeza o mérito democrático de Plácido e desa persecución que sufriu”.
O ‘delito’ cometido polo de Corcubión viña, a ollos do Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas –declarado ilegal e nulas a súas sentencias–, “pola súa intensidade e pola eficiencia da súa actuación a favor do galeguismo”. Así o recolle o documento orixinal, e estaba no certo, pero nin moito menos se pode considerar delito.
Castro formou parte da comisión executiva do Partido Galeguista dende a súa fundación e ata o final, e moitos son os episodios e esforzos feitos para procurar a dignificación de Galicia a través dun nacionalismo universalista e como elemento posibilitador de unión e non tanto de distanciamentos. Non obstante, destacan algúns como que representou ao partido no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en 1933 en Berna, onde se recoñeceu a Galicia como nación.
A factura fascista polas súas ideas ascendeu a oito anos e un día de desterro a máis de 100 quilómetros de Muxía, 15 anos de inhabilitación e 25.000 pesetas de multa, e podería ter sido peor. Explica o director da fundación que teñen a “sospeita” de que a familia puido negociar os términos da súa condena tendo en conta a súa elevada posición económica e social, experiencias similares coñecidas e o sucedido con iguais como Bóveda, que foi asasinado. Dende logo, “el tiña medo pola súa vida nos primeros momentos do Golpe”.
Dende entón, todo foi un camiño cara ao exilio físico a anímico. Primeiro Vigo, logo Portugal e finalmente Gran Bretaña, onde estudara de rapaz e á que lle tiña grande admiración. Tiña 37 anos e cando volveu a Galicia rondaba os 50. Aínda que “nunca mudou as súas ideas”, non pasou á historia como o destacado galeguista que foi –os historiadores o sitúan á altura de Castelao e foi o único que obtivo máis votos que el–. Engade Ríos que tampouco se lle recoñeceu de inmediato a súa aportación noutros eidos, froito do seu afán de abrir a cultura e a lingua galegas a outras voces a través da tradución, da que foi pioneiro e ben coñecido é o seu papel de locutor da primeira emisión radiofónica estable en galego na canle BBC. Nin noutros aspectos como o afondamento no celtismo e na saudade: “Castelao si, pero outros posteriores que o estudaron olvídanse del”. De feito, a Fundación considera que o recoñecemento como vítima da ditadura tamén debe vir “polo propio nacionalismo, que se esqueceu del”.
Nunca perdeu eses vínculos e incluso foi activo en momentos de clandestinidade, pero na volta non se reincorporou á vida política. Sinala Ríos que diferentes historiadores falan dun “pesimismo” respecto á posibilidade de reorganizar o partido e incluso hai insinuacións da posibilidade de que tivera algunha relación coa espionaxe británica. Quen sabe. Tamén é certo que, por circunstancias varias, Castro era diferente á maior parte desa xeración de galeguistas, pero segundo o director da entidade, non foi o mesmo trala guerra e esa condena que hoxe queren eliminar: “Tivo que pesarlle moito o sentirse responsable de que o seu fracaso a nivel persoal tivera efectos tan destrutivos para a conxunto da súa familia”. Porque el estaba chamado a ser o sucesor do próspero industrial que fora o seu pai e a guiar o patrimonio familiar, e todo iso truncouse. Seguramente tampouco axudou ao recoñecemento posterior que, quen tamén foi un querido profesor en Vilagarcía e ese “home tan especial” e “culto” –atributos referidos polos seus coétanos–, nunca mostrara avidez de protagonismo e estivera dotado dunha modestia “excesiva”. Pero xai hai moitos anos que a Fundación presidida pola súa filla Susi traballa na divulgación da súa vida e obra e, de feito, acaba de publicar unha nova biografía. Firmada por ela e Ríos, sae do normal deste tipo de relatos, facendo un repaso polas súas facetas e a súa visión do mundo.