O Clube Mariño Salnés sumou hai uns días un novo membro: a dorna polbeira “Águila Tres”. Unha familia cambadesa fixo a doazón e agora será sometida a un intenso traballo de reparación porque hai anos que deixou de surcar a ría e tras unha primeira ollada precisa de bastantes arranxos. O que a un estaleiro profesional pódelle levar días, á asociación custaralle algo máis de tempo pois toda a súa actividade nace do esforzo e dedicación altruísta do medio centenar de socios que a conforman. Ademais, aínda teñen outra sobre os cabaletes de traballo.
Cada nova incorporación a súa xeitosa frota, composta xa por outras dúas dornas e un loro, sempre é motivo de ledicia, pero esta ten “valor engadido”, explica a súa secretaria, Rosana Otero. Trátase dunha embarcación construida entre os anos 60 e 70 –calculan– polo aguiñense Domingo Ayaso, un dos grandes mestres carpinteiros de ribeira de Galicia, xa retirado, aínda que o taller familiar segue a funcionar e xa vai pola cuarta xeración, e Premio Artesanía de Galicia 2014. De feito, é a segunda da súa autoría que terá unha nova oportunidade co clube cambadés. Recibirá un nome novo e admiten suxerencias para quen queira asistir a súa próxima asemblea, que é aberta a todo o mundo.
Todos os seus membros colaboran nas tarefas, pero a experiencia é un grao e un dos socios fundadores, Xaquín Cuíñas, o ten. O cambadés explica que o primeiro paso é despintar a dorna para revisar axeitadamente o seu estado e atopar posibles problemas ocultos. Logo hai que comprobar a cravación por se fora preciso retirar puntas con ferruxe ou facer novos apuntalamentos. Tamén hai que inspeccionar as tablas por se é preciso eliminar pezas insalvables e substituilas por outras novas, eso si, sempre de pino do pais, seguindo as directrices tradicionais. No costado xa teñen choio pois fáltalle unha parte e tamén será preciso cambiar toda a cuberta. “Ten bastante traballo de restauración”, resume o presidente, Miguel Montero.
Este tamén explica que van pedir a Portos outro departamento en Tragove que sexa máis grande porque agora teñen a actividade repartida en dous bastante pequenos, máis noutro espazo no polígono industrial, e non lles resulta nin operativo nin cómodo.
Aínda que estaba en Carril, a “Águila Tres” xa era coñecida polo clube pois a parella de mozos que a doou a tivo unha tempada en San Tomé e acostumaba a saír a remar pola ría, a disfrutar da navegación en embarcación tradicional que “é moi bonita, totalmente diferente, e nesta ría que temos... É un auténtico luxo”, conta Otero. Ela enganchouse nunha desas xornadas organizadas pola asociación a modo de escola de vela e que leva dous anos no aire por mor da pandemia; ela e moitos socios, segundo comentan. Pero a secretaria recorda que o proxecto do Clube Mariño Salnés vai máis alá de pasar un rato divertido: “O noso obxectivo é avanzar na recuperación das embarcacións tardicionais galegas e tamén na divulgación deste patrimonio, que a xente saiba que existe e que forma parte da nosa historia”.
De feito, ademais de arriar velas en canto poden, realizan outro tipo de actividades. Destacada é a súa xa habitual presenza no Festival Xironsa coa dorna “Julincheira”, a través da cal amosan as diferentes partes dun barco tradicional e que sempre chama a atención. Pero tamén novidades, como unha exposición fotográfica que esperan vexa a luz na primavera e na que exhibirán a totalidade dun proceso de restauración, segundo Bétol Pichel, a tesoureira. Ademais colaboran con artistas locais e xa teñen á venda a camiseta deste ano cun deseño cedido nesta ocasión polo reputado Lino Silva.
Conseguir todos os seus obxectivos cunha cuota anual de socio de 30 euros non é doado, así que, ademais de buscar axudas das administracións, sempren andan argallando iniciativas para conseguir financiación.