Xoán Antonio Pillado | “Só un 7 % dos 800 alcumes teñen relación co mar, esperaba moitos máis”

O profesor presenta o día 20 o seu libro “Onomástica popular de Cambados”, froito dunha década de investigación
Xoán Antonio Pillado | “Só un 7 % dos 800 alcumes teñen relación co mar, esperaba moitos máis”
Pillado Silvoso en Fefiñáns | GONZALO SALGADO

Por licenciatura e por paixón, o profesor Xoán Antonio Pillado Silvoso é un entusiasta investigador da historia local e desta volta centrou a súa sede de coñecemento nos alcumes, ou “alcuños, como lle chamamos en Cambados”. Unha década de investigación que resultou nunha interesante obra onde reúne máis de 800 sobrenomes xunto con explicacións sobre a súa orixe, características... Non é a primera pescuda sobre o asunto, pero quizais si a máis extensa e exhaustiva. “Seguramente algún quedara atrás”, comenta Pillado. O seguro é que moitos veciños vanse ver reflectidos en “Onomástica popular cambadesa” . A súa presentación terá lugar o mércores día 20, ás oito da tarde no Salón Peña. Estará acompañado polo concelleiro de Cultura, Liso González, o editor Antón Mascato e o académico Francisco Fernández Rei, que firma o prólogo.

 

Identificar todos os alcumes dun pobo semella moi laborioso, de anos. Como foi o proceso?

Empecei hai dez ou doce anos e case de forma casual, pero logo funme metendo máis a fondo, interesándome máis e fixen unha recompilación. Algúns quedarían atrás, pero a gran maioría están. Foi un traballo de investigación de campo, comezando por esas persoas que teñen esa memoria, que sempre coñecen moito dun lugar, dunha parroquia... e que me foron informando.  Logo fun ampliando, e ademais desa transmisión oral, nalgún caso había documentación porque no Arquivo Histórico Diocesano atopei algunha familia da que daban explicacións de que tiña tal alcume que en realidade fora un antigo apelido perdido, pero aos fillos, netos, etc. Aínda se lles identificaba por el.

 

Cantos conseguiu identificar?

Oitocentos e pico e cada un leva unha explicación do seu motivo e orixe, aínda que en moitos casos non o sabe nin a propia familia e só recorda cousas como: Ao meu avó xa lle chamaban así. Entón fixen un estudio lexicográfico e aventuro unha hipótese. Pois que vén de que a persoa que o orixinou dixo esa cousa ou tiña esa costume... Ese glosario é case coma un diccionario si, pero tamén fago unha introdución explicando a evolución dos nomes, apelidos e alcuños que logo convertíronse en apelidos, curiosamente, unha gran porcentaxe.

 

Adoitan orixinarse en oficios, defectos físicos, situacións vividas por quen os orixinou... Algún que lle chamara especialmente a atención?

Hainos de todas as clases e algúns van desaparecendo, pero unha gran maioría xurden por anécdotas, palabras empregadas ou costumes dunha persoa. Non podería quedarme con un, pero quizais o que máis me chamou a atención era que esperaba moitos máis referidos ao mar, sendo Cambados un pobo mariñeiro, pero só representan un 7 %. Pensei que era algo exclusivo de aquí, pero indaguei noutras vilas similares, como Rianxo, A Illa... E en todas, non chegan ao 10 %. O que máis é A Guarda e aínda así, entre un 11 e un 12 por cento.


Tamén ten algunha hipótese sobre esta chamativa escaseza?

Pois Francisco Fernández Rei, que firma o limiar e, mira, é coñecido como Paco o de Xenxa –pola súa nai–, falaba no seu discurso de entrada na RAG que na cultura e literatura galega había moita costa, pero pouco mar. Non aparece moi reflectido no seu vocabulario, sempre foi máis rural, de interior. Non sei o motivo, pode ser porque os motes teñen un afán diferenciador, por exemplo cando hai repetición de apelidos, e cando hai moita xente dedicada ao mar, como no caso, empregar termos relacionados con el non ía conseguir ese efecto.

 

E o máis singular que atopou e quizais propio de Cambados? 

Aínda que todo o mundo presuma de que no seu pobo é algo moi típico, poñer motes é algo universal, así que repítense moitos en todos os sitios –caramuxo, por exemplo–. Resulta curioso que no caso dos relativos ao mar sempre son de especies pequenas coma esta ou xouba, que normalmente empréganse para referirse a persoas baixas de estatura e a verdade é que aquí somos máis ben tirando a baixos (sorrí). De todo isto tamén falei hai tres anos nun traballo para a revista Ardentía, “O mundo do mar nos alcumes de Cambados”.

 

E quizáis o máis antigo, tendo en conta esa documentación atopada?

Pois facendo o estudo podes calcular que algún xa existía no século XVIII porque en escritos do XIX aparecen primos que o comparten. Tócame na familia, que temos luruxo, que é moi de Cambados. Non sabemos de onde procede, pero aventuro que pode vir de louro. Tamén hai que ter en conta que hai nomes, palabras, que ao mellor era moi usuales en séculos pasados e van desaparecendo.

 

Todo isto vai máis aló da simple curiosidade, fala da intrahistoria dun pobo. 

Penso que si. Detrás de cada un hai unha historia e algunha daba para escribir un libro porque hai persoeiros que tiveron protagonismo na historia local do noso pobo e nese aspecto tamén atopei un aliciente para facer este traballo. Falamos por exemplo de represaliados na Guerra Civil e doutros acontecementos. É a intrahistoria de Cambados; a historia non só son grandes fazañas e conquistas é a da xente corrente que co seu traballo e accións vai influindo no desenrolo dunha sociedade. 

Xoán Antonio Pillado | “Só un 7 % dos 800 alcumes teñen relación co mar, esperaba moitos máis”

Te puede interesar