O abismo climático

Entre titulares que relatan temperaturas históricas, incendios devastadores e cidades afogadas pola choiva, podería parecer que vivimos nun mundo de ciencia ficción. Mais non, estamos comezando 2025 e a realidade bate marcas, unha tras outra. Cos termómetros rexistrando un dos períodos máis cálido da historia, casas e territorio de California convertidos en cinza e Santiago de Compostela anegada pola chuvia, a emerxencia climática chama ás nosas portas con insistencia.


O curioso, porén gravemente alarmante, é que moitos gobernos abren as portas non para actuar, senón para rirlles na cara aos feitos que coa mudanza nos patróns climáticos ameazan á xente, aquí e acolá. Todo iso, malia que dende a Secretaría Xeral da ONU alertan que débese “actuar agora”, sen demora, para evitar empeorar a catástrofe climática á vista do informe da Organización Meteorolóxica Mundial, dada a coñecer poucos días atrás. Máis aínda, unha investigación da NASA proba que a Terra rexistrou un valor de 1,6 graos por riba da referencia anterior á etapa industrial, superando xa a barreira de seguridade dos Acordos de París.


Diante da emerxencia innegábel, cabería pensar que o mundo se está a organizar para dar resposta acaída á situación. Pero non, porque aquí entra en xogo unha nova relixión mercantil orientada: o “negacionismo” climático, que é ao mesmo tempo credo e clara estratexia política. Os seus adeptos predican que o cambio climático non é máis que unha “moda”. E, como todas as modas, pasará. Segundo eles, o planeta está “ben”, aínda que California arda, Santiago se anegue e os termómetros se disparen. Total, sempre se poden mercar máis ventiladores ou construír diques.


O máis preocupante é que esta cegueira non é inocente, senón calculada. Quen defende esta negación non o fai porque crea nela, senón porque convenlle. Mantendo á sociedade distraída entre discursos estériles, evítase falar das accións reais que farían falta: reorientar o modelo económico, limitar o consumo de recursos e apostar por enerxías renovables. Pero iso sería demasiado incómodo para os poderosos intereses económicos que financian campañas e compran vontades.


O drama máis grande desta emerxencia climática non é só a perda de ecosistemas, senón o extravío da razón mundial. Porque, para actuar, primeiro hai que recoñecer o problema, algo que moitos dirixente políticos, económicos e sociais néganse a facer. E aquí estamos, asistindo a propostas surrealistas mentres o planeta convértese nunha trampa de calor, lume e inundacións.


Non é preciso ser un imaxinativo redactor de guións para anticipar o final desta historia. Se seguimos por este camiño, acabaremos celebrando cimeiras internacionais para debater como combater o aumento da temperatura mentres habitamos un planeta árido. Ou, quizais, nalgún lugar de Galiza, debamos construír “arcas de Noé” modernas para sobrevivir ás choivas eternas. Mentres tanto, seguimos caendo sen freo no abismo climático, alleos ás ironías que o planeta xa deixou de tolerar.

O abismo climático

Te puede interesar