Había tempo que unha nova non era tan comentada en Cambados como a da venda do Pazo de Montesacro, xa non pola relevancia do edificio histórico, ou polo secretísimo coa que se levaba a operación, se non que polo uso que ten o inmoble, actual Asilo e Residencia da Terceira Idade de Cambados.
O derradeiro marqués de Montesacro, faleceu en Cambados en 1937 sen deixar fillos, polo que a súa muller decide vender o Pazo de Montesacro por 400 pesetas. Parece ser que coa intervención do empresario cambadés Manuel Otero, o Pazo foi adquirido pola orde relixiosa das Irmás dos anciáns desamparados, que xa eran propietarias do Pazo de Torrado, que fora doado polo seu dono ao morrer tamén sen fillos para ser destinado a asilo. Este edificio quedábaselles pequeno, polo que deciden vendelo e comprar o Pazo de Montesacro, que se converte en asilo en 1939.
En 1962, Magariños e medio cento de cambadeses mandaban unha opinión ao “Pueblo Gallego” onde pedía que a Deputación de Pontevedra paralizara a subasta da herdanza da Marquesa Viúva de Figueroa, do Pazo de Bazán, actual Parador, e que adquiriran o mesmo, para que non se perdera o Pazo e converter as súas vellas bodegas en “cementados garajes, o parcelar su parque, y revender el mismo, en el más lucrativo negocio, como ya andan maquinando, cambadeses y no cambadeses.” Pois tristemente parece que a historia repítese...
Na actualidade o Pazo de Montesacro é coñecido en Cambados como o “Asilo”, e coa súa venda non só se perde a posibilidade de visitar un inmoble histórico, ou dispoñer da capela de San Tomé para actos litúrxicos, se non o máis importante, pérdese o único Asilo de Cambados. Coa actual poboación que ten Cambados e o envellecemento da nosa vila cada vez son máis precisos os Centros de Día ou os Asilos nos Concellos, e Cambados non pode perder o Asilo.
Porque todo esto te daré menos Cambados, Fefiñáns y San Tomé