Facer todo o posible. Ou facer propaganda

Ano 2019. Previamente o plan Conta Código Ribadumia converteu a maior parte dos negocios locais en puntos seguros de axuda de información ante casos de violencia de xénero. Na Festa do Tinto colocouse un Punto Morado. Anunciouse días antes nos medios de prensa e nas redes, e na zona da festa había carteis indicativos do lugar onde estaba, que era ben visible. No Punto Morado había profesionais, un espazo diferenciado de certa intimidade onde poder atender ás mulleres adecuadamente, e estivo operativo de maneira case continuada (de 12:00 a 05:00) durante os tres días de festa. Contábase con ESMAR, entidade de apoio a vítimas de violencia censada en Ribadumia, e con mulleres voluntarias formadas meses antes na atención ante situacións de violencia. O persoal voluntario, paseaba por Barrantes, repartindo información, e en xeral informando de onde estaba o Punto Morado e de para que estaba a todas as mulleres, en especial as máis novas. Ao longo da festa por desgracia déronse varias situacións que requiriron da axuda das profesionais do Punto Morado. Pero alí estiveron, e cumpriron coa súa función.

Ano 2022. Púxose un Punto Morado na festa. Pero con diferenzas. O que había era unha carpa informativa, agochada entre furgonetas e lonxe da zona da festa; oculta. Non se anunciou a existencia do Punto Morado, nin se colocou unha sinalización que indicara onde estaba, nin sequera no stand da Comisión había información. Ninguén sabía que había un Punto Morado, por iso ninguén acudiu a el. Non se contou co apoio da asociación ESMAR nin de voluntariado. O horario do punto morado limitouse a unhas poucas horas pola tarde e ao principio da noite. E como en todos estes anos o goberno fixo un esforzo por liquidar calquera rastro do plan Conta Comigo, eses puntos seguros que eran os locais e negocios de Barrantes, xa non o eran tanto. Foi como se non houbera Punto Morado.

En 2019 eu era concelleiro de política social, e Ribadumia tiña un compromiso real e forte coa loita contra a violencia de xénero, con medidas e plans de prevención e loita que eran exemplares, e que funcionaban. Agora, no 2022, non sabemos nin quen leva a concellería de igualdade, que só existe de nome, e a loita contra a violencia de xénero limítase a unhas publicacións no Facebook.

David Castro dixo que eles fixeran todo o posible por evitar situacións de violencia de xénero na festa. Vistas as diferencias entre o ano 2019 e o 2022 no traballo de prevención da violencia de xénero e de apoio ás posibles vítimas, é evidente que David só fixo propaganda para aparentar, e nin sequera a fixo ben.


Facer todo o posible. Ou facer propaganda

Te puede interesar