Goberno nupcial

Hai mes e medio que se celebraron as eleccións autonómicas e, a pesares de existir unha maioría absoluta e non precisar unha negociación previa ou debater algún acordo de investidura, non temos escollido aínda Presidente. Xa non digamos goberno. Da a sensación de que as veces só hai traballo para gañar as eleccións e logo xa aí quede todo.


Por se non fose sorprendente esta falta de pulo (e poucas gañas de traballar, a verdade) a explicación desta demora é que o PP de Galicia tense que ir de voda a Madrid. Seica casa o alcalde de Madrid, ao que lle desexamos todas as felicidades do mundo. Con que non lle salga como a da filla de Aznar, onde unha boa remesa dos asistentes acabaron no cárcere, xa bastante ten. A Policía debeu utilizar aquel álbum da voda para os carteis de “Se busca”. Coñecendo algunhas amizades de Feijoo, todo pode pasar.


Poucas veces un exemplo tan nítido dese escenario que moitos cremos desfasado sobre a sumisión da política galega ante os intereses externos. Parece que hai quen quere alimentar esa imaxe de dependencia, e non hai por onde entendelo. Bastaba con cambiar a data da investidura e facela un venres, un xoves, un luns...ou dúas semanas antes. Bastaba con querer facelo antes, en definitiva.


Non se trata de negarlle a ninguén o seu lexítimo dereito á súa vida privada. Ao contrario. O que non é menos certo é que en calquera traballo do mundo o natural sería axilizar o chollo pendente para que non te coincida e listo. Sobre todo cando pode facerse.


Será que o importante é gañar eleccións (que o é) porque o único interese é o poder. A partir de aí todo pode menosprezarse, aínda que sexa construír un goberno para un país que necesita acción e resolución de problemas. Pacientes nos centros de saúde sendo atendidos por un programa informático, un proxecto industrial que xera xigantes dúbidas no medio de Galicia, o marisqueo en mínimos históricos...pero para que facer goberno se podemos adialo un par de semanas máis para ir de festa? Pois veña, que corra o champán e xa en Galicia que se amañen.

Goberno nupcial

Te puede interesar