A pasada semana, inaugurouse no Cemiterio municipal de Vilagarcía un monumento dedicado ás vítimas da violencia franquista. Este acto é un paso simbólico e importante, mais insuficiente, nun camiño que segue marcado polo desleixo institucional no cumprimento do mandado legal de reparación e recoñecemento. É urxente sinalar que a memoria democrática non pode quedar reducida a iniciativas puntuais nin a simples actos conmemorativos. Toca facer pedagoxía nunha causa que exixe verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición de feitos pasados.
A vixente Lei de Memoria Democrática establece a obriga de eliminar do rueiro municipal e das honras públicas os nomes de persoas que participaron nunha execución calculada para exterminar todo indicio de liberdades políticas e avances de xustiza social conquistados no breve tempo da etapa republicana. Non obstante, en moitos concellos persisten rúas, prazas e distincións que homenaxean aos verdugos daquel réxime, perpetuando unha ferida aberta na conciencia colectiva. A eliminación destes símbolos non é un acto de vinganza, senón un paso necesario para recoñecer ás vítimas e condenar, sen ambigüidades, o que foi un absoluto crime de lesa humanidade.
O cumprimento legal debe ir alén do simbolismo. É preciso abordar a memoria das vítimas desde unha perspectiva integral, recoñecendo tamén aquelas que non foron obxecto de crime mortal. O das mulleres sufriron violacións, rapto de bebés, torturas físicas e psicolóxicas, represión social e moral. Tamén piden reparación os danos materiais, como a usurpación de bens, o roubo de prendas das vítimas e as inxustizas prolongadas durante toda a ditadura, fóra dos primeiros anos de terror.
Esa insensíbel e moi inxusta invisibilidade das mulleres e doutros colectivos reprimidos é unha das grandes eivas no enfoque da memoria democrática. Ignorar estas historias perpetúa o silencio que buscaban os represores. Do mesmo xeito, é fundamental identificar aos verdugos. Non é suficiente falar de “vítimas do franquismo” sen nomear aos responsables da planificación calculada e da posterior execución dun exterminio orientado a borrar calquera signo de oposición ao réxime franquista nacido con golpe de estado militar. Este recoñecemento é esencial para evitar que se relativicen os crimes e para cimentar unha sociedade que se fundamente nos valores democráticos.
A memoria é, en última instancia, un exercicio de xustiza social. Mais para que sexa efectiva, debe ir acompañada de accións contundentes: o desmantelamento da simboloxía franquista, a reparación ás vítimas en todas as súas dimensións e o recoñecemento público dos crimes cometidos. Só así poderemos construír unha democracia sólida, baseada no recoñecemento da verdade e na reparación do dano. E só así poderemos deixar atrás, dunha vez por todas, as sombras dun pasado que aínda non é considerado na gravidade política e moral debida.
Ademais, resulta necesario acometer sen máis demora o que manda facer a Lei de Memoria, entendendo que a súa función non é só reparar, senón tamén ensinar. Ante as novas xeracións, expostas a un preocupante proceso de intoxicación e manipulación do relato histórico, a aplicación rigorosa desta normativa é esencial para garantir que comprendan os valores democráticos e o custo das liberdades conquistadas. Esquecer, ou deturpar a memoria do pasado, ameaza o futuro.