Este pasado 1 de marzo Somos Ribadumia cumpriu dez anos. Que se di pronto. Naceu, como moitas outras formacións ao longo do país, nun momento político intenso. Dende entón, moito choveu e moito mudou a situación.
A nos déronnos por mortos varias veces, pero seguimos aquí. E seguimos penso que por tres motivos. O primeiro: lealdade. Con nós mesmos, e con manter o esencial do noso proxecto, municipalista e centrado nos problemas da nosa veciñanza. O segundo: organización. Somos Ribadumia non é o caos visto en outros sitios, con formatos que de tan puros resultaron autodestructivos ou tan verticais que cando o líder se vende a un grande, o partido desaparece. Somos un grupo organizado e estruturado, cos órganos de decisión e de traballo ben definidos. Terceiro: traballo, moito traballo. Para min, o traballo diario é o que asenta os proxectos políticos, aparta a certo tipo de persoas, e fai equipos fortes e estables.
A isto sumámoslle que gracias precisamente ao noso carácter municipalista, desenvolvémonos con total transversalidade. Non depender “dos de arriba” nin de proxectos tan amplos como etereos e alonxados da realidade, permítenos desenvolver unha política libre de ataduras e moito máis próxima as persoas, o cal é a nosa principal razón de ser.
Esta fin de semana pasado celebramos a nosa asemblea anual. Nela analizamos a nosa situación e concordamos en que ademais de ter un proxecto moi estable, estamos indo polo camiño que nos marcamos. Os datos demostran que traballamos moito máis en todos os aspectos da vida política que calquera outra forza no noso Concello e, permitídeme que o poña en valor, que calquera forza na oposición da comarca. Sergio, que asumiu a concellería en xuño do 2023 sen apenas experiencia, ano e medio despois é o Concelleiro con máis información e coñecemento da xestión do noso Concello, máis incluso que calquera membro do goberno, e está desenvolvendo un papel crucial nas relacións do partido con colectivos e coa veciñanza. Ademais, non está só. Ten con él un equipo estable e en crecemento, con persoas que queren aportar e axudar a que o noso Concello e a calidade de vida da nosa veciñanza mellore.
Resumindo: 10 anos despois somos un proxecto estable, forte e con futuro.
A maiores, hai unha realidade que pasa desapercibida: Somos Ribadumia non está só no panorama político do país. O municipalismo non é un movementos morto, nin moito menos condenado, de feito goberna e lidera a oposición en varias ducias de Concellos de toda Galicia. E estamos moito máis conectados do que se pensa, a través de mecanismos de colaboración e grupos de traballo. Esta fin de semana haberá un encontro, un de moitos, que pasará seguramente desapercibido, pero que nos fará un pouco máis fortes de cara o futuro político do noso país. Un futuro que será municipalista ou non será, pois está visto que o “sota,cabalo e rei” por si só non se vai mover, nin vai traer cambio ningún.