Diario Oficial de Galicia ven de publicar a licitación da concesión da Piscifactoría de Tragove, unha nova concesión que pode chegar a ser de 50 anos e que de partida, vai supoñer uns ingresos de 103.983,12 euros anuais máis o 1% da cifra de negocios do novo concesionario para Portos de Galicia, o que pode incrementar a contía aos 150.000 euros, polo que se a concesión administrativa da Piscifactoría de Tragove chegase aos 50 anos, vai supoñer uns ingresos de 7,5 millóns de euros para Portos de Galicia.
Deses 7,5 millóns de euros, que vai recibir Portos de Galicia, esperemos que quede algo para a limpeza ou o alumeado público do Paseo Marítimo, da Alameda de San Tomé ou da Calzada, e que ano tras ano temos que pagar tódolos veciños de Cambados.
Pero o que máis sorprende deste anuncio é que mentres hai uns meses o Partido Popular de Cambados volvía a anunciar a intención de facer unha praia artificial no Saco de Fefiñáns se gañaban as eleccións municipais, os seus compañeiros en Santiago, estaban a preparar a documentación para sacar a concesión dunha piscifactoría por 50 anos a poucos metros de onde tiñan proxectado facer o areal anhelado pola dereita cambadesa.
Outro dos datos importantes a ter en conta, son os criterios para escoller o novo concesionario, así as medidas medioambientais e de valoración dos sistemas empregados para o control medioambiental do novo concesionario é o criterio que menos importa na valoración das ofertas presentadas, supoñendo unicamente como máximo o 4% da puntuación total na valoración das distintas ofertas que se presenten. Mentres tanto, lemos hoxe nun xornal que hai 20 anos era noticia que a produción de berberecho baixara en Cambados de 125.000 quilos a 1.000 en dous anos...
Cambados perde unha oportunidade única de derribar a antiga Piscifactoría de Tragove e volver a abrir o Saco de Fefiñáns ao mar e que se volvera a rexenerar a zona marisqueira de forma natural como xa sucedeu hai uns anos cando se fixo a primeira ponte de Tragove. Pero pola contra apóstase polo negocio privado en detrimento dos nosos recursos naturais. ¿Por que Portos de Galicia actúa de forma mercantilista sacando novamente a concurso a Piscifactoría de Tragove? Igual cando se resolva a Concesión teremos a resposta, pero daquela xa será tarde.
Por que o mar bate nas pedras, pero sempre gaña o mar.