Subvencións para os morosos

A finais do ano pasado entrou a vigor a Lei “Crea e crece”, e entre os seus artigos hai unha modificación lexislativa que pode pasar desapercibida, pero esta nova norma modifica tamén a Lei Xeral de Subvencións, introducindo un novo apartado, no que establece que as empresas que non cumpran a Lei de Morosidade nas operacións comerciais non poderán solicitar subvencións de contía superior a 30.000 € .


A Lei de Morosidade sinala que o prazo máximo de pagamento establécese en 30 días naturais desde a data de recepción da mercadoría ou da prestación do servizo, aínda que poderá ampliarse ata os 60 días se hai acordo entre as partes. Con esta medida, atopamos varios problemas: Non poderán optar a subvencións as empresas que incumpran estes prazos (aínda que só sexa nunha factura) e, normalmente, as empresas que solicitan subvencións son empresas con dificultades económicas e, polo tanto, poden non cumprir a lei de morosidade.


Pero o que máis chama a atención é que esta mesma vara de medir que aplica a Administración para as empresas, non se lle aplique para si mesma. Así vemos como no derradeiro trimestre, só na provincia de Pontevedra, un total de 25 concellos non cumpriron co período medio de pago a provedores que establece a lexislación, debendo máis de 30 millóns de euros as empresas. Mesmo hai concellos na comarca que dende que se fan públicos estes datos de morosidade, non cumpriron en ningún trimestre, pero pola contra seguen recibindo subvencións públicas. Axudas que agora se lle denegan as empresas simplemente polo feito de deber unha única factura durante máis de 30 días.


Pero o máis triste de todo isto, é que detrás das débedas das administracións hai persoas e traballadores que precisan desa liquidez para poder afrontar o día a día, e que non teñen os mesmos dereitos que ostentan quen os administra.
Por que as débedas son débedas, veñan de onde veñan

Subvencións para os morosos

Te puede interesar