Abraham Lorenzo é tesoureiro do Ateneo Vikingo e ten anécdotas infinitas sobre este colectivo e a Romaría Vikinga, na que leva participando dende cativo e na que ata chegou a case sacarlle un ollo a seu pai cunha espada. Hoxe cóntanos iso e moito máis.
Como nace o Ateneo Vikingo?
Ten as súas orixes no Ateneo do Ullán, que nos anos 50 xuntaba xente da música, da cultura... na cantina da estación de tren e entre unhas tapas e unhas cuncas de viño empezaron a pensar en darlle un extra a esas comidas que a xente facía tradicionalmente nas Torres de Catoira. E no 61 decidiron facer a primeira Romaría Vikinga. O primeiro que se disfrazou de vikingo nas Torres foi Pedro Montañés, de Rianxo. E no 68 introduciuse o primeiro desembarco cun barco. A finais dos 90 decidiron cambiar o nome a Ateneo Vikingo, que era máis acorde.
Outra data importante para a asociación é 2002, non?
Si. No 2002 a asociación empezou a ter o seu propio barco, o galeón, para a Romaría. E no 2001 tivemos unha anécdota con Capitanía Marítima, que nos parou o barco en plena Romaría e dixo: ou baixades 10 ou 15 do drakkar (barco de guerra vikingo), ou non podedes seguir. E eses tiveron que baixar e ir por terra. A raíz diso, a asociación preocupouse de organizar tamén por terra, xa que os vikingos non atacaban soamente por mar.
Que cre que ten a Romaría para levar tantos anos e atraer cada vez máis xente?
Unha das claves é que a xente que vén a Catoira pode participar e implicarse na festa. Nos San Fermíns ves pasar os touros e en Catoira ves pasar os vikingos, como animais. Non é coma na semana do teatro, que fai a Escola de Teatro de Catoira, que aí si, sentas de público e ves unha obra de teatro. A Romaría Vikinga é algo que non ten explicación. Hai xente que nos ve e nos pregunta que ten que facer, se pode participar. Nós miramos se veñen acordes e dicímoslles: únete ó grupo e fai o que fan os demais. Iso gusta, porque síntense vikingos por un día.
"Cando veñen aquí os daneses e ven o mercado interno que temos de espadas, escudos, cascos... quedan anonadados"
Pero as torres “vikingas” en realidade non o son, senón que eran os vikingos quen as atacaban...
Si. Moita xente nos pregunta: pero vós que celebrades aquí? Celebramos unha derrota. Pero naquela época houbo derrotas e vitorias. Nalgunhas batallas pasaron e noutras conseguimos defendernos. Pero a Santiago chegaron. Catoira e esa fortificación, que data do ano 1.000, daquela era un sitio moi importante.
Agora teñen un proxecto cun novo barco, non si?
Si, dende hai tres anos estamos con ese proxecto, que a ver se o damos rematado dunha vez. Fáltanos que nos bote unha man alguén. A asociación ten os cartos para pagar para que nos axuden a transformar este barco que compramos, de poliéster, nun “knarr”, que era un barco de transporte.
Con canto tempo preparan a Romaría Vikinga cada ano?
Acaba a deste ano e o luns xa estamos a darlle voltas para o ano seguinte. Pero realmente onde preparamos o desembarco é o día do Ateneo Honesti. Reunímonos nas Torres bastantes socios e imos planificando o día forte.
E que nos pode contar deste ano?
Xa levamos anos co círculo de Lon, onde facemos unhas pelexas, que se ensaian. Porque hai quen pensa que se poñen alí a pelexar ó chou. A base de facelo démonos de conta de que o máis seguro para que ninguén se metese no medio era facer un círculo, xa que ó principio era un enfrente do outro. Porque as armas son de verdade, eu xa lle din a meu pai unha vez que nos rompeu unha espada e levou tres puntos nun ollo, que non o perdeu por un centímetro.
De onde saen esas armas?
Hai xente en Catoira que fai as espadas, escudos, cascos... Hai un mercado interno propio que cando veñen os daneses, os vikingos orixinais, quedan anonadados.
Pero por exemplo o do casco con cornos din que non era realmente algo que usasen os vikingos...
Son típicos de Catoira. Que os vikingos tivesen algún? Pode ser, pero usábanos para facer rituais nórdicos, non para ir á batalla, porque se che pegan un espadazo con iso posto, estás morto.
Que destacaría da cultura vikinga?
Que é un grupo de pobos que se levan a matar, pero cando se xuntan non hai quen os pare. Eran auténticos bárbaros.
É merecida a fama que teñen?
Eu chego a estar naquela época en Catoira e véxoos chegar pola Ría... igual arrío Ría arriba. Tiña que impoñer moito. Nós démoslle un toque máis divertido.
Que máis actividades fai o Ateneo?
Este ano fixemos a 29ª edición da andaina, que se fai o 17 de maio e na que tamén facemos sorteos. Tamén tivemos a Xanela Aberta, unha revista mensual que repartiamos polos locais de Catoira. Chegamos a sacar 180 números. A ver se a recuperamos. Tamén temos o día do Ateneo Vikingo Honesti, cunha comida cos socios, aínda que pode vir quen non sexa socio, pagando 20 euros. Facemos un pasarrías co barco, que é unha experiencia única, e pola tarde, xogos populares.
Como animaría a que a xente se achegase a coñecer esta cultura vikinga de Catoira?
En Catoira temos as portas abertas e hai que vivilo e sentilo. Todo o mundo che pode dicir que a súa festa é a mellor, pero esta foi a nai de todas as festas e feiras francas que se fan agora.