O 7 % dos arousáns recoñece non usar nunca o galego e a perda de falantes chega tamén ao ámbito máis rural

Vilagarcía é o concello donde menos se utiliza, só o 36 % da poboación, fronte a Rianxo cun 99 %
O 7 % dos arousáns recoñece non usar nunca o galego e a perda de falantes chega tamén ao ámbito máis rural
O profesor de lingua galega, Xosé Francisco Noia, co seu alumnado do IES Cabanillas de Cambados con unha das actividades realizadas co gallo das Letras Galegas | MÓNICA FERREIRÓS

O galego é unha das 157 linguas coas que pode manexarse Google e está no posto 136 dos idiomas máis falados de todos os que existen. É posible comunicarse en galego ao 100 % no día a día do territorio galego, coa garantía de que calquera te vai entender. Aínda así –e segundo as estatísticas oficiais publicadas polo IGE– é unha lingua cada vez menos falada pola xente máis nova e que tende a perder seguidores non só nos entornos urbanos, senón tamén nos rurais. “Que vai pasar cando falten os avós, que son os que falan esa lingua nas casas?”, pregúntanse os profesores de galego Xosé Francisco Noia e Edith Pazó. 

 

O certo é que os datos falan por si sós. O 7 % dos arousáns que participaron no estudo recoñecen non utilizar nunca esta lingua oficial. Na comarca do Salnés a perda dos falantes en galego é notable, sobre todo entre as novas xeracións. Aínda así o 64 % admite que sempre fala esta lingua na súa vida diaria, fronte a un 25,2 % que o combina co castelán e un 10,5 % que non o fala nunca

“Fálase máis galego en Galicia que catalán 
en Cataluña ou euskera no País Vasco”

O responsable do servizo de Normalización Linguística de Universidade de Santiago (USC, Manuel Núñez Singala, lanza unha mensaxe positiva respecto ao uso da lingua galega. Sinala que “aínda que poida parecer que non, fálase máis galego en Galicia que catalán en Cataluña e euskera no País Vasco”. Explica que de todas as linguas que hai no mundo –que son moitas–o galego ocupa o 136 no ranking das máis faladas. “É algo que sempre chama a atención cando facemos algo nos coles”, explica Núñez. Lembra ademais que, por exemplo, Google está dispoñible en 157 linguas e que o galego é unha delas, ao igual que é un idioma dispoñible noutras plataformas como son Facebook, Youtube ou Instagram. O responsable de Normalización Lingüística da USC indica que “en Galicia podes desenvolverte perfectamente en galego o 100 % da túa vida, porque sabes que te van a entender, aínda que non o falen. É algo que non acontece con outras linguas, por iso tamén temos que non tender a ver sempre o vaso medio baleiro”. Nuñez indica que “temos unha lingua que o ten todo para perpetuarse, pero precisamos co compromiso dos falantes”.

É Vilagarcía a localidade que baixa notablemente a media en canto a falantes. De feito só o 36 % admite usalo sempre, o dato máis baixo de todo O Salnés. No lado contrario está A Illa, donde o 92,4 % recoñece utilizar sempre esta lingua ou Ribadumia, cun 88,7%, ou Meaño co 93,8 % dos enquisados na mesma situación. Son ambos –xunto con Meis– donde o galego está máis vivo. Iso si, cunha perda alarmante de falantes entre os menores de 20 anos. Pola súa banda Sanxenxo é o segundo municipio con menos falantes sempre en galego –cun 61 %–, mentres que en O Grove son un 73 %, en Cambados un 77 % e en Vilanova un 81 %. Datos que a priori parecen positivos, pero que contrastan coa percepción que se ten, por exemplo, dende as aulas. “Cada vez fálase menos”, recoñece Xosé Noia. O mesmo que Manuel Núñez, responsable do servizo de Normalización Lingüística da USC. “O uso do galego é cada vez máis cativo porque se perdeu a transmisión xeracional, que é unha condición indispensable para que as linguas se perpetúen, que os pais llas transmitan aos fillos. Hai moita xente que mantivo o galego en épocas moi complicadas, pero é certo que hai xeracións que optaron polo castelán porque consideran que é unha ferramenta de ascenso social”.

64 %
no salnés
É a comarca de Arousa cun menor número de galegofalantes. Un 
10,5 % admite non falar esta lingua nunca

 

A situación do galego é un pouco mellor na zona do Barbanza. Alí, segundo os datos do IGE, o 83 % dos cidadáns enquisados usan esa lingua. O 4,5 % recoñece non empregala nunca. Destaca –moi por encima dos outros concellos– Rianxo, cun predominio do 99 %. Donde menos falantes hai é na Pobra, cun 71 % admitindo o uso continuo. O 23 % combina galego e castelán na súa vida diaria. En Ribeira o 78,8 % apostan por esta lingua oficial sempre e en Boiro son un 88,3. Iso si, coa mesma tendencia que no Salnés, que é a de que a maior parte dos galegofalantes teñen máis de 60 anos de idade.

Xosé Noia | “Noto eivas grandes co tema do galego. 

Ás veces na aula parece que imparto inglés”

“Eu diría que sobre o 10 % do alumnado fala galego e tirando moi polo alto”. Así expón en cifras a situación da lingua o profesor de galego Xosé Francisco Noia. El dá clases no Cabanillas, o instituto de Cambados no que desembocan tamén rapaces doutras zonas máis rurais como Ribadumia. “Dos que veñen daquí da vila non o fala ninguén. Os que o falan son os que veñen das parroquias”, explica. Iso si, incide en que aínda segue existindo ese sentimento de “autovergoña” e que practicamente a totalidade dos rapaces que falan galego nas súas casas nas aulas mudan para o castelán. “Sobre todo na ESO. Si percibo que cando chegan ao Bacharelato hai máis casos de galegofalantes”. Iso si, o profesor fala da ruptura xeracional á hora de transmitir o idioma, algo no que tamén coincide a súa compañeira de departamento Edith Pazó. Ambos tamén afondan no feito de que os rapaces agora non teñen referentes en galego nos ámbitos nos que eles se moven. “Si, coñecen ás Tanxugueiras, pero Os Heredeiros da Crus, As Fillas de Cassandra ou Dios ke te crew non lles sonan de nada. Non chega esa música a eles”.
De feito Xosé recoñece que nota “moitas eivas” e que “ás veces estou dando clase e parece que imparto inglés”.
O traballo que fan dende este centro cambadés en materia de normalización lingüística é notable. De feito teñen radio propia, buscan motivar aos rapaces con proxectos audiovisuais e levar o uso da lingua máis aló de datas sinaladas como poden ser as Letras Galegas ou a celebración dos Maios. “Non queremos caer nunha ritualización do idioma. Queremos que perciban que co galego poden chegar a donde queiran. De feito participamos no festival Olloboi que se fai en Boiro presentando curtas e no que se gañan premios. Alí ven a directores e actores coñecidos e perciben o idioma doutro xeito”, explica o profesor. A súa compañeira Edith ten unha opinión moi semellante á súa. “Co galego que se dá na escola non é suficiente para garantizar que non se perda. Se non se fala na casa ou non o usan na súa vida fóra das aulas o que se fai aquí non chega”, sinala.
Como unha posible saída Xosé fai referencia a “inculcar a relación que hai co portugués e eles acéptano de bo grado porque iso ábrelles un mundo de posibilidades”.
Xosé incide en que “a concienciación é fundamental como sociedade. Partir de que todas as linguas suman, ter referentes que che fagan pensar iso. É o que dicía, a nosa música galega non chega a eles”.
O certo é que o mudar o galego polo castelán para sentirse “aceptado” é algo que os profesores do Cabanillas perciben día tras día. Ariana Oubiña, unha rapaza cambadesa que cursa 2º da ESO, recoñece que ela fala galego na casa e exprésase de marabilla nese idioma. Apunta que dos 30 compañeiros cos que comparte aula como moito só dous falan galego e que ela, no instituto, muda ao castelán para falar coas súas amigas. 
Tanto Xosé como Edith sinalan que “na nosa época todos tiñamos algún tipo de referente. Ou se falaba galego nas casas ou tiñamos, por exemplo, o Xabarín Club. Estes rapaces van deixar de ter estes referentes e iso é un problema para o idioma”. Apuntan a que o raio de esperanza experiméntase no Bacharelato cando “algúns pois optan por falar o galego, aínda que cada vez son moitos menos. O que hai que facer é tentar que haxa conciencia nas casas”. Edith manifesta que “temos que saber vender mellor o galego. Saber vender tamén o pequeniño”.


A comarca de Ulla-Umia é a que lidera en número de usuarios do galego. De feito admite falalo sempre un 86 % e nunca tan só un 4,8. Con diferencia son Valga e Cuntis donde máis se emprega de forma habitual –96 % e 94 % respectivamente– e Moraña é donde menos cun 73,8 %. Pola súa banda en Portas admiten falalo sempre un 89 %, en Pontecesures un 82 %, en Catoira un 84 % e en Caldas un 81. Núñez recoñece que “o castelán é a lingua que empregan os nenos e parece que o galego é unha lingua de adultos”. Iso si, entende que “hai esperanza porque o uso da lingua depende de cambios sociais e estes son imprevisibles. O hebreo era unha lingua que estaba morta e se recuperou e o traballo que se está facendo co euskera é outro exemplo claro”. 

 

O galego está entre as 30 linguas máis usadas en internet. De feito neste ámbito está por diante doutros idiomas que –na práctica– multiplican por catro ou incluso por cinco o número de falantes. É un ámbito no que está moi normalizado

O 7 % dos arousáns recoñece non usar nunca o galego e a perda de falantes chega tamén ao ámbito máis rural

Te puede interesar